A
Fundación Eira da Xoana (da asociación ecoloxista ADEGA), Mariña
Patrimonio e Irmandade
Santo Estevo, pretenden adquirir,
recuperar, estudar e protexer unha parcela situada ao carón da Fraga
de Santo Estevo do Ermo. Nesta parcela atópanse os restos da antiga
igrexa de Santo Estevo, o seu antigo cemiterio e as ruínas das
cabanas das eremitas que habitaron esta máxica fraga. Para poder
adquirir esta parcela, actualmente plantada de eucaliptos, requírese
da colaboración e axuda económica da comunidade.
Santo
Estevo do Ermo é unha pequena fraga situada no medio do extenso
eucaliptal no que se converteu a Mariña Lucense. Esta fraga,
localizada no concello de Barreiros, está moi ben conservada, grazas
ao esforzo e traballo dun grupo de veciños asociados na Irmandade
Santo Estevo. Santo Estevo é un oasis de especies autóctonas cunha
rica biodiversidade tanto de fauna como de flora, incluíndo fentos
pouco comúns, ameazados e vulnerables.
O lugar está
atravesado por un río que forma unha fermosa fervenza ou
“revertedoiro”. Neste sitio, tamén coñecido como Augas Santas,
hai dúas fontes milagreiras: a de Santa Rosa e a do Ferro, ás que
desde tempos inmemoriais acoden centos de persoas para curar diversos
males. Neste máxico lugar, atópase tamén unha rocha coas pegadas
do cabalo do apóstolo Santiago e mais unha capela “nova”,
arredor da cal se celebran importantes romarías.
A parcela
que se pretende mercar actualmente é un eucaliptal, pero neste
sitio, baixo un impresionante abrigo rochoso, consérvanse os restos
da antiga igrexa de Santo Estevo do Ermo, posiblemente de cronoloxía
moi antiga e que puido cristianizar un lugar previamente sagrado.
Segundo a documentación conservada, nesta parcela erguíanse as
cabanas onde vivían as eremitas e un antigo cemiterio de orixe
medieval. Nun extremo da parcela tamén se atopa un “cuncheiro”
onde, ademais de cunchas, apareceron ósos e cerámica medieval.
O
obxectivo das citadas asociacións é mercar o terreo, eliminar os
eucaliptos, recuperar a fraga, realizar estudos arqueolóxicos e
valorar a posibilidade de levar a cabo unha escavación. Para
adquirir a finca, comezar os traballos de recuperación e realizar
unha primeira prospección arqueolóxica, necesitaríanse 6000 euros.
A compra realizaríase a nome da Fundación Eira da Xoana, que está
constituída como fundación e recoñecida como de interese
galego.
As doazóns á Fundación Eira da Xoana teñen dereito
a dedución na cota do IRPF (para cantidades que non superen os 250
euros, a dedución é do 80% para persoas físicas e do 40% para
empresas; isto é, se a achega é de 100 euros, recupéranse 80 ao
facer a declaración da renda). Para beneficiarse desta dedución, ao
realizar a doazón é necesario indicar o nome do doante e no
concepto poñer “DOAZÓN”. Posteriormente, débese enviar o
xustificante e mais os datos fiscais (nome e apelidos, número do
documento de identidade e localidade do domicilio) á Fundación, na
dirección de correo electrónico: fundacion@eiradaxoana.gal. A conta
da Fundación Eira é ES11 2080 5034 6130 4000 7939.
Para máis información, podes contactar connosco no teléfono 659 683 384 (Eira da Xoana)
Grazas por colaborar.