12/13/2008

Cantos máis mellor

Mediante esta campaña de captación de socios e socias, MariñaPatrimonio aníma a toda a cidadanía a participar máis activamente na defensa e o disfrute do patrimonio.

Se queres sumarte á nosa asociación cumprimenta o impreso de inscrición que se pode descargar aquí e faino chegar á xunta directiva.

A cuota de inscrición é de 10 €

Descarga aquí: http://documents.scribd.com/docs/a24sb5fx9hn0k5hhk0l.pdf

11/16/2008

Estudio do cuncheiro do Castro da Atalaia

Meses antes da concesión das licenzas urbanísticas que ameazan o Castro da Atalaia, como resultado da realización dunha obra próxima ao cantil do faro, apareceu un cuncheiro vinculado ao castro, que foi analizado por arqueólogos da Dirección Xeral de Patrimonio e do que se emitiu un informe, que amosamos aquí:


Que son as saunas castrexas?

A web culturagalega.org publica unha entrevista moi interesante , o asturiano Ángel Villa Valdés, arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do Principado de Asturias, quizais o maior especialista mundiail en saunas castrexas, na que se explica en que consiste unha sauna castrexa e valora a importancia destas instalacións, que califica como "conxunto patrimonial de primeira orde na arqueoloxía protohistórica europea".


Posible muralla do castro da Atalaia

Cabe a posibilidade de que unha parte da muralla do castro da Atalaia estea ao descuberto. MariñaPatrimonio amosa as fotos neste enlace

Viva nun castro costeiro

Facémonos eco desta magnífica entrada na que se sintetiza maxistralmente o sucedido na Atalaia de San Cibrao

11/03/2008

OS HABITANTES DOS CASTROS


O pasado venres, día 31 de outubro, Mariñapatrimonio organizou unha nova actividade. Nesta ocasión tratouse dunha didáctica e interesante Charla sobre Os habitantes dos castros a cargo do arqueólogo Eduardo Ramil Rego. O acto tivo lugar na Casa da Cultura de San Cibrao.
Nesta Charla, despois dunha introdución sobre as fases do fenómeno castrexo, falouse sobre os asentamentos, a súa organización interna, a economía, a vida cotiá, a artesanía e a arte.
Ao remate do relatorio, os asistentes interviron con preguntas que axudaron a coñecer mellor diferentes aspectos do fenómeno cultural castrexo.
Ese mesmo día inaugurouse unha exposición sobre este mesmo asunto que permanecerá aberta até o día 14 de novembro nas dependencias da Casa da Cultura de San Cibrao.
Eduardo Ramil Rego é arqueólogo e director do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba e autor dos libros Os primeiros campesiños de Galicia:neolítico e megalitismo e Os primeiros moradores de Galicia, así como de moitos artigos en revistas especializadas e colaboracións en obras colectivas.
A Asociación Mariñapatrimonio segue interesada en contribuír á posta en valor do noso patrimonio e agarda que esta Charla e maila exposición, contribúan a coñecermos mellor o noso pasado.
Dende Mariñapatrimonio queremos agradecer ao Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba e ao seu director Eduardo Ramil a súa colaboración nestes actos.





10/28/2008

Conferencia-exposición sobre "Os habitantes dos castros"


MariñaPatrimonio esta empeñada en sensibilizar á cidadanía da importancia do Castro da Atalaia. É por iso que programa esta actividade divulgativa que inclue unha exposición que permanecerá quince dias aberta ao público.


10/25/2008

Novo e grande achádego na Atalaia

MariñaPatrimonio trasladou hoxe aos medios de comunicación un novo achádego que, de confirmarse, incrementa notablemente a importancia do Castro da Atalaia

En xullo de 1974 no transcurso dunhas obras na Atalaia de San Cibrao nunha horta da chamada “a casa de Dorita “, descubriuse un edificio soterrado na area. Debido á importancia do achádego, a Dirección General de Bellas Artes paralizou as obras e realizou unhas escavacións arqueolóxicas., crese que baixo a dirección de Manuel Chamoso Lamas. As escavacións foron visitadas polo Presidente da Deputación Provincial de Lugo o día 20 de xullo.
O diario El Progreso fíxose eco desta noticia, segundo comprobamos,nas publicacións do 12, 13, 17 e 21 de xullo dese ano; porén, e a pesar da intensa búsqueda, non conseguimos ningún informe das escavacións.
Como é ben sabido, hai algo máis dun ano que os veciños de San Cibrao, especialmente os da Atalaia, veñen traballando para que o castro da Atalaia, vítima da cobiza construtora e da desidia dos que gobernan, non desapareza. Durante este tempo escoitamos con verdadeiro interese o relato dos recordos que os veciños gardan sobre o edificio da horta de Dorita: a súa localización, a súa forma rectangular, as escaleiras de acceso, os bancos corridos nunha das súas salas, unha especie de ventá, a cuberta de falsa bóveda sobre a que descansa unha laxe de granito de grandes dimensións, a existencia de túneles…Todos aseguran que o edificio foi novamente tapado e que aínda se conserva.
Estes datos achegámosllos a varios arqueólogos para que nos explicasen que podía ser esta construción. A resposta foi clara: estabamos describindo un tipo de construción castrexa coñecida como monumento con forno tamén denominada pedra formosa, sauna castrexa ou balneario castrexo.
Os monumentos con forno aparecen en moi poucos castros, trátase dunha construción de carácter monumental que teñen un forno e cumpren a función de sauna- balneario. Estas saunas seguen todas o mesmo modelo de ubicación e de construción: sitúanse nunha zona de acceso ao castro, ademais están semienterradas e contan cunha escaleira para acceder ás salas; son de planta rectangular, teñen varias estancias ( vestíbulo, antecámara, cámara e forno). Unha das salas ten bancos corridos e están cubertas por unha falsa bóveda. A suposta ventá, da que falan os veciños, podería ser o oco que comunicaba a cámara co forno e os túneles servían para a condución da auga.
As fotos publicadas por El Progreso nas datas que indicabamos arriba, confirmáronnos a veracidade dos datos aportados polos veciños: vense as escaleiras de acceso, a falsa bóveda, a enorme laxe sobre a bóveda e a “ventá” ( ou a posible unión entre a cámara e o forno), da que o periodista comenta:
“ En el interior de la cueva- puede verse en las fotografías de Sergio- aparece una especie de horno formado por dos columnas y un dintel”.
Todo isto indícanos que, posiblemente, no castro da Atalaia teñamos un monumento con forno, sería o terceiro de Galiza. No noroeste da Península Ibérica, no territorio que ocupou a cultura castrexa (Portugal, Asturias e Galiza), na actualidade coñecemos16 balnearios castrexos. Co do castro da Atalaia sumarían 17, coa particularidade de que este sería o mellor conservado e o único que mantería a falsa bóveda. De confirmárense as nosas teorías, para o que cumpriría escavar e estudar outra vez o edificio, estariamos ante unha sauna castrexa practicamente intacta, o que suporía unha das descobertas máis importantes do mundo castrexo dos últimos anos.
Dende Mariña Patrimonio, debido á importancia dos achádegos do xacemento da Atalaia, ameazado pola especulación urbanística, agardamos que entre todos se atope unha solución, se evite a incomprensible destrución do noso patrimonio e que definitivamente se paralicen as obras e se anulen as licenzas de construción para, así, protexermos este valioso xacemento.
Salvemos o castro da Atalaia.


As fotos do monumento con forno publicadas en El Progreso poden verse no seguinte enlace:
http://picasaweb.google.es/mr.patrimonio/MonumentoConFornoSaunaCastroDaAtalaia#

Xosé Ramón Fernández Pacios falou de corsarios na Mariña nos seculos XVIII e XIX




O público que se achegou ao Museo de Mar de San Cibrao na tarde de onte saiu ben satisfeita da conferencia que o investigador focense Fernández Pacios nos regalou. O relato, rigoroso e ameno, serviu para realizar un percorrido pola actividade de barcos con patente de corso e dos seus tripulantes corsarios, de procedencia inglesa, francesa, vasca e mesmo galega, que se achegaron ás nosas costas aló polo século XVIII e tamen no XIX.


10/12/2008

OS CORSARIOS NA COSTA DE LUGO


A Asociación Mariñapatrimonio organiza o vindeiro venres día 24 de outubro , ás 20 horas, unha conferencia de Xoán Ramón Fernández Pacios que terá lugar no Museo do Mar de San Cibrao. O historiador focego falará sobre Os corsarios na Costa de Lugo. Séc. XVII-XIX . Fernández Pacios fará unha achega ás incursións dos corsarios extranxeiros nas nosas costas así como as dotacións de corsos armadas por veciños da Mariña.
Xoán Ramón Fernández Pacios é licenciado en Historia pola USC e autor de diferentes traballos sobre a Idade Media e a Idade Moderna na Mariña é autor de tres libros nos que destacariamos O Camiño de Santiago na Mariña de Lugo e Foz, un pobo con historia de seu.
Mariñapatrimonio convida a este acto, que se desenvolverá nunha das salas do Museo do Mar e estará apoiada por unha proxección de imaxes, ás persoas interesadas por coñecer a actividade dos mariños e corsarios nas nosas costas.
A asociación agradece a colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo para a organización desta actividade.

8/09/2008

UN ARQUEÓLOGO ENVIADO POR CULTURA CONFIRMA O ACHÁDEGO DE TRES PETROGLIFOS NO CASTRO DA ATALAIA DE SAN CIBRAO



O dia 8 de agosto un arqueólogo, enviado pola Delegación Provincial da Consellería de Cultura, acompañado por Manuel Miranda membro da nosa Asociación, visitou o Castro da Atalaia de San Cibrao para inspeccionar os achádegos de gravados rupestres sobre os que Mariñapatrimonio informou o pasado mércores.


O arqueólogo confirmou que, sen dúbida, existen alomenos 3 petroglifos e outro dubidoso debido ao estado de deterioro que presenta, xa que se ten feito lume enriba da pedra. Este técnico da Consellería de Cultura e Deporte terá agora que emitir un informe sobre estes gravados e cando isto sexa confirmado oficialmente os lugares onde se atopan estes petroglifos pasarán a ser considerados BIC ( Ben de Interese Cultural ) e ficarán, por tanto protexidos.


Mariñapatrimonio considera que o descubrimento destes gravados rupestres é importantísimo para a nosa comarca pois, como xa se dixo, serían as primeiras mostras de arte rupestre na zona. A existencia de pretroglifos no Castro da Atalaia contribúe a pór en valor este lugar tan destragado pola especulación urbanística que estamos a soportar.


Mariñapatrimonio fai un chamamento para que veciños e visitantes respecten esta zona e para que a Administración—Concello e Xunta de Galiza—paralicen dunha vez por todas a desfeita do Castro.


A confirmación da existencia destas mostras de arte rupestre é unha moi boa noticia para todos e anímanos a seguir traballando na defensa e divulgación do noso rico patrimonio.
Seguimento na prensa:

ARTE RUPESTRE NO CASTRO DA ATALAIA



Os tres grandes fenómenos culturais da prehistoria de Galiza son: o megalitismo ( mámoas, pedras fincadas, etc) ; a arte rupestre ao aire libre, máis coñecidos como petroglifos; e os castros.


A Atalaia de san Cibrao conta con dous destes fenómenos culturais: o castro, que se conserva nun excepcional estado, a pesar da mutilación que sufriu hai un ano por un violento golpe de ladrillo , e vestixios de arte rupestre (cazoletas de petroglifos), que hoxe Mariña Patrimonio quere dar a coñecer .



Os arqueólogos consultados por Mariña Patrimonio coinciden en sinalar que estas cazoletas son parte de petroglifos. Con todo, haberá que agardar a que
futuros estudos verifiquen a autenticidade e a magnitude destes restos.



Os petroglifos son gravados nas rochas, normalmente de granito; na súa maioría datan da Idade do Bronce e localízanse maioritariamente na provincia de Pontevedra. Na provincia de Lugo tamén se ten descuberto algún, concretamente no sur da provincia; os máis próximos á mariña están ubicados en Xermade e Vilalba. Por tanto, de confirmarse a súa autenticidade, sería a primeira mostra de arte rupestre na mariña lucense.



Estes gravados a lei considéraos BIC (Bens de Interese Cultural), é didir, reciben a figura legal de protección más importante que pode recibir calquera ben cultural. Por iso, MariñaPatrimonio confía en que esta nova descoberta axude a protexer o noso Patrimonio histórico e impida a edificación dos tres edificios que se pretenden construír sobre este importante xacemento.




Seguimento na prensa:

7/30/2008

AS LICENZAS DA ATALAIA RECURRIDAS

ADEGA e un bo numero de viciños de Cervo e San Cibrao, apresentan no concello de Cervo un recurso de revisión contra as licenzas concedidas no Castro da Atalaia.
ADEGA presentou publicamente este recurso en rolda de prensa que se resume no documento que segue:


Seguimento na prensa:

7/29/2008

ESTO É O QUE HAI... NO CASTRO DA ATALAIA



Para despexar calquera dúbida a respecto da importancia do castro da Atalaia, mariñapatrimonio amosa esta reportaxe fotográfica na que se pode apreciar de forma secuenciada a evolucion dos acontecementos ocurridos desde xuño de 2007 e os resultados das excavacións efectuadas na segunda parcela, non destruidos como na primeira, que demostran a dimensión e a riqueza deste xacemento.





QUE ESTÁ A PASAR NA ATALAIA DE SAN CIBRAO

Este é o relatorio da desfeita no castro da Atalaia


7/02/2008

CANDO AS CRUCES DE CERVO FALEN...

MariñaPatrimonio proponse recoller todos os esforzos de moitas persoas que estiveron e estan a traballar na posta en valor do noso patrimonio. Hai anos xa que Paz Rodríguez Silva, Jose Manuel González-Copa e Francisco Piñeiro patearon o concello de Cervo e recolleron información sobre cruces que existen e existiron. Eles cederon a MariñaPatrimonio este traballo para a súa divulgación, ainda que xa foi publicado no seu momento na revista Queimada, que edita a AACC Airiños do Xunco.

SAN CIBRAO 2013

7/01/2008

SALVEMOS O CASTRO DA ATALAIA



O pasaso venres, 27 de xuño, tivemos unha boa ocasión de poñer en claro que está a pasar en San Cibrao con respecto ao Castro da Atalaia. As partes implicadas neste bochornoso asunto -Concello de Cervo, Consellería de Cultura- tiveron ocasión de expor os seus puntos de vista, coa participación, a xeito de contrapunto, das asociacións que se veñen persoando neste tema como ADEGA ou LugoPatrimonio.

MariñaPatrimonio tentou con este acto, ademais de clarificar os feitos, que se poidan extraer conclusións en positivo; que se aporten vías de solución a un conflicto que pon en perigo un ben patrimonial de valor recoñecido hoxe por todas as partes implicadas: un xacemento arqueolóxico pertencente a un poboado castrexo de tamaño moi considerable que se pode equiparar a algúns dos grandes conxuntos castrexos que hoxe están postos en valor no país.

A presencia de público foi numerosa e participativa, manifestando moito interese no tema a traves das súas intervencións dirixidas aos ponentes da mesa. O acto prolongouse durante dúas horas e foi ilustrado de forma moi profusa con fotografias aportadas por membros de mariñapatrimonio. Estes documentos gráficos despertaron gran interese no publico asistente xa que demostran a enorme importancia que parece ter este xacemento, cualificado polo propio Delegado Provincial de Cultura, como notable ou sobresaliente.


Os ponentes convidados, Lois Dieguez, de LugoPatrimonio e Daniel Vispo, de ADEGA, fixeron unha defensa moi ben argumentada da necesidade de tomar medidas urxentes que impidan a destrucción deste ben patrimonial, acusando ao concello de Cervo de neglixencia na xestion do conflicto.


Pola súa banda, o Alcalde de Cervo defendeu a actuación do concello argumentando que non é da súa responsabilidade a defensa dese xacemento, senón exclusivamente da Consellería de Cultura.


O público participante manifestou a súa preocupación polo futuro do xacemento e fixo un chamamento a todas as administracións públicas competentes para que actúen de forma coordinada e eficaz na defensa do Castro da Atalaia.

NACE MARIÑAPATRIMONIO


Froito da iniciativa dun grupo de mariñáns, nace en Sargadelos, enclave de referencia do noso patrimonio, a Asociación Sociocultural Mariña Patrimonio, que ten como fins principais os que seguen:

- Defensa do patrimonio cultural, material e inmaterial recollido este no seu sentido máis amplo dentro do territorio da comunidade autónoma de Galiza.

- Defensa do patrimonio natural.

- Defensa, promoción e uso do idioma galego no camiño da súa normalización, pois representa a maior riqueza patrimonial creada polo pobo galego. A este fin, o idioma galego é a expresión propia e oficial usada en todos os ámbitos da Asociación.

- Promoción e realización de actividades e proxectos de todo tipo encamiñados á súa divulgación e xeral coñecemento.

-Edición e propagación de traballos que o popularicen.

- Cantas outras actividades lícitas que sexan da conveniencia e dos intereses comúns dos asociados e asociadas. Os beneficios que se obteñan por calquer concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nen outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.