7/29/2010

A Pomba do Arco celebra as XV Xornadas de Historia Local.

Os vindeiros 2,3,4 e 5 de Agosto a Casa da Cultura de Foz vai acoller a décima quinta edición das Xornadas de Historia Local que como ven sendo tradicional a Asociación Socio-Cultural A Pomba do Arco organiza na vila focega na primeira semana de Agosto.

A Pomba do Arco considera que estas xornadas estanse a converter en toda unha referencia na labor de résgate e de posta en valor da historia de Foz, como un todo, dentro do que é a historia de Galiza. Nunca entendemos desde A Pomba do Arco a historia local como un micromundo do saber concreto e moito menos un aparte que servise de refuxio ao reino da erudición. A historia local para nos é un xeito de achegarnos ao mundo desde o que nos é máis cércano e unha forma de comportarnos como galegos nun mundo globalizado.

As mulleres e os homes que formamos parte da Pomba do Arco sentémonos satisfeitos do traballo desenvolto ao longo destes trece anos, non por dar consolidado unha actividade que nace da sociedade e ao marxe das institucións, senón pola nosa modesta contribución a dotar ao Concello de Foz dunha historia de seu. Nunca acreditamos na existencia de pobos sen historia, e o tempo transcorrido desde a primeira edición das xornadas fixeron bo este axioma do que partimos aló polo 1995.

O luns 2 de Agosto darán comezo as Xornadas cunha charla concerto a cargo de Mini e Mero, membros fundadores do grupo “Fuxan os Ventos”, que levará como título “Os cantares de Foz” no que estes dous veteranos músicos cantarán cantigas de cego referidas a nosa zona así como cantares característicos do Concello de Foz. Neste sentido queremos destacar que Mini e Mero inclúen no seu repertorio catro temas novos que son “O Máis enxebre de Foz”, “Da fraga da degolada” e “Sr Roque” dous temas con letra de Xosé Ramón de Boni que se cantaron en Foz nos anos 40 e 50 e que reflicte feitos da vida local dese ano así como “El nuevo Poblador”.

O Martes 3 de Agosto o Profesor Antón Niñe, persoa dunha importante bibliografía sobre a historia local, impartira unha conferencia sobre os 70 anos do Colexio Martínez Otero, onde repasará a historia deste centro educativo. Antón Niñe acompañará a súa intervención cunha proxección de diapositivas que recolle fotos das promocións de focegos e focegas que pasaron por este centro educativo ao longo desta sete décadas. A maiores Antón Niñe referirase ás ordes relixiosas que rexentaron o centros (menesianos, maristas e salesianos) así como aos fitos máis destacados deste colexio.

O Mércores 4 de Agosto intervirá Alba Díaz, unha nova investigadora, Licenciada en Historia, natural de Nois, que está a preparar a súa tese de doutoramento sobre o cambio social e a conflictividade rural na Galiza das catro últimas décadas. Alba Díaz. Alba Díaz presentara un traballo co título “ O rural de Foz.1960-1980”, no que analizara os cambios sociais e económicos que se viven fora da vila neste periodo tanto no plano económico, como demográfico, como cultural, facendo destaque que vai ser este período onde as entidades que conforman o Concello viven a súa máis importante transformación como consecuencia da perda do peso demográfico pero tamén pola modificación da súa estructura de producción.

As xornadas fecharanse o Xoves 5, cunha intervención do Profesor Ramón Reimunde, sobre “A literatura de tradición oral no Concello de Foz”, na que este veterano estudioso da nosa literatura e da nosa lingua fará unha achega a nosa tradición oral, tanto aquela de caracter anónimo como aqueloutra de poetas populares como Boni, Campá ou o Escolástico. O profesor Reimunde tamén dará a coñecer vellas coplas focegas, algunhas do século XIX, recollidas no marco dun traballo de investigación sobre a tradición oral na nosa Comarca.

As conferencias celebraranse as 20:30 horas na Casa da Cultura focega, querendo desde A Pomba do Arco convidar a todos os veciños de Foz e da Mariña de Lugo destas xornadas. Nesta ocasió o cartel das xornadas correspondese cunha foto de Foz Ruth Matilde Andersen, tomada no ano 20. Paralelamente as Xornadas a Casa da Cultura Focega acollerá unha exposición sobre “O Castro da Atalaia” da autoría de Mariña Patrimonio.

7/24/2010

Concello e construtor non cumpren coas súas obrigas

Concello e construtor non cumpren coas súas obrigas e Patrimonio entérase dos estragos producidos no castro da Atalaia, grazas á acción dos veciños e de MariñaPatrimonio.

MariñaPatrimonio informou o 28 de xuño de 2010 ao servizo de patrimonio cultural sobre a caída dun muro nunha das vivendas do castro da Atalaia por mor das intensas choivas rexistradas na pasada primavera.

Trala visita ao xacemento realizada polo arqueólogo da Xunta, a xefa de servizo de patrimonio cultural remitiunos un escrito onde se nos informa que “ o muro afectado pertence á vivenda mellor conservada” e que “ ao inundarse a zona debeu producirse o seu colapso”; engade ademais, e é o máis preocupante, que “non se pode descartar que o derrubo fose provocado(...) xa que unha das portas fora forzada e incluso depositárase escombro preto das estruturas arqueolóxicas”.

Dende a Dirección Xeral de Patrimonio instan ao Concello á “adopción de medidas que garantan que non se volva producir a entrada nos solares de xente non autorizada” e lembran que unha resolución desta Dirección Xeral obriga o contrutor “a adopción de medidas de protección, co tapado provisional dos restos arqueolóxicos”.

Estes feitos, derivados da meteoroloxía adversa ou pola acción imprudente dalgunha persoa, evidencian a vulnerabilidade do xacemento e o seu deterioramento.

MariñaPatrimonio apoia esta resolución do Director Xeral do Patrimonio Cultural posto que o tapado provisional é a medida máis acaída para protexer as estruturas das inclemencias climatolóxicas así como dos posibles desaprensivos. Asemade, esíxelle a Patrimonio un maior control do que suceda no castro, ao construtor que cumpra canto antes a resolución de Patrimonio e ao Concello que, tal e como recolle a Lei, tome as medidas cautelares necesarias para protexer este ben patrimonial .

Tendo en conta os beneficios que o castro da Atalaia lle pode proporcionar a San Cibrao, cómpre que Patrimonio, construtor e Concello cheguen canto antes a un entendemento para que sexa posible comezar os traballos de recuperación e posta en valor deste importante xacemento.

7/19/2010

Nota de prensa de MariñaPatrimonio sobre os acordos da Dirección Xeral de Patrimonio en relación co castro da Atalaia

Coñecidos os acordos da Dirección Xeral de Patrimonio en relación co castro da Atalaia, MariñaPatrimonio quere expresar a súa satisfación tras conseguir que a Xunta de Galicia decida conservar o xacemento e recoñeza o seu extraordinario valor arqueolóxico.

Queremos en primeiro lugar felicitar os veciños de San Cibrao que se opuxeron á destrución deste xacemento así como felicitar tamén a todas as persoas e asociacións que colaboraron na defensa do castro.

Por suposto, felicitamos á Dirección Xeral de Patrimonio pola súa atinada decisión e recoñecemos o esforzo do señor alcalde, Alfonso Villares, por enmendar os gravísimos erros cometidos polo anterior equipo de goberno, do que formaban parte José Insua, José manuel Balseiro e o propio Alfonso Villares, ao conceder as licenzas de obra, malia coñecer a existencia dun xacemento arqueolóxico, e ao non acatar a orde de paralización ditada por Patrimonio. O resultado destas accións foi a destrución de 1600m2 deste excepcional xacemento.

MariñaPatrimonio volverá solicitar unha reunión co Conselleiro de Cultura para, ademais de achegarlle os nosos parabéns pola decisión adoptada, nos garanta que non se vai permitir ningunha nova construción enriba do xacemento, dado que queda claro tanto nos acordos da Comisión Provincial de Patrimonio como nos informes dos técnicos de Cultura así como nos acordos da Dirección Xeral de Patrimonio que a conservación dos restos é incompatible cos proxectos construtivos. En definitiva, agardamos que estes acordos non dean pé a interpretar a posibilidade de construír cun novo proxecto ou co xa existente, pero maquillado. A conservación do xacemento é incompatible con calquera proxecto urbanístico.

Así mesmo, MariñaPatrimonio continuará traballando para que se clarifique o nivel de responsabilidade do Concello na destrución do Patrimonio por outorgar licenzas presuntamente ilegais e non obedecer a orde de paralización ; do construtor pola presunta destrución de patrimonio arqueolóxico inventariado ;da empresa de arqueoloxía contratada polo construtor que realizou as escavacións e do anterior equipo de Patrimonio da Xunta de Galicia por presuntas irregularidades.

A nosa asociación estima que o castro da Atalaia pode chegar a ser o gran referente arqueolóxico do norte de Galiza e apoiará todas as accións que a Xunta de Galicia e o Concello de Cervo leven a cabo para acadar este obxectivo.

7/16/2010

Primeiro trunfo dos veciños de San Cibrao e de MariñaPatrimonio

Primeiro trunfo dos veciños de San Cibrao e de MariñaPatrimonio que despois de 3 anos de loita conseguiron que a Xunta de Galiza decida conservar o castro da Atalaia e non permita continuar construíndo sobre o xacemento.

Abaixo podedes ler o comunicado da Xunta. Proximamente dende MariñaPatrimonio faremos unha valoración máis detallada sobre este feliz acontecemento.


A Dirección Xeral de Patrimonio acorda a conservación in situ dos restos do castro de Punta Atalaia, no concello de Cervo

Dos estudos realizados despréndese que podería tratarse dun dos asentamentos antigos de meirandes dimensións da Mariña lucense

Lugo, 16 de xullo de 2010.- A Dirección Xeral de Patrimonio resolveu que os restos achados do castro de Punta Atalaia, no concello de Cervo, deben ser conservados in situ debido ao seu valor arqueolóxico e histórico.

A Dirección Xeral estima que pode tratarse dun dos asentamentos de meirandes dimensións da Mariña lucense, que se estende cara ao mar, cara a terreos de dominio público marítimo terrestre, polo que podería dar lugar a un gran proxecto arqueolóxico.

Os restos exhumados evidencian unha complexidade urbanística froito dunha longa e continuada ocupación e transformación deste espazo, que está na orixe da vila de San Cibrao. Na súa orixe é adscribible ao período galaico-romano, no cambio de era e primeiros séculos despois de Cristo, á que se superpoñen estruturas medievais.

Os estudos realizados destacan a extensión, densidade e variedade das estruturas arqueolóxicas documentadas, pero tamén a recuperación de abundantes materiais nobres, vitais para a interpretación do xacemento, evidenciando a súa vinculación coas actividades marítimo-pesqueiras e o comercio, testemuñado pola abundancia de restos cerámicos de importación.

En definitiva, a Dirección Xeral de Patrimonio entende que os valores do asentamento o fan merecedor de ser conservado como ben integrante do Patrimonio Cultural de Galicia, sometido ao réxime de protección establecido na lei que regula este tipo de bens –Lei 8/95, de 30 de outubro-.

A conservación dos restos é incompatible cos proxectos construtivos que se proxectaban sobre esta área. Foron estas actuacións, en concreto a construción dun edificio na zona, as que nun primeiro momento confirmaron a existencia de restos arqueolóxicos, e conduciron a unha prospección máis en profundidade das zonas que aínda non se viran afectadas.

Realizáronse escavacións en área na case totalidade da superficie que ocuparían as vivendas aínda non executadas, evidenciando a importancia dos achados e obrigando, polo tanto, á adopción de solucións protectoras para os restos.

Consellería de Cultura e Turismo



7/12/2010

Asociacións culturais da Mariña chaman a homenaxear o Martes 13 a Rosalía de Castro en Burela


As asociacións culturais da Mariña organizan o vindeiro Martes 13 de Xullo a partir das 20:00 h no Parque Rosalía de Castro de Burela un acto de homenaxe a Rosalía de Castro coincidindo co 125 aniversario da morte da nosa poeta nacional. Este acto responde a intención do movemento cultural da Comarca de dignificar, divulgar e poñer en valor a obra desta grande escritora así como reivindicar o uso público e o carácter laico do panteón de Santo Domingos de Bonaval onde está enterrada e que ven de ser fechada ao público polas autoridades eclesiásticas.

Os colectivos culturais convocantes do acto consideran fundamental lembrar o patrimonio que nos legou esta grande galega que non se cingue só a unha obra poética aínda hoxe non superada e que a cada vagada cobra máis actualidade senón ao conxunto do seu corpo literario e tamén da súa actitude vital, que senta as bases para a recuperación escrita do idioma que nos é común e nos identifica como galegos e galegas.

O acto a celebrar en Burela o Martes 13 consistira nunha lectura de tres textos de Rosalía a cargo do escritor Miguel Sande, da xornalista Olga Castro e do pintor Celso Dourado cuxas intervencións intercalaranse con actuacións musicais a cargo do grupo burelés Dambara. Asemade as asociación organizadoras do acto darían lectura ao poema de Curros “Na morte de Rosalía” como reivindicación da autora homenaxeada e tamén como demanda da actualidade e da vixencia das esixencias do poeta de Celanova.

As asociación que organizan este acto chaman a toda poboación da Mariña a sumarse a esta homenaxe en Rosalía a Burela e considera prioritario a participación nesta actividade festiva do maior número de persoas posíbel, tanto polo necesario recoñecemento de Rosalía de Castro como pola urxente reivindicación da apertura do Panteón de Galegos Ilustres, baixo unhas mínimas condicións en canto a horarios, titularidade e aconfesionalidade do recinto

Asemade os colectivos convocantes que tamén están adheridos a Plataforma nacional que promove unha homenaxe nacional para o 15 de Xullo en Compostela a Rosalía queren convocar a todos os mariñaos a participar desta xornada en Compostela e lembrar que haberá autobuses desde A Mariña para acudir a Compostela. Aquelas persoas que pretendan acudir a manifestación poden chamar ao Tlf:608-555-010.

AC. Francisco Lanza. C.Cultural Ollomao, AC. A Pomba do Arco, C. Cultural Buril, MariñaPatrimonio, AC. Arrincadeira, AC. O Milleiro, Irmandade San Caetano, AC.Mardouro, AC. Anduriña.

7/10/2010

Sala de Arte da Casa da Cultura de Burela Exposición: O CASTRO DA ATALAIA. UNHA MOSTRA EXCEPCIONAL DO NOSO PATRIMONIO



COÑECER O PATRIMONIO PARA PROTEXELO.

Coa exposición O CASTRO DA ATALAIA. UNHA MOSTRA EXCEPCIONAL DO NOSO PATRIMONIO, pretendemos que a cidadanía coñeza este valioso xacemento arqueolóxico e o patrimonio histórico que se pode chegar a perder, se a Xunta de Galicia permite a súa destrución para que un construtor edifique sobre o xacemento.

A exposición inaugurarase o próximo día 12 de xullo ás 20 h na Sala de Arte da Casa da Cultura de Burela, onde poderá ser visitada até o día 30 de xullo en horario de 11 a 23 h e de 18 a 20h (de luns a venres) e de 18 a 20h os sábados.