O
Valadouro esperta grande interese. Isto é o que podemos deducir da
masiva resposta á convocatoria que Mariña Patrimonio realizou para
visitar o seu patrimonio, o que nos obrigou, lamentablemente, a
pechar a admisión e ter que rexeitar numerosas solicitudes de
participación. O programa respondía en boa parte a unha liña
temática moi atractiva, proposta polo noso guía Xesús Pisón: a
vinculación de moitas das igrexas e da imaxinería relixiosa a
cultos precristiáns relacionados coa fertilidade, as deidades e
seres mitolóxicos femininos, profundamente implantados no noso país
antes da chegada do cristianismo e aínda hoxe presentes na tradición
oral.
Con
este fío condutor, visitamos pola mañá a Igrexa
de Santa Cruz,
construída sobre un castro a partir dun antigo templo suevo do
século V e vinculada posiblemente á pequena fonte das Curuxeiras ou
de Santa Helena, próxima á igrexa, da que a tradición oral aínda
conserva lendas referidas ás ninfas e deidades femininas que a
habitaban. A
continuación, visitamos a Igrexa
de Bacoi,
que tamén ten vínculos á mitoloxía asociada ás fontes e á
fertilidade, e que posúe un fermosísimo retablo barroco que por si
mesmo xustifica sobradamente a visita. Facendo
unha paréntese no tema que fiaba as visitas, tivemos a ocasión de
visitar o maxestuoso Pazo
de Carrocide
grazas á xenerosidade dos seus propietarios, Carmucha e o seu fillo
Juanjo, a quen expresamos a nosa gratitude por amosarnos a súa
fermosa capela e as estancias principais do pazo, en especial o
marabilloso salón que posúe unhas pinturas ao fresco en moi bo
estado de conservación.
A
xornada de mañá rematou cun breve paseo e a correspondente caña
pola vila de Ferreira, que viña de celebrar o seu mercado semanal, e
un espléndido xantar no Asturias,
que non nos decepcionou.
Xa
preto das cinco iniciamos as visitas da tarde, á Pena
Abaladoira,
na parroquia do Pereiro; un bolo granítico máis no medio desta
paraxe que constitúe un auténtico festival de morfoloxía granítica
ao pé do Pico do Cadramón. A este penedo, pola súa capacidade de
ser abalado, atribuíuselle ao longo da historia unha serie de
propiedades máxicas, entre as que destaca a de propiciar a
fertilidade feminina. Non pasou a ocasión sen que o grupo conseguise
abalar a pedra e, quen sabe se acabará nun feliz desenlace ao cabo
dos nove meses… Preto
deste lugar, xa na parroquia do Cadramón, rematou a xornada no
templo máis antigo do Valadouro, a capela
de Santa Filomena,
resto dunha igrexa románica do século XI, sobre un templo anterior
prerrománico, que só conserva a ábsida ou presbiterio e o arranque
dos muros da que foi a nave da igrexa parroquial do Cadramón,
Labrada e Silán ata o século XIX, data en que foi desmantelada e as
súas pedras reutilizadas na construción da igrexa parroquial de San
Xurxo, quedando en estado de semiabandono. Este templo igualmente ten
a súa orixe no culto á fertilidade, cristianizada e presente tanto
nos canzorros que conserva coma na súa advocación principal a Santa
Filomena e outras imaxes como a Santa Ana.
Na
actualidade, a capela, que alberga importantes pinturas góticas do
século XVI, permanece no esquecemento por parte das institucións
responsables, a pesar dos esforzos dos veciños que a manteñen a
duras penas custeando eles mesmos as reparacións indispensables.
Desde Mariña Patrimonio facemos un chamamento ao Bispado de
Mondoñedo, responsable directo, á Dirección Xeral de Patrimonio da
Xunta de Galicia e ao Concello de O Valadouro, como corresponsables
da súa conservación, para que se lle preste a atención que precisa
urxentemente esta xoia patrimonial, probablemente a máis importante
do Valadouro.
O
noso agradecemento ao párroco do Valadouro, D. José Ángel
Fernández, por autorizarnos as visitas, así como ás persoas
responsables de abrir e pechar os templos de Santa Cruz de Bacoi e de
Santa Filomena, pola súa desinteresada colaboración. Finalmente, o
noso agradecemento a Xesús Pisón, que conseguiu darlle a esta
visita unha perspectiva tan fermosa como interesante.
+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/jEM8ENQmxc1XN9eP9