11/25/2018

ALTA PARTICIPACIÓN EN CERVO NA CELEBRACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO MUNDIAL.


O pasado 23 de novembro tiveron lugar dúas actividades relacionadas coa exposición de útiles do paleolítico, a cal permanecerá aberta na Casa do Concello de Cervo ata o día 30 de novembro. Nas actividades da mañá participaron arredor de cincuenta alumnos do IES Marqués de Sargadelos quen, ademais de asistir a unha charla do director do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, Eduardo Ramil, participaron nunha clase práctica de fabricación de útiles líticos e posteriormente tiveron a oportunidade de elaboraren algunha destas ferramentas.
Xa pola tarde, no Salón de Plenos do consistorio, Eduardo Ramil pronunciou diante dunhas cincuenta persoas unha interesante conferencia sobre quen eran, como vivían e que pegadas nos deixaron os primeiros poboadores da Mariña.
Pola exposición tamén pasou o xoves 22 de novembro o alumnado do colexio de Cervo; un total de oitenta e dous nenos e nenas que, ademais da visita guiada, participaron nun obradoiro de elaboración de útiles do paleolítico.
A exposición, así como as distintas actividades de divulgación organizadas por Mariña Patrimonio e a Asociación Cultural Fervenza de Sargadelos, enmárcanse na celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial como resposta á iniciativa da Rede do Patrimionio Cultural. Na súa realización contou coa estreita colaboración da Asociación de Amigos do Museo de Vilalba, do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba e mais do Concello de Cervo.
As asociacións organizadoras queremos agradecerlles tanto ao director do Museo de Vilalba, Eduardo Ramil, coma ao concelleiro de Patrimonio de Cervo, Alfredo Fernández, a súa colaboración e implicación na divulgación do noso patrimonio.

11/14/2018

EXPOSICIÓN DE ÚTILES LÍTICOS DO PALEOLÍTICO EN CERVO NO DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO.

Con motivo do Día Internacional do Patrimonio Mundial, que se celebra o16 de novembro, as asociacións culturais Fervenza de Sargadelos e Mariña Patrimonio sumámonos á iniciativa da Rede do Patrimonio Cultural para conmemorar esta efeméride.
A nosa achega consistirá nunha exposición de útiles do paleolítico, achados nos últimos anos de forma casual en distintos lugares da Mariña. Estes útiles serán depositados, rematada a exposición, no Museo Arqueolóxico de Vilalba, seguindo as indicacións de Patrimonio.
A exposición poderase visitar do 16 ao 30 de novembro na Casa do Concello de Cervo, de luns a venres, en horario de 9.00H a 14.00H. Por outra banda, o 23 de novembro está previsto realizar pola mañá unha actividade con alumnado do IES Marqués de Sargadelos que, ademais de visitar a exposición, asistirán a unha charla informativa sobre o paelolítico e participarán nun obradoiro de fabricación de útiles líticos. Ese mesmo día pola tarde, ás 20.00h, o Director do Museo Arqueolóxico de Vilalba, Eduardo Ramil Rego, impartirá unha conferencia sobre os primeiros poboadores de A mariña.
Tanto a exposición coma os diferentes actos, contan coa colaboración do Museo Arqueolóxico de Vilalba, da Asociación de Amigos do Museo de Vilalba e mais do Concello de Cervo.

10/18/2018

COÑECENDO O PATRIMONIO VIVEIRENSE DA MAN DE CARLOS NUEVO

Arredor de vinte persoas participaron na visita guiada convocada por Mariña Patrimonio para coñecer o patrimonio relixioso e civil de Viveiro. Nesta ocasión, o Presidente do Seminario de Estudos Terra de Viveiro e Cronista oficial do concello, Carlos Nuevo, acompañounos durante toda a xornada. Boa falla fixo se consideramos o moito que hai para ver en Viveiro.
Iniciouse a visita na elegante igrexa de Santa María do Campo, unha verdadeira xoia do románico, achegándonos a continuación ao outro gran templo de Viveiro, San Francisco, coa súa espléndida ábsida gótica e o Claustro do antigo convento franciscano.
O percorrido polo patrimonio civil centrouse nas diversas portas da cidade e un interesante paseo polas rúas, canellas e prazas máis significativas, o que nos permitiu coñecer curiosidades da vida urbana doutros tempos, así como das familias e persoeiros que tiveron maior relevancia histórica para a cidade.
Despois dun agradable xantar na taberna Rancho Chico de Celeiro, dedicamos a tarde a visitar Chavín para coñecer a obra dun persoeiro fundamental na historia contemporánea viveirense, o industrial José Barro, protagonista da vida económica de Viveiro da primeira metade do século XX
A nosa admiración e gratitude a Carlos Nuevo, gran coñecedor e divulgador da historia de Viveiro, pola seu saber e a súa xenerosidade.
+ Fotos:https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/albums/72157700988582151/with/30452109207/

10/09/2018

ADEGA E MARIÑA PATRIMONIO DENUNCIAN NA FISCALÍA A DESTRUCIÓN DO CASTRO DE TRINIDADE – FLORES DE MONDOÑEDO

A Xunta incumpriu o seu deber legal de protexer o xacemento e permitiu a súa irreparable destrución por parte dunha canteira.
As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron o pasado 17 de setembro varias denuncias ante a Fiscalía por diferentes disposicións do Departamento de Patrimonio Cultural, da Consellaría de Cultura, da Xunta de Galicia que poderían ser constitutivas de delito. Unha destas denuncias fai referencia á destrución do Castro de Trinidade-Flores, situado entre os concellos de Mondoñedo e Lourenzá (Lugo).
ADEGA e Mariña Patrimonio informaron a Fiscalía de que a empresa propietaria da canteira do Monte da Trinidade puido ter ocasionado danos irreparables na meirande parte deste ben patrimonial, e que a Xunta de Galicia incumpriu o seu deber legal de protexelo, malia a ter recibido varias denuncias, tanto por parte de particulares, como da Asociación de Fabricantes de Formigón ou das organizacións ADEGA e Mariña Patrimonio. Estas últimas tiveron que recorrer ao Valedor do Pobo para poder acceder á documentación relacionada con estes feitos e solicitada infrutuosamente a Patrimonio Cultural. A isto hai que engadir, que a Administración galega tiña no seu poder diferentes informes arqueolóxicos alertando de que a canteira estaba a destruír o xacemento.
Pola súa parte, persoal técnico da Xunta elaborou un informe no que se pretendía demostrar a inexistencia do sitio arqueolóxico, coa finalidade de quitarlle a protección que lle corresponde, a pesar de que os citados arqueólogos contaban con numerosa documentación que certificaba a existencia do Castro de Trinidade-Flores, o cal xa figura desde os anos 90 no Inventario e no Catálogo de bens patrimoniais de Galicia. Ademais, neste xacemento castrexo atopárase en 2008 un excepcional machado votivo de bronce, feito que tamén parece pasar desapercibido para o departamento de Patrimonio da Xunta.
A non paralización das actividades mineiras que afectaban ao castro, xunto cos informes elaborados polos técnicos da Xunta para desprotexelo, puideron ser determinantes para a destrución deste ben patrimonial. A día de hoxe a canteira continúa a destruír o xacemento sen que a Xunta nin Concello fagan nada para evitalo.
Foto: Museo do Castro de Viladonga

10/03/2018

PATRIMONIO CIVIL E RELIXIOSO DE VIVEIRO

DIA: 13 DE OUTUBRO

HORARIO:       MAÑÁ: 10h - 14h 
                           TARDE: 16h - 19h
                  
Mariña Patrimonio organiza un desprazamento a VIVEIRO o día 13 de outubro para coñecer o patrimonio civil e relixioso máis salientable da vila e os seus arredores. Contarase coa colaboración de Carlos Nuevo, e vanse visitar edificios relixiosos (igrexas de Sta María e San Francisco) e o casco histórico, así coma  a contorna de Chavín.
As persoas interesadas que nolo fagan saber canto antes, con data límite luns 8 de outubro , indicando nome, se é socio/a ou non, e as opcións que lle interesan, para termos tempo de reservar o xantar. O mércores 10 informarase ás persoas interesadas do importe da actividade, en función das opcións elixidas, así como do número de conta de Mariña Patrimonio.

Roteiro Rueta - Sargadelos

O pasado domingo, acompañados dun tempo excelente para camiñar, iniciabamos a tempada de actividades de outono en colaboración coa Asociación cervense, A Fervenza de Sargadelos, cunha tranquila e cómoda ruta pola beira do río Xunco desde a súa desembocadura en Rueta ata o seu paso polo conxunto histórico de Sargadelos.
A andaina foi precedida dunha visita á punta de Rueta, onde se ubica un dos castros costeiros máis interesantes da comarca, pola súa atípica forma e as súas imponentes defensas. A limpeza do seu acceso, realizada polos operarios municipais, permitiu entrar neste xacemento, que permanece moi ben conservado debido á súa ubicación. Puidemos ver tamén os petróglifos que se atopan na proximidade do castro, en particular, o único con círculos concéntricos atopado na comarca.
Río arriba percorremos o abundante conxunto de muíños que o Xunco alimentaba en tempos pasados, dos que desgrazadamente só se conservan a metade, algúns deles certamente espectaculares pola súa dimensión e que merecerían unha intervención a prol da súa conservación.
A xornada rematou cara ó mediodía no entorno do Conxunto Histórico de Sargadelos, onde o nutrido grupo de 60 participantes fixo a pertinente foto e amosou a súa satisfacción pola fermosa mañá que pasamos xuntos.

9/20/2018

Roteiros por Cervo

As asociacións Mariña Patrimonio e Acr Fervenza de Sargadelos, coa colaboración do Concello de Cervo, organizan dous roteiros polo municipio cervense. A finalidade é dar a coñecer o entorno natural, paisaxístico e cultural, así como xacementos arqueolóxicos e outros restos de antigas construcións.
O primeiro deles será o vindeiro 30 de setembro de mañá. A ruta comezará cunha interpretación do Castro de Rueta. Despois collerase o sendeiro que vai desde a praia pola beira do río Xunco, no que se encontrarán diversos muíños, para rematar no conxunto histórico de Sargadelos.
O segundo realizarase o 27 de outubro e durará toda a xornada. A Fraga de Trasbar, de grande diversidade ecolóxica e medio ambiental para alén de se encontraren restos de carboeiras, será o punto de inicio da camiñada. Continuará polos Montes Cabaleiros, os cales permiten unha vista panorámica da bisbarra, para dar fin noutro xacemento arqueolóxico, como é o Castro da Senra.
Roteiro Rueta – Sargadelos (30 setembro)
Punto de encontro: Aparcadoiro Paseo dos Namorados
Hora: 9h 30
Duración: 3 horas aprox, finalizando no mesmo Paseo dos Namorados
Dificultade: Media, distancia 6 km, levar roupa axeitada
Prezo: 5€ (Aboar na conta e Mariña Patrimonio, ES84 2080 0160 4830 4000 7104 indicando nome, apelidos e nome do roteiro no concepto)
Inscrición: Até o 26 de setembro. Enviar correo-e a mr.patrimonio@gmail.com ou fervenzadesargadelos@gmail.com indicando: nome e apelidos, idade, DNI, teléfono, e-mail e copia do comprobante de pago.
Inclúe: Desprazamento en bus até o inicio do roteiro (Rueta) e seguro.
Roteiro Fraga de Trasbar – A Senra (27 outubro)
Punto de encontro: Casa do Concello (Cervo) desde onde nos trasladaremos en bus ata a Caseta dos Cazadores en Rúa
Hora: 10 h
Duración: Mañá e tarde, finalizando na Senra con posterior traslado en bus ata a Casa do Concello.
Dificultade: Media, distancia 11 km, levar roupa axeitada
Prezo: 5€ (Aboar na conta de Mariña Patrimonio, ES84 2080 0160 4830 4000 7104 indicando nome, apelidos e nome do roteiro no concepto)
Inscrición: Até o 23 de outubro. Enviar correo-e a mr.patrimonio@gmail.com ou fervenzadesargadelos@gmail.com indicando: nome e apelidos, idade, DNI, teléfono, e-mail e copia do comprobante de pago.
Inclúe: Desprazamentos en bus e seguro.
NOTA: Cada persoa debe levar a súa comida para o almorzo.
Animádevos!!!

8/15/2018

A ILUSIÓN DE ATOPAR OURO MARIÑÁN

No obradoiro de bateo de ouro en Alfoz, organizado por Mariña Patrimonio en colaboración co Concello de Alfoz e que dirixiu o xeólogo Fran Canosa, os participantes atoparon un total de vinte areíñas de ouro, un número considerable para este tipo de actividade. Desta xornada, sen dúbida, destacamos a ilusión das persoas afortunadas que atoparon unha destas areíñas de ouro mariñán.
 

8/12/2018

Colocan cartel de prohibido aparcar no castro de Benquerencia

O propietario da parcela do castro da Punta de San Pedro de Benquerencia (Barreiros), que está sendo utilizada como aparcadoiro, coloca un cartel advertindo que é propiedade privada e que non se pode aparcar nela. Consideramos lamentable que os responsables da protección do patrimonio e os encargados de que se cumpra a protección patrimonial das normas municipais non asuman as súas obrigas e continúen ausentes. Sen o apoio e sen a implicación das Administracións,veremos se abonda co esforzo e coa vontade do propietario da parcela para solucionar este problema.


8/08/2018

COÑECENDO O PATRIMONIO CIVIL E RELIXIOSO DE LOURENZÁ

O pasado sábado o grupo que respondeu á convocatoria de Mariña Patrimonio puido gozar dunha agradable xornada, á marxe da vaga de calor que asfixiaba o resto do país, visitando o Concello de Lourenzá, un fermoso e produtivo val que, ademais dunha extraordinaria fertilidade, posúe un interesante patrimonio civil e relixioso. A visita incluíu, á parte das singulares igrexas parroquiais de San Xurxo, Sto. Tomé e San Adriano, a sobria fortaleza de Tovar e mailo Mosteiro de San Salvador, que garda marabillosos tesouros coma o sepulcro do Conde Santo ou o relicario da sacristía, así como unha interesante colección de pinturas. Un patrimonio de gran valor que merecería, sen dúbida, dunha maior atención por parte das entidades responsables da súa conservación para frear o seu evidente deterioro.
O noso agradecemento ao Concello de Lourenzá e ao guía municipal, Antón Expósito, que nos axudou a preparar as visitas, nos acompañou e nos aportou interesante información; ao párroco D. José, que nos permitiu e facilitou o acceso aos templos parroquiais, e á guía do pazo polas súas explicacións e por adaptarse ao noso horario.
Un éxito tamén a parte gastronómica na casa de comidas O Xiraldo, que nos deixou un grato sabor de boca.
Finalmente, agradecemento ao noso compañeiro Antón Niñe, que propuxo esta visita e nos acompañou aportando o seu coñecemento, así coma un “doce” remate para esta xornada.

+FOTOS:https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/albums/72157698337831001
 

8/07/2018

ADEGA E MARIÑA PATRIMONIO DENUNCIAN O USO DUN BEN PATRIMONIAL COMO APARCADOIRO DE AUTOCARAVANAS NO CONCELLO DE BARREIROS.

ADEGA e Mariña Patrimonio vimos de denunciar no SEPRONA a utilización do Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia, no concello de Barreiros (Lugo), como aparcadoiro de autocaravanas.
Este castro é un ben patrimonial incluído no catálogo das Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Barreiros e a súa cualificación urbanística é de solo non urbanizable de protección patrimonial. As Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Barreiros outórganlle ao Castro de San Pedro unha proteccion que consideramos que non é compatible co uso que se lle está a dar actualmente como aparcadoiro de autocaravanas nin como lugar de tránsito destes vehiculos, posto que esta práctica pode estar provocando danos no xacemento, un ben patrimonial protexido.
Dado que as actividades que se están a realizar no Castro de San Pedro probablemente son contrarias á normativa urbanística e, ademais, poderían estarse levando a cabo sen contar coas correspondentes licenzas e autorizacións, solicitamos que se comprobe se o uso que se está a dar no Castro da Punta de San Pedro é conforme á legalidade e que, no caso de non selo, se paralicen as actuacións contrarias a Dereito nun ben patrimonial incluído no catálogo de bens protexidos polo planeamento urbanístico.

7/30/2018

BATEO DE OURO EN ALFOZ


Fronte á idea estendida de que a nosa comarca se mantivo á marxe da explotación aurífera que ao longo da historia galega protagonizaron os habitantes dos castros e, sobre todo, a colonización romana nos primeiros séculos da nosa era, sabemos hoxe da existencia dunha importante minería e industria aurífera nos tempos antigos, da que dan mostra os importantes restos da ourivaría castrexa e as minas romanas descubertas e recoñecidas nos últimos tempos, particularmente na Mariña Central e Oriental. Coa finalidade de divulgar esta idea, a Asociación Sociocultural Mariña Patrimonio en colaboración co Concello de Alfoz, organiza un obradoiro de bateo de ouro, dirixido polo xeólogo Francisco Canosa, recoñecido divulgador da xeoloxía galega.

DATAS:
6 de agosto de 10 a 13 h:
1ª quenda de 10 a 11 h
2ª quenda de 11 a 12 h
3ª quenda de 12 a 13 h

14 de agosto de 16 a 19 h:
1ª quenda de 16 a 17 h
2ª quenda de 17 a 18 h
3ª quenda de 18 a 19 h

LUGAR: Río Ouro, ao seu paso polo concello de Alfoz. O lugar exacto así como a quenda asignada,comunicarase aos participantes anotados con suficiente antelación.

INSCRICIÓN: Enviar correo a mr.patrimonio@gmail.com indicando a data e quenda de preferencia, que se respectarán ata o límite de prazas por quenda.

7/20/2018

PATRIMONIO CIVIL E RELIXIOSO DE LOURENZÁ


DIA:                 4 DE AGOSTO
HORARIO:       MAÑÁ, 10h - 14h 
                        TARDE, 16h - 19h
                  
                        
Estimados/as amigos/as:

Mariña Patrimonio organiza un desprazamento a LOURENZÁ o día 4 de AGOSTO para coñecer o patrimonio civil e relixioso máis salientable da vila e dos seus vales. Contarase cun guía especializado, e vanse xestionar as visitas guiadas ós edificios relixiosos (igrexas de Sto Adrano, Sto Tomé, S. Xurxo, mosteiro de S. Salvador, así como  ao pazo de Tovar (incluídas as entradas).

No caso de que haxa un número suficiente de persoas, pensamos facer o desprazamento en bus con traxecto Viveiro - Foz - Lourenzá (con paradas intermedias), opción máis recomendable xa que hai que moverse de visita a visita.

As persoas interesadas que nolo fagan saber canto antes, con data límite   XOVES 26 DE XULLO, indicando nome, se é socio/a ou non, e as opcións que lle interesan, para termos tempo de contratar o bus e facer a reserva para o xantar.

Se non houbese suficiente interese, desbotaríase a opción do bus, decisión que se comunicaría o venres 27 ás persoas interesadas, ademais do importe da actividade, en función das opcións elixidas, e o número de conta de Mariña Patrimonio.

7/02/2018

RUTA  POLA FRAGA DAS VIGAS

Sábado, 14 de xullo de 2018
Mariña Patrimonio organiza un roteiro pola Fraga das Vigas, unha auténtica xoia da biodiversidade.
O percorrido, de dificultade media-baixa (7 km ida e volta, desnivel 100 m), transcorrerá na súa maior parte pola Fraga das Vigas (Alfoz), na cabeceira do Río Figueiras (afluente do Masma), e rematará na Fraga Vella (Abadín- Mondoñedo) (ver mapa)
Hora e punto de encontro:  10 h. no restaurante O Frenazo (ver mapa) 
A volta prevese para media tarde (cómpre levar bocadillo e bebida para xantar en ruta). Tamén está previsto, de regreso, visitar as igrexas d'As Oiras, O Pereiro e O Cadramón.

Para inscribirse enviar un correo a mr.patrimonio@gmail.com indicando: nome, DNI, idade e teléfono de contacto de cada persoa.

6/26/2018

DANADA UNHA DAS MÁMOAS DE PENA GRANDE, EN VILALBA, POR MOR DUNHA PLANTACIÓN DE EUCALIPTOS

A mámoa danada forma parte dun dos conxuntos arqueolóxicos máis importantes de  
ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de presentar perante o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) unha denuncia por posibles danos ocasionados na Mámoa 9 de Pena Grande en Vilalba (Lugo), por mor dunha plantación ilegal de eucaliptos. Este ben patrimonial foi danado como consecuencia dos profundos sucos realizados sobre a masa tumular no transcurso dos traballos forestais. Todo parece indicar que esta plantación afectou tamén a cámara da mámoa ao remover parte da súa estrutura.
A Mámoa 9 forma parte dun sitio arqueolóxico de gran valor, conformado por dez túmulos xunto con dous abrigos paleolíticos. En novembro de 2017 Pena Grande foi noticia ao pretender o Ministerio de Facenda subhastar por 7.700 euros os terreos onde se atopan os importantes vestixios arqueolóxicos. A poxa paralizouse grazas ao labor desenvolvido por varias asociacións que defenden o patrimonio, conscientes de que os terreos e os bens que se atopan neles serían plantados de eucalipto, tal e como acaba de suceder coa Mámoa 9 de Pena Grande.
ADEGA e Mariña Patrimonio preguntámonos de que pasta son os responsables da Consellería de Cultura, insensibles co drama que está a provocar a industria do eucalipto no patrimonio cultural de Galicia.


6/17/2018

VISITA A MONDOÑEDO

Fermoso sábado nos regalou, por fin, esta primavera, para que as trinta persoas que responderon á convocatoria de Mariña Patrimonio puideran gozar da cidade episcopal de Mondoñedo, que loce espléndida grazas ao meritorio esforzo realizado polos seus orgullosos veciños e polo propio Concello para preservar e poñer en valor, a pesar dos seus limitados recursos económicos, o seu extensísimo patrimonio civil e relixioso.

Mariña Patrimonio quere amosar o seu agradecemento a Claudia del Pino, excelente guía que nos adicou unha xornada completa e nos transmitiu a súa paixón polo patrimonio mindoniense. Agradecidos tamén ao Concello de Mondoñedo que nos faciltou a visita; a Valentín Insua, campaneiro da catedral, que nos ensinou a capela da VOT (Venerable Orde Terceira), da que é cofrade; a Xoan Ramón F. Pacios que nos guiou no Centro Cultural da Alcántara, ao Seminario de Sta. Catalina que nos permitiu visitar o seu grandioso edificio e a súa marabillosa biblioteca, acompañados por D. José; a Simonetta Dondi, propietaria do Pazo de Aguiar, sen esquecer o restaurante do Centro Social que nos deixou tamén un bo sabor de boca no aspecto gastronómico.


+FOTOS

6/05/2018

Roteiro: Patrimonio civil e relixioso de Mondoñedo

Dia:      16 de xuño
Horario: Mañá,10h - 14h 
              Tarde, 16h - 20h
Mariña Patrimonio organiza unha visita guiada a Mondoñedo o día 16 xuño para coñecermos o patrimonio civil e relixioso máis salientable da vila. Para esta actividade, grazas á colaboración do Concello de Mondoñedo, contaremos cunha guía que nos acompañará durante o percorrido,
No caso de que haxa un número suficiente de persoas, pensamos facer o desprazamento en bus, con traxecto Viveiro - Foz - Mondoñedo (con paradas intermedias).
As persoas interesadas teñen de prazo límite para apuntarse ata o luns 11, para termos tempo de contratar o bus e de facermos a reserva do xantar. Farano a través do correo electrónico mr.patrimonio@gmail.com, indicando o nome, se é socio/a ou non, e as opcións que lle interesan.
En caso de non haber suficiente xente interesada na opción do bus, comunicariámolo o martes 12, así como o importe da actividade para facer o ingreso correspondente.

Fotos do roteiro a sauna castrexa de Castañoso (Fonsagrada)



5/26/2018

Debido ao anuncio de mal tempo para o día 26, a actividade non se puido realizar, polo que o comunicamos de novo por se é de interese

NOVA DATA: SÁBADO 2 DE XUÑO
HORARIO: MAÑÁ E TARDE
XANTAR: DE CAMPO, CADA PERSOA LEVARÁ A SÚA COMIDA
DESPRAZAMENTO ATA CASTAÑOSO:  EN COCHES PARTICULARES

 INFORMACIÓN:
Trátase de visitar a sauna localizada no castro de Castañoso (A Fonsagrada), despois dos traballos arqueolóxicos efectuados en 2017.  O roteiro consiste nun desprazamento a pé de 6,5 Km en total (ida e volta desde onde se deixen os coches). Se se desexa coñecer máis, o perfil está en:
 Pregamos que se resposte por mail a mr.patrimonio@gmail.com indicando: nome, DNI, idade de cada participante.
O día 1 de xuño enviaráselles un correo aos anotados, indicando a hora de encontro en Meira (Praza Maior).

5/08/2018

Roteiro para visitar a sauna Castrexa de Castañoso (Fonsagrada)

Mariña Patrimonio organiza para o día 26 deste mes de maio unha visita a unha das xoias arqueolóxicas de Galicia, situada nas terras d’A Fonsagrada, a sauna castrexa que, probablemente, “é a máis grande do noroeste da península ibérica” e na que se efectuaron importantes traballos arqueolóxicos en 2017.

2/25/2018

Percorrido polo patrimonio civil e eclesiástico de Ribadeo.

 Nun solleiro e xélido sábado, tivo lugar o roteiro que organizamos para coñecer o rico patrimonio civil e eclesiástico de Ribadeo.
Dende Marña Patrimonio queremos agradecer a colaboración do Concello de Ribadeo, da súa guía Begoña, do seu párroco Carlos Miranda e do mestre Emilio Piñeiroa por ternos acompañado e ilustrado no transcurso deste interesante percorrido polo rico patrimonio civil e eclesiástico ribadense.



+ FOTOS https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/albums/72157688194856510

2/15/2018

Roteiro polo patrimonio civil e relixioso de Ribadeo

Dia: 24 febreiro
Horario: 10:00h – 14:00h. Visita guiada por Ribadeo
             15:30h – 17:30h. Visita Arante e Cubelas
               
Mariña Patrimonio organiza unha visita guiada a Ribadeo o día 24 de febreiro, para coñecer o patrimonio civil e relixioso máis salientable da vila. Cóntase coa colaboración do Concello, que vai  aportar unha guía especializada no aspecto civil, e con Carlos Miranda Trevín, que foi párroco de Cervo e na actualidade exerce en Ribadeo.

As persoas que desexen participar anotaranse no correo de Mariña Patrimonio (mr.patrimonio@gmail.com) ANTES DO XOVES 22, indicando o nome e se é socio/a . O punto de encontro en Ribadeo comunicaráselles por correo electrónico.

No caso de que haxa un número suficiente de persoas, poderíase pensar en facer o desprazamento en bus desde San Cibrao (con paradas intermedias) e organizar o xantar. As persoas interesadas deberán comunicalo ANTES DO MARTES 20, para pedir prezo do bus e buscar un lugar para xantar. O custe por persoa do bus e do xantar dependerá de cantas se anoten. No caso de que saia moi caro, desbotaríanse estas opcións, decisión que se comunicaría o mércores 21.

2/06/2018

ADEGA E MARIÑA PATRIMONIO DENUNCIAN NOVOS DANOS NO PATRIMONIO CULTURAL

O castro de Celeiro de Mariñaos (Barreiros, Lugo) novamente danado pola industria do eucalipto.

ADEGA e Mariña Patrimonio vimos de presentar perante o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) unha nova denuncia por posibles danos ocasionados nunha parcela no xacemento protexido de Os Castros, situado no concello de Barreiros (Lugo).
Na parcela afectada realizáronse distintas intervencións, con importantes remocións de terras para a repoboación con novas plantas de eucalipto. Todo indica que as intervencións levadas a cabo neste ben patrimonial non contaron coa preceptiva autorización de Patrimonio e, polo tanto, estariamos a falar de accións presuntamente ilegais que puideron danar gravemente un ben patrimonial protexido pola lei.
As asociacións denunciantes lémbranlle á industria do eucalipto que, grazas á Internet e ás múltiples imaxes que están á disposición de todo o mundo, as cortas, plantacións e remocións de terras son moi fáciles de detectar. Así mesmo, debido a que se editan periodicamente novas imaxes, é posible acotar as datas nas que se realizan as intervencións e mesmo se pode apreciar se nun xacemento protexido foi utilizada unha pa mecánica ilegalmente.
As infraccións en materia de patrimonio poden ser sancionadas con multas de 300 a 6000 euros, as infraccións leves; de 6001 a 150000 euros, as consideradas graves; e de 150001 a 1millón de euros as moi graves. Polo que é recomendable que calquera intervención sobre un xacemento arqueolóxico protexido, conte coa autorización previa do Servizo de Patrimonio.