Este
sábado 25 de maio presentouse espléndido para o percorrido polo
concello de Mañón, no que participaron máis dunha trintena de
persoas convocadas por Mariña Patrimonio,
Durante
o percorrido tivemos o privilexio de contar como guía e anfitrión
de luxo co profesor mañonés afincado en Cervo e Burela, Bernardo
Penabade. Da súa man iniciamos a visita en Bares, onde arrinca o
Camiño dos Arrieiros, vía milenaria que comunicou esta vila de
situación xeográfica estratéxica co interior de Galicia desde os
tempos antigos.
Trala
visita ao Semáforo, convertido en fermoso e romántico hotel, onde o
seu xerente Javier Pardo nos contou como se produciu esta
transformación, visitamos o Coído e os vestixios romanos da
necrópole do Porto de Bares. Desde este punto, e seguindo o Camiño
dos Arrieiros, despois dunha breve visita á igrexa nova da Vila de
Bares, subimos á Garita, atalaia que permite extasiarse cunha
espectacular panorámica da comarca máis septentrional da Península.
Despois
de achegarnos ao Barqueiro, capitalidade actual do municipio, onde o
grupo gozou dun refrixerio no Bar Queiro, a visita continuou na
dirección dos arrieiros cara ó interior polos altos da Serra
Faladora, vendo descorrer en paralelo pola nosa esquerda o río Sor,
ata a parroquía de Mañón, antiga capitalidade municipal. Aquí
puidemos coñecer, ademais da antiga feira, a igrexa parroquial de
Sta. María, un templo moi especial polas súas importantes pinturas
murais dos séculos XV e XVI. Neste lugar a restauradora Clotilde
Lemoine, coautora do único estudo realizado sobre estas pinturas,
que se conservan malia as desafortunadas obras de reconstrución da
cuberta do edificio, ilustrou a visita sinalando a súa calidade e
relevancia, asi como a necesidade de completar unha restauración que
impida o seu previsible deterioro.
Despois
dun contundente xantar en Casa Urbano, a seguinte etapa foi o
conxunto da igrexa e casa reitoral do Campo das Grañas, unha
modélica restauración promovida pola comunidade de veciños. Esta
espléndida actuación patrimonial foi explicada por Jesús Pardo
Novás, Cefucho, home que tivo un especial protagonismo no éxito da
mesma. A actuación pretende ser continuada coa restauración das
instalacións da antiga feira que se celebraba neste Campo das Grañas
ao carón da igrexa.
Para
completar a visita, o camiño dos Arrieiros retomou a nosa atención
achegándonos ao Forno dos Mouros e ao tramo de Pena Branca, onde
puidemos ver algunhas das 88 mámoas que se teñen computado desde
Bares ás Pontes, sempre vinculadas a este ancestral camiño.
Dende
Mariña Patrimonio queremos agradecer, ademais do mencionado labor
dos guías, a colaboración do párroco de Mañón e dos veciños de
Bares por facilitarnos a visita ás citadas igrexas.
+FOTOS:https://photos.app.goo.gl/p2GmCySPzo996kye9