12/14/2015

O CASTELO DO MONTE DA ARCA DE ARGOMOSO, NOVO CASTRO INVENTARIADO NO CONCELLO DE MONDOÑEDO.


O Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura vén de incluír no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural un novo sitio arqueolóxico coa denominación Castelo de Monte da Arca e coa clave de identificación: GA27030036
O castro do Monte da Arca de Argomoso, aínda que non figuraba no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos, xa o historiador José Villamil Y Castro no seu libro Los castros y mámoas de Galicia (1876) fai referencia a el describíndoo do seguinte xeito:
“En el llamado Monte d´arca, que domina á la cíudad de Mondoñedo, existe la que dicen Modorra de los Moros. Está situada en la Croa del monte y compuesta de un área de 300 metros de circulo, defendida por triple parapeto, fabricado de gruesa pared, y de un profundo foso, muy perceptible desde muchos sitios de la ciudad de Mondoñedo, que la rodea por un tercio de su circuito, único por donde necesita semejante defensa, pues por los otros dos, la ladera, al NO, del monte, se presenta tan asperísima (y en parajes completamente vertical), que sólo es visitada por los corpulentos buitres que anidan en las anfractuosidades de la rocas que la componen”.
Con esta inclusión, o castro do Monte da Arca de Argomoso súmase oficialmente ao rico e abondoso patrimonio arqueolóxico que atesoura o concello de Mondoñedo.

11/30/2015

Vikings na Mariña.

Na rodaxe do documental que complementará a próxima tempada da popular serie Vikings.
Take5 Productions, a produtora da serie, gravou na mota dos Moutillós, na praia de San Román (O Vicedo) e na basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz).
O equipo contou coa presenza de Neil Price, prestixioso arqueólogo da Universidade de Uppsala (Suecia), coa doutora da Universidade de Aberdeen (Escocia), Irene García, e co profesor da USC, Manuel Gago.
Unha nova experiencia da que nos tarda xa ver os resultados.
 




10/27/2015

A CROA E O CASTELO, DOUS NOVOS XACEMENTOS NO CONCELLO DE XOVE

 Croa Antemil
Despois da solicitude realizada por Mariña Patrimonio diante da Consellería de Cultura o pasado mes de agosto, o Servizo de Patrimonio Cultural vén de incluír no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural dous novos sitios arqueolóxicos coa denominación Castro da Croa e Castro Castelo e coas claves de identificación: GA27025031- GA27025032, respectivamente.
 
Croa Antemil
O castro da Croa atópase no lugar coñecido tamén como Antemil, na parroquia de Xuances. Trátase dun castro costeiro no que se observa un sistema defensivo composto por dous parapetos e mais un foxo. O sistema defensivo vese reforzado pola súa estratéxica situación, así como pola impresionante altura do cantil no que se atopa.
 
  Croa Antemil 
Por outra parte, o xacemento do Castelo,actualmente plantado de eucaliptos, é un recinto fortificado por un só parapeto e atópase a uns 400m do castro costeiro, e asemade xacemento medieval, de San Tirso de Portocelo.
Xacemento do Castelo e castro de San Tirso de Portocel 

O verdadeiramente salientable da inclusión destes xacementos no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos é que os dota dunha protección legal, que debería garantir a súa conservación para que as vindeiras xeracións poidan gozar destes bens patrimoniais.





8/05/2015

Presentación do libro Louselas (Ribadeo, Lugo). Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica,

 O próximo venres, 7 de agosto, ás 20:30 horas na librería Casa das Letras de Ribadeo, terá lugar a presentación do libro Louselas (Ribadeo, Lugo). Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica, de Eduardo Ramil Rego e Jose Ramil Soneira.
Os datos que temos sobre os inicios da poboación humana na rexión cantábrica son escasos, a pesar dos moitos vestixios atopados en diferentes depósitos. A maioría dos estudos coñecidos son parciais e pouco exhaustivos. Esta publicación é un fito na investigación, é a primeira vez que se presenta en Galicia unha monografía científica sobre un xacemento do Paleolítico Inferior.
O xacemento de Louselas (Ribadeo) está situado preto da desembocadura do río Eo, nel recuperouse o maior número de ferramentas achelenses da rexión Cantábrica, atribuída a unha fase pouco evoluída, con escasa representación na Península Ibérica, e que permite propoñer unha antigüidade de 450.000 anos para o xacemento.
Os homínidos que se estableceron en Louselas correspondería á especie Homo Heidelbergensis, portadores da cultura Achelense.

A presentación do libro é unha actividade organizada por Mariña Patrimonio, Casa das Letras, A. C. Francisco Lanza e Asociación de Veciños O Tesón

Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías

 Antonio Reigosa o pasado venres enfeitizounos na Librería Bahía de Foz cunha Galicia encantada e fantástica.

7/27/2015

Presentación en Foz de Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías edición de Antonio Reigosa.


O próximo venres, 31 de xullo, ás 20:30 horas na librería Bahía de Foz, terá lugar a presentación do libro Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, de Antonio Reigosa.
O libro Galicia Encantada, o país das mil e unha fantasías, en edición de Antonio Reigosa, ilustrado por Noemí López, é unha das novidades da colección LIBROX de Xerais.
O proxecto Galicia Encantada naceu no seu día para navegar pola internet e, agora, dez anos despois, faise libro. Unha parte dos documentos atesourados na web durante este tempo, revisados e actualizados, transmútanse en papel impreso coa gozosa pretensión de compartir a marabilla dos mitos, lendas, ritos, contos e outros sucedidos, case sempre sorprendentes. Un cento de historias que percorren este «País das mil e unha fantasías» de norte a sur, de leste a oeste, do mar á montaña, da terra ao aire, da auga ao lume. Viaxes de ida e volta, desde o mundo real ao imaxinario e viceversa, guiados polo saber de máis de medio cento de coautores que exercen de cronistas da memoria dunha Galicia sabia e auténtica, irremediablemente encantada
A presentación do libro é unha actividade organizada por Mariña Patrimonio e a Librería Bahia.

7/23/2015

MARIÑAPATRIMONIO SOLICITA INVENTARIAR COMO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO A TURBEIRA DE AREALONGA , SAN MIGUEL DE REINANTE.

Mariña Patrimonio ven de solicitar ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza a inclusión da turbeira de Arealonga, San Miguel de Reinante, Barreiros (Lugo), no inventario de xacementos arqueolóxicos, trala aparición dunha cornamenta de cervo e outros restos óseos da fauna que habitou no lugar hai uns 8000 anos.
Mariña Patrimonio considera necesaria que a Xunta inclúa este lugar como xacemento para que sexa debidamente protexido e se evite calquera acción que poida danar a turbeira e/ou os restos que conserva.

A TURBEIRA DE AREALONGA SAN MIGUEL DE REINANTE, BARREIRO, LUGO

Baixo as areas de Arealonga acóchase unha importante turbeira.
Algúns invernos o mar leva area da praia e deixa ao descuberto a turba que conserva os restos dun antigo bosque que, segundo as probas do carbono catorce, ten unha antigüidade duns 8000 anos.
O pasado inverno a superficie que quedou descuberta foi especialmente extensa.

 A acción do mar sobre a turba provocou o desprendemento de numerosos fragmentos que quedaron depositados na parte alta do areal.
 
Ao longo do inverno estes fragmentos foron disgregándose deixando á vista restos óseos dos animais que habitaron este bosque hai uns 8000 anos.
A aparición deste tipo de restos é algo excepcional en Galicia debido á acidez do solo, que impide a súa conservación. A turba, que actúa como conservante, permitiu que estes restos chegasen até nós.
 Na primavera comezamos a ver polo areal as rodeiras de pas mecánicas que pisaron os restos da turba e mesmo estiveron a piques de destruír varios ósos.

 Varias persoas, que adoitan pasear por este areal, recolleron ósos procedentes da turba e
entregáronos a unha representante do CEMMA na Mariña (Coordinadora para o Estudo dos
Mamíferos Mariños).
 Entre os ósos entregados destacan fragmentos de mandíbula e cornamenta de cérvidos.
A comezos de verán, no transcurso do acondicionamento da praia, unha pa mecánica retirou unha gran cantidade de fragmentos de turba, susceptibles de conservar restos óseos.
Tamén se realizaron movementos de area para encauzar tanto o río da Barranca coma un rego que se atopa xunto ao río. Estas prácticas poñen en perigo a turbeira e os restos que conserva; por iso, Mariña Patrimonio vén de solicitar ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia a inclusión da turbeira de Arealonga no inventario de xacementos arqueolóxicos co obxectivo de que se protexa e se evite calquera acción que a poida danar.

7/09/2015

Danos na tumba medieval da praia de Coto (Barreiros)

En maio de 2014 dábamos a coñecer a existencia dunha tumba medieval labrada na rocha na praia de Coto (Barreiros); hoxe falamos de novo desta tumba porque, lamentablemente, o mar levou unha parte dela.
 








Fraga das Vigas

 Durante o roteiro do pasado domingo pola Fraga das Vigas.



Durante o roteiro do pasado domingo pola Fraga das Vigas

6/24/2015

NOVO ESPOLIO NO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DE ESTABAÑÓN -VIVEIRO

  ADEGA, MariñaPatrimonio e Pensamento e Sementeira presentamos no Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil unha denuncia polo posible espolio na vila romana de Estabañón, situada na praia da Area do concello de Viveiro
Unha vez máis, este importante sitio arqueolóxico foi vítima da acción irresponsable e ilegal dos “caza-tesouros” que, nesta ocasión, escavaron na zona en que o Servizo de Costas do Ministerio de Medio Ambiente realizou en 2007 unha cata arqueolóxica. Esta cata no seu momento foi ridiculamente protexida e na actualidade atópase totalmente desprotexida, tal e como temos xa denunciado noutras ocasións.
Sen dúbida, un xacemento importante coma este, sen ningún tipo de protección, con catas abertas e con material arqueolóxico á vista, constitúe un reclamo para os furtivos do Patrimonio.
Lamentablemente, os espoliadores, os temporais e as desafortunadas intervencións de Costas están afectando gravemente o xacemento de Estabañón.
Por iso, as asociacións denunciantes demandamos novamente á Dirección Xeral de Patrimonio Culturas que se adopten con urxencia as medidas necesarias que eviten a desaparición e o espolio deste ben patrimonial.

4/08/2015

A XUNTA NON AUTORIZA O PROXECTO DE ESCAVACIÓN ENCAMIÑADO A PROTEXER O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DAS CATEDRAIS


O proxecto presentado por varios colectivos culturais non consegue a autorización
que permitiría o estudo, a documentación e a recollida de restos cerámicos do forno romano de Esteiro, situado na zona da Praia das Catedrais.

Tras os temporais de 2014 que afectaron gravemente o xacemento romano da zona da Praia das Catedrais, oito asociacións culturais contactamos coa Dirección Xeral de Patrimonio, non só para informar sobre a situación crítica na que se atopaba o sitio arqueolóxico, senón tamén para demandar unha intervención de urxencia que evitase a desaparición dos restos arqueolóxicos e que permitise obter a información científica que agocha o forno romano de Esteiro. 
Conscientes de que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta non ía actuar coa rapidez necesaria, os oito colectivos culturais decidimos aunar esforzos para contratarmos un equipo de arqueólogos que realizase a demandada intervención arqueolóxica. Con este obxectivo en febreiro de 2015 enviamos a Patrimonio o noso proxecto de intervención, ao tempo que solicitabamos a pertinente autorización.

Debido á tardanza dunha resposta por escrito e despois de coñecer que a Xunta non estaba disposta a ver danada a súa imaxe delegando na sociedade civil a protección dun xacemento arqueolóxico, o pasado mes de marzo decidimos iniciar unha campaña para informar á opinión pública sobre a precaria situación na que se atopa o xacemento arqueolóxico de As Catedrais.

Coincidindo coa posta en marcha da campaña informativa, Patrimonio contactou telefonicamente con nós para comunicarnos que permitiría a nosa intervención arqueolóxica, unha vez que enviásemos as autorizacións do Servizo de Costas e do propietario do terreo. Pero este trámite non o chegamos a realizar, a pesar de contarmos cos citados permisos, por mor das modificacións que Patrimonio esixe no noso proxecto.

MODIFICACIÓNS INASUMIBLES

O proxecto de intervención arqueolóxica presentado na Xunta consistía na realización dunha cata de 3x3m, coa intención de recoller os materiais arqueolóxicos, documentar as estruturas do forno e averiguar se existen outras estruturas anexas ao xacemento. Posteriormente, a cata sería novamente tapada e, cos datos obtidos, avaliaríase se cumpría adoptar outras medidas, tales como o traslado das estruturas atopadas ou a construción dunha escolleira de protección. Estas novas medidas, de seren necesarias, deberían levalas a cabo Costas, Patrimonio ou o Concello.

Malia a que expertos consultados e os arqueólogos contratados consideran este proxecto como o máis axeitado, nunha recente comunicación da Dirección Xeral de Patrimonio indícasenos que cómpre “modificar as dimensións da sondaxe”, así como “executar unha pequena escolleira diante das escadas e da zona escavada”.

Arqueólogos consultados sobre estes requisitos esixidos pola Xunta consideran que cunha cata arqueolóxica reducida, como propón Patrimonio, non abondaría para recoller os materiais arqueolóxicos, non se poderían documentar as estruturas e sería imposible saber se o xacemento ten continuidade, polo que carecería de sentido facer unha intervención da que non se van obter resultados.

En canto á construción da escolleira que se nos esixe, o seu custe é para nós inasumible, como moi ben sabe Patrimonio, polo que pode que precisamente por iso se nos impoña como unha das condicións para autorizarnos a escavación.

En definitiva, a Xunta non autoriza o proxecto de intervención presentado e ao mesmo tempo os colectivos promotores non podemos asumir as modificacións que nos esixe Patrimonio; por iso as asociacións que pretendiamos colaborar na conservación, no estudo e posta en valor do xacemento das Catedrais vémonos na obriga de renunciar á intervención arqueolóxica.

Con todo, non podemos deixar de amosar a nosa satisfación por ter logrado que a cidadanía coñeza a existencia e a importancia do xacemento das Catedrais, así como o estado crítico no que se atopa.

Tamén nos satisface que Patrimonio coñeza a importancia deste xacemento e que sexa consciente de que o mar acabarao destruíndo se a Administración non actúa. Daquela, confiamos e agardamos que o motivo polo que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural rexeita a nosa colaboración non sexa outro que o desexo de executar pola súa banda un proxecto mellor o antes posible.

No entanto, se a Xunta non actúa e tampouco nos deixa facelo a nós, a opción que queda é que o mar leve o xacemento das Catedrais; e iso, ademais de indignante sería vergoñento.

4/06/2015

O ARQUEÓLOGO SANTIAGO FERRER IMPARTIRÁ EN RIOTORTO A CONFERENCIA “MINAS ROMANAS” ORGANIZADA POLAS ASOCIACIÓNS ARRINCADEIRA E MARIÑAPATRIMONIO.

Como é sabido o noroeste peninsular é unha zona rica en ouro. Xa antes da romanización os pobos indíxenas explotaban este codiciado metal e coa chegada do invasor romano produciuse un cambio rotundo ao converter a minería nunha auténtica actividade industrial, que provocou a transformación do territorio e cuxas pegadas chegaron até hoxe.

Riotorto é un concello coñecido polos seus ferreiros e sábese que houbo minería de ferro até non hai moito tempo; tamén se ten documentación de explotacións mineiras moi antigas que, segundo os indicios, poderían remontarse a época romana.

Para falar sobre as explotacións mineiras en época romana contaremos co arqueólogo Santiago Ferrer o próximo sábado, 11 de abril, ás 19:00h no Salón de Actos da Casa de Cultura de Riotorto. Unha actividade á que as asociacións organizadoras convidan a todas as persoas que queiran achegarse.

3/18/2015

A XUNTA AUTORIZARÁ A INTERVENCIÓN ARQUEOLÓXICA NO FORNO ROMANO DAS CATEDRAIS


 Logo da reiterada reclama de Mariñapatrimonio, ADEGA e doutras 6 organizacións culturais para poder desenvolver un plan de recuperación do forno romano de Esteiro situado no espazo protexido das Catedrais, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural vén de comunicar telefonicamente que autorizará de forma urxente a intervención solicitada polas entidades solicitantes e do grupo de profesionais destinados a tal labor no xacemento arqueolóxico. A comunicación foi realizada un días despois de anunciar públicamente a realización dun roteiro pola zona que trate de poñer en valor a importancia deste xacemento e chamar a atención sobre o risco que ten de desaparecer se non se actúa de inmediato.

As diferentes asociacións que respaldamos o Proxecto Arqueolóxico para o Estudo e Protección do forno romano de Esteiro queremos expresar a nosa satisfación pola resposta da Xunta e do Servizo de Costas, ao tempo que valoramos moi positivamente a reacción das administracións competentes ante as demandas da sociedade civil que, consciente da importancia que ten este patrimonio, reclama a súa protección.

Por outro lado, o departamento autonómico competente na protección do Patrimonio Cultural tamén nos avanzou que vai poñer en marcha medidas eficientes de coberta e protección do sitio arqueolóxico de Estabañón, unha vila-factoría romana que se atopa na praia da Area de Viveiro. A situación de deterioro que está a sufrir estoutro xacemento da Mariña tamén foi denunciada ante a Dirección Xeral recentemente por Mariñapatrimonio, ADEGA e o colectivo “Pensamento e Sementeira”, polo que nos congratulamos de que finalmente neste caso a Xunta e o Servizo de Costas tamén atendan as nosas súplicas.

A esta lista de boas novas comunicadas de xeito oficioso pola D.X. de Patrimonio Cultural, súmase a intención do departamento de avaliar e comprobar o estado no que se atopan todos os xacementos arqueolóxicos costeiros da Mariña.

Para dar conta destes feitos que cualificamos de moi positivos para o noso patrimonio arqueolóxico e para informar sobre o roteiro do día 22 polos xacementos arqueolóxicos da costa, mañá xoves, 19 de marzo, Mariñapatrimoino organiza unha charla informativa na Casa das Letras de Ribadeo ás 20.30 horas, baixo o título “As Catedrais, tamén xacemento arqueolóxico”. Nesta cita, darase cumprida información sobre os valores patrimoniais do forno romano de Esteiro, a canle e as vetas auríferas das Catedrais, así como da presenza de varias minas romanas na Mariña lucense.

Así mesmo, lembramos que o vindeiro domingo 22 de marzo oito organizacións realizarán un roteiro por todos os xacementos arqueolóxicos mencionados e por outros da comarca ao que xa se apuntaron máis dun cento de persoas. Neste roteiro tamén informaremos sobre as últimos compromisos adquiridos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

3/13/2015

OITO COLECTIVOS CULTURAIS MÓVENSE PARA SALVAR O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DA PRAIA DAS CATEDRAIS

O vindeiro domingo 22 de marzo comezará a campaña na defensa do forno romano cun roteiro por este e por outros xacementos costeiros relevantes da Mariña.
No inverno de 2014 os temporais afectaron gravemente varios xacementos costeiros da Mariña, entre os que se atopa o xacemento romano da praia de Esteiro, situado na Praia das Catedrais. Neste sitio arqueolóxico pódense ver os restos dun forno destinado á cocción de cerámica, do que se conserva parte da estrutura do que posiblemente fose un complexo romano máis amplo. Tamén se acharon numerosos fragmentos de olas de gran tamaño, denominadas dolium, e utilizadas para a almacenaxe de mercadorías. Deste tipo de cerámica, tamén atopamos restos nunha pequena península na praia das Catedrais.
No último ano, Mariñapatrimonio leva insistindo de forma reiterada e discreta, que a Xunta actúe recollendo os materiais arqueolóxicos, documentando as estruturas que se conservan e, na medida do posible, procurando medidas de protección para este xacemento. Porén, xa hai tempo que temos claro que a administración encargada de protexer este patrimonio non vai moverse nin implicarse para salvar o forno de Esteiro e que teremos que ser a sociedade civil responsable a que procure a súa recuperación.
Con este obxectivo, Mariñapatrimonio presentou un proxecto de intervención arqueolóxica perante a Dirección Xeral de Patrimonio, no que se pretende facer un estudo do xacemento e recuperar os seus restos arqueolóxicos ademais de intentar protexelo. Polo momento, non recibimos a pertinente autorización da Xunta. Será o goberno galego quen decida se actúa a D.X de Patrimonio, se nos permite actuar a nós, en representación da sociedade civil, ou se deixará que actúe o mar facendo desaparecer o xacemento.
Mentres se agarda pola autorización da Xunta, diferentes asociacións imos iniciar unha campaña para darmos a coñecer a zona das Catedrais como sitio arqueolóxico. Nesta tarefa están involucradas oito entidades asociativas de tipo cultural, ambiental e veciñal e que son Mariñapatrimonio, a asociación ecoloxista ADEGA, Cultura do País, Os Espigueiros, Agrupación cultural Francisco Lanza, Ollomao, A Galleira ou a Irmandade de Santo Estevo.
A campaña comezará o domingo, 22 de marzo, cun roteiro polos xacementos arqueolóxicos da contorna das Catedrais, que divulgará valores da zona até agora descoñecidos.
O SEGREDO AÍNDA NON REVELADO DAS CATEDRAIS
Este roteiro permitiranos desvelar un dos segredos mellor conservados das Catedrais. Practicamente ninguén sabe que nas Catedrais, a 500 m do xacemento romano de Esteiro, hai unha canle picada na rocha semellante ás empregadas polos romanos na condución de auga para as explotacións mineiras de ouro. Tamén é de recente descubrimento que as covas desta praia tan visitada e singular seguen vetas auríferas, segundo nos teñen confirmado varios xeólogos.
Esta hipótese non resulta sorprendente, se pensamos que toda a zona oriental da Mariña é rica en ouro e que abundan as explotacións auríferas da época romana. Non só atopamos minas terra adentro, senón que tamén se atopan rexistros dos labores mineiros na costa, con galerías que foron abertas dende os cantís e dende as praias, como é o caso das galerías do castro do Carreiro en Foz ou as de Salave en Tapia.
Por tanto, cumpriría estudar se existe algunha conexión entre as vetas auríferas, a canle picada na rocha e o forno romano das Catedrais para saber se desta praia os romanos tamén extraeron ouro.
ROTEIRO POLOS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS DA MARIÑA (22 MARZO)
O percorrido do roteiro será de 8 km e de dificultade baixa e durará toda a xornada, desde as 10.30 horas. Ao longo de toda a costa, visitaremos os seguintes xacementos ou puntos de interese:
MAÑÁ
·         Punta do Castro en San Miguel de Reinante.
·         Praia de Arealonga, na que veremos unha turbeira na que se conservan restos dun bosque de hai oito mil anos.
·         Percorrido polo areal ata a praia das Catedrais, aproveitando que teremos marea baixa.
·         As Covas das Catedrais, onde veremos as vetas auríferas.
·         Percorrido pola parte alta dos cantís das Catedrais para observar a canle picada na rocha.
·         Visita ao forno de cerámica romana de Esteiro.
               TARDE:
                        O percorrido da tarde farase en bus e coches particulares e visitarase:
·         Castro da Devesa.
·         Castro de Meirengos.
·         Cetárea de Rinlo e a Lagoa “Daniel Vispo”.
·         Castro de Piñeira.
·         Castro das Grobas.
+fotos: https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157650891825888/ Para reservar praza no roteiro:
-Desde A Mariña: 619553236 (Miguel).
-Desde Lugo: 982240299, 679113718 (ADEGA).