12/16/2019

CICLO DE CONFERENCIAS SOBRE O PATRIMONIO INMATERIAL DO MAR NO MUSEO DO MAR DE SAN CIBRAO

As charlas, organizadas pola asociación sociocultural Mariña Patrimonio, terán lugar ao longo de varias xornadas neste mes de decembro.
Co título “Escoitando o mar”, Mariña Patrimonio organiza un ciclo de conferencias coas que pecha as actividades culturais que levan organizado ao longo deste ano. O próximo día 20 comezarán as xornadas coa conferencia “Foula de prata: a bordo da tradición oral marítima” a cargo do Secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Miguel Losada e Enrique Blanco, Ex - Director CEIP Noia. O 26 de decembro Anxo Muíños, escritor e patrón de pesca, falará sobre “Mitos do mar: O alén dos barqueiros” e o 27 deste mesmo mes a conferencia “A onomástica naval na Galicia de antano: unha odisea relixiosa, cultural e afectiva” a cargo do profesor da UDC, José Manuel Vázquez Lijó, cerrará estas xornadas que terán lugar no Museo do Mar de San Cibrao e que contan coa colaboración da Rede Museística Provincial e maila Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.

11/25/2019

PATRIMONIO LUCENSE FÓRA DE MURALLAS

Visita organizada por Mariña Patrimonio con motivo do Día Internacional do Patrimonio Mundial
A choiva non impediu ao aguerrido grupo de persoas, que respondeu á convocatoria de Mariña Patrimonio, coñecer outra perspectiva da capital provincial diferente e non menos interesante que a que rodea a súa muralla romana.

Guido (Guido Guía), o guía que deseñou con moi bo criterio o itinerario desta excursión, iniciou no parque Rosalía de Castro o percorrido, que tivo a súa primeira parada na estupenda Sala de Exposicións da Porta Miñá, onde puidemos obter unha síntese moi completa do Lugo romano, así como unha breve visita á Igrexa do Carme, moi ben explicada por Santiago Iglesias, membro da Confraría carmelita. Con este prometedor punto de partida iniciamos un curioso paseo polas entrañas do barrio do Carme, un verdadeiro espazo rural dentro da cidade, degradado e esquecido, por onde  a cidade baixa cara o Miño pola antiga vía XIX que atravesa o río no barrio da ponte, así como o Camiño primitivo que conduce a Compostela.

Guido conseguiu contaxiarnos o seu especial apego emocional a este lugar, sorprendentemente preservado da expansión urbana a pesar da súa proximidade ao centro. Esta circunstancia permite albergar a esperanza de que no futuro inmediato poidan levarse a cabo proxectos de investigación arqueolóxica e revalorización desta vía principal de saída histórica do Lugo romano e do Lugo medieval, sen perder a súa condición de espazo verde.

Chegados á ponte romana, percorremos a ribeira, río arriba, pola marxe esquerda para atravesalo pola nova pasarela peonil que conduce ao barrio de San Lázaro, en cuxa igrexa, noutrora capela do antigo hospital de leprosos ou lazareto, nos acolleu Abraham, o cura Párroco, que nos resumiu a historia dese barrio, moi vinculado ao Camiño, como punto de control sanitario da cidade.

Despois dunha espléndida comida no restaurante A Calzada Bar , na rúa da Calzada da Ponte, emprendemos a segunda parte da nosa excursión que nos transportou no tempo á Idade do bronce e no espazo á Adai, unha parroquia situada ao oeste da cidade desde onde se ofrece unha grandiosa panorámica da cidade de Lugo. Para esta visita, Guido emprazou a dúas persoas, Brais Rodríguez e Xabier Moure, que traballan activamente na defensa e promoción do patrimonio e son bos coñecedores deste lugar tan especial. O monte de Adai constitúe un verdadeiro parque arqueolóxico que parece ter a súa orixe, cando menos, na Idade do bronce e que concentra nunha área de poucas hectáreas numerosas mámoas e petróglifos, unha espectacular estrutura circular, do tipo da Roda de Barreiros e unha plataforma de rocha granítica con forma elíptica duns 12x6 metros, perimetrada por unha serie perfectamente ordenada de buratos que compoñen unha misteriosa estrutura, que pode parecer a base dunha cabana pero que da pé a imaxinar outras interpretacións.

Sen dúbida, o concello de Lugo ten en Adai un tesouro arqueolóxico de extraordinario valor patrimonial e gran potencial turístico. A vinculación de Lugo ao mundo romano non debería impedir que espazos como este quedaran esquecidos. Desde Mariña Patrimonio queremos animar ao Concello de Lugo e aos responsables de Patrimonio da Xunta de Galicia a que realicen un esforzo para iniciar o estudo deste espazo arqueolóxico que, a pouco que se gaste nel, devolverá con creces o investimento feito.

11/10/2019

PATRIMONIO LUCENSE FÓRA DE MURALLAS Con motivo do Día Internacional do Patrimonio Mundial

Mariña Patrimonio organiza unha visita a Lugo o día 23 de novembro para coñecer parte do patrimonio menos coñecido desta cidade. Para esta actividade disporemos dun guía especializado que nos acompañará na visita aos barrios do Carme e da Ponte pola mañá e a Adai pola tarde.

O traxecto do bus vai depender das persoas que o soliciten, polo que pedimos que nolo fagan saber canto antes (antes do venres 15 de novembro)), indicando nome, se é socio/a ou non, teléfono de contacto e lugar de residencia, para ter tempo de contratar o bus (prazas limitadas) e reservar lugar para xantar.

Comunicaremos a inscrición ata que se chegue ao límite de prazas, a partir do cal tamén se comunicará a imposibilidade de inscrición. O luns 18 informaremos ás persoas anotadas sobre os horarios do bus e o número de conta para efectuar o ingreso correspondente.

10/28/2019

VISITA AO PATRIMONIO DO CONCELLO DE OUROL.

Fotografías da interesante visita realizada o pasado domingo 27 de outubro ao rico patrimonio do concello de Ourol. Unha vista guiada por Anxo Vázquez, a quen agradecemos a súa xenerosa colaboración.



 +FOTOS: https://photos.app.goo.gl/ETwtiz4AXLfSc6Km7

10/14/2019

VISITA AO PATRIMONIO DO CONCELLO DE OUROL

Mariña Patrimonio organiza para o día 27 de outubro unha visita guiadada ao concello de Ourol para coñecer o  seu patrimonio civil e relixioso máis salientable. Ademais de a Ourol, achegarémonos a Bravos, Xerdiz e Vilares.
No caso de que haxa un número suficiente de persoas, pensamos facer o desprazamento en bus con traxecto Foz - Ourol (con paradas intermedias, das que se informará así como dos horarios). Esta opción é a máis recomendable xa que hai que moverse de visita a visita. As persoas que estean máis afastadas, poderían incorporarse ao bus en Foz. Como vén sendo habitual neste tipo de saídas, haberá un xantar no que poderán participar todas as persoas que o desexen.
A data límite para anotarse remata o luns 21 de outubro. As persoas interesadas que nolo fagan saber a través do correo mr.patrimonio@gmail.com  indicando nome, se é socio/a ou non, e as opcións que lle interesan, para ter tempo de contratar o bus e reservar o lugar para xantar.

10/07/2019

Ruta Xeolóxica

 Na ruta xeolóxica organizada por Seminario de Estudos Os Espigueiros e Mariña Patrimonio pola costa de Barreiros. Unha ruta na que contamos coas magníficas explicacións do xeólogo Fran Canosa.


9/30/2019

Visita á estrutura circular de Xove


Sorpresa agradable ao comprobar o interese en coñecer o redescuberto henge de Lavandeira, en Xove. Arredor de 20 persoas responderon á convocatoria-quedada realizada nas últimas horas polo Concello de Xove e Mariña Patrimonio para comprobar in situ o aspecto que ofrece este interesante xacemento, tras a intervención do departamento de estradas da Xunta de Galicia.
Santiago Nogueira, arqueólogo que supervisou os traballos efectuados, realizou unha sinxela descrición deste henge, estrutura circular de 50 metros de diámetro que posuía un muro de pedra pola súa cara interior, mentres o perímetro exterior estaba rematado por unha acumulación de terra e xabre e rodeado por un foxo. Avanzou tamén que se atoparon indicios no seu interior doutra estrutura circular, concéntrica coa exterior, de pedras que poderían constituír un cromlech, algo habitual nos henges coñecidos.

8/23/2019

Xeotéxtil

 O pasado 23 de xullo a Conselleria de Cultura ditou unha resolución que obrigaba a protexer con xeotéxtil e camada de áridos as estruturas da sauna da Atalaia.
Sobre o xeotéxtil foi depositada unha capa de áridos tan escasa que, co trasego da maquinaria pesada, entre as rodeiras das máquinas xa asoma o xeotéxtil.



Sauna da Atalaia 1974

Celina Fernández Ponte facilitounos amablemente estas fotografías familiares nas que se pode ver a sauna da Atalaia, que naquel entón consideraban unha edificación fenicia.
Curioso o cartel prohibindo facer escavacións.

Últimas fotos da sauna da Atalaia.

 O pasado 6 de agosto na sauna da Atalaia a medida que ían metendo tubo ían aparecendo novos vestixios, que os operarios ían tapando. Nestas fotos pódese observar a segunda pedra formosa e mais unha nova estancia, en cuxas paredes se aprecian uns ocos semellantes aos xa aparecidos noutras dependencias desta monumental edificación.
Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura e Turismo contaranos algún día por que decidiron tapar este excepcional achado, sen realizar ningún estudo arqueolóxico?

8/11/2019

Tapado da sauna do castro da Atalaia.


DÚAS CUESTIÓNS IMPORTANTES:
1.- A intervención arqueolóxica que se realizou na sauna da Atalaia, redescuberta no transcurso das obras realizadas polo Concello, foi simplemente un control arqueolóxico. Non houbo, por tanto, nin escavación nin estudo arqueolóxico.
2.- Malia a que a Xunta considera esta sauna de extraordinario interese arqueolóxico, decidiu tapala sen realizar as escavacións e os estudos que requiriría este importante ben patrimonial.
Pola súa banda, o Concello proximamente pavimentará de novo a rúa na que se atopa a sauna. Está claro que se non se aproveitou no seu momento para escavala e estudala, tampouco se vai facer unha vez rematada a nova rúa.
Mariña Patrimonio considera que Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura e Turismo debería explicar por que se actúa deste xeito cun dos achados arqueolóxicos máis importantes dos que se teñen descuberto en Galicia nos últimos anos.



Sauna do castro da Atalaia

Mariña Patrimonio agradécelles ao arqueólogo Emilio Ramil e ao alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a súa participación no acto celebrado o pasado martes sobre a sauna do castro da Atalaia. Grazas á información que achegaron ambos, quedou patente a enorme importancia desta sauna, á que Emilio Ramil cualificou como unha auténtica xoia da arqueoloxía.

8/04/2019

Acto divulgativo sobre a sauna do castro da Atalaia.

O próximo martes 6 de agosto, ás 20.00h, teremos na Casa da Cultura de San Cibrao un acto divulgativo sobre a sauna do castro da Atalaia. Neste acto participarán o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o arqueólogo que dirixiu a intervención arqueolóxica, Emilio Ramil.

7/01/2019

VISITA AO PATRIMONIO CIVIL E RELIXIOSO DA PONTENOVA


Este sábado 29 de xuño o grupo de case trinta persoas madrugou un pouco para poder aproveitar a xornada programada na Pontenova, un concello que posúe lugares e tesouros pouco coñecidos, pero non por iso menos interesantes. Arredor das 10 da mañá chegamos a Vilarxubín, unha aldea do sur do concello, ubicada nunha das ladeiras do río e da fraga das Reigadas. A súa fermosa arquitectura popular, deteriorada mais escasamente alterada, aínda mantén unha riqueza excepcional: hórreos de montaña e hórreos mariñáns complementan o conxunto de casas e calellas nas que a pedra de lousa e a madeira se combinan para dar lugar a formas singulares, conformando un harmónico conxunto. Ademais da arquitectura, Vilarxubín alberga outros tesouros de grande interese, que nos axudou a entender Miguel Losada, o antropólogo que nos acompañou nesta visita, aportando un valor engadido coas súas explicacións sobre os amuletos ou elementos simbólicos das sociedades tradicionais, coma a galega, e que son chamativamente abundantes nesta aldea.


Sobre as 12 o grupo desprazouse a outro dos lugares sinalados da Pontenova, o santuario de Conforto, un dos centros relixiosos máis emblemáticos na comarca pola devoción que esperta a pequena e fermosa talla da Virxe, aparecida no século XVII. Para coñecer este Santuario contamos coa guía inestimable do sacerdote Carlos Miranda, natural deste concello e párroco de Ribadeo, vinculado a este lugar de xeito moi especial desde a súa infancia. O templo ten un grande interese pola profusión de retablos e pequenos tesouros que foi acumulando ao longo da súa historia, e que se atopan expostos tanto no interior da igrexa coma no pequeno museo de arte sacra, creado a carón do cemiterio.
Da man de Carlos Miranda visitamos tamén a igrexa parroquial de Vilameá, de similar factura arquitectónica á de Conforto, que alberga un pequeno e valioso retablo barroco do século XVI, un gran retablo maior, con valiosa imaxinería barroca, e unha fermosa fachada lateral.
Despois dunha opípara comida en Casa Balbina, o plan da tarde estivo adicado ao amplo patrimonio de arqueoloxía industrial deste concello. As minas de Vilaodriz constituíron durante os comezos do século XX un dos grandes complexos da minaría do ferro do país, ao que se daba saída cara o cargadoiro de Ribadeo mediante unha vía férrea, hoxe convertida en senda verde. O guía de turismo municipal, Juan Carlos Pardo, explicounos na antiga estación ferroviaria, habilitada como oficina de turismo, a historia desta etapa. A continuación guiounos nun percorrido por diversos puntos da mina (galerías, restos do teleférico, túneis e mais o forno en restauración), un complexo arqueolóxico que o Concello pretende recuperar e que constitúe un recurso turístico de gran potencial e interese pola singularidade e envergadura desta explotación, aínda hoxe pouco coñecida.

Pasadas as sete do serán, satisfeitos e sorprendidos diante da grande riqueza patrimonial destas terras, rematamos a xornada.
Dende Mariña Patrimonio queremos expresar a nosa admiración e gratitude a Miguel Losada e a Carlos Miranda, que nos aportaron dúas miradas distintas pero igual de interesantes sobre o patrimonio espiritual destas terras. Así mesmo, agradecemos a excelente atención prestada polo Concello da Pontenova e do seu guía de turismo, Juan Carlos Pardo.

6/14/2019

VISITA DE MARIÑA PATRIMONIO POLOS BENS PATRIMONIAS DO CONCELLO DE A PONTENOVA



Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro 29 de xuño un percorrido polo patrimonio civil e relixioso máis salientable do concello de A Pontenova. Aínda que dos detalles da xornada se informará máis polo miúdo, adiántase que se contará coa inestimable colaboración de Carlos Miranda Trevín para a visita do patrimonio relixioso (Conforto e Vilameá) e do antropólogo Miguel Losada para a visita etnográfica en Vilarxubín. Nesta xornada tamén coñeceremos o patrimonio relacionado co ferro.
Por outro lado, se o número de persoas interesadas en participar na visita o permite, os desprazamentos faranse en bus, que partiría de Viveiro e faría as paradas intermedias necesarias ata A Pontenova. Neste lugar dará comezo a xornada, que se desenvolverá dende as 10:00 ata as 19:00, cunha pausa para o xantar de 14:00 a 16:00.

5/28/2019

MARIÑA PATRIMONIO DENUNCIA UNHA INTERVENCIÓN NA FACHADA DA FÁBRICA DE SARGADELOS

Os responsables da transformación da fachada neste Ben de Interese Cultural non contarían coa preceptiva autorización de Patrimonio.
A asociación Mariña Patrimonio vén de denunciar perante a Consellería de Cultura e mais no Concello de Cervo as intervencións que se están a desenvolver no edificio circular da fábrica de Sargadelos. Neste complexo industrial, que foi declarado Ben de Interese Cultural, coa categoría de monumento en 2014, as mencionadas intervencións están a transformar e desvirtuar o emblemático edificio de Sargadelos; unha obra do arquitecto Andrés Fernández – Albalat que se construíu no concello de Cervo en 1968 por encargo de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane.
Segundo a información da que dispón a asociación denunciante, os traballos que se están a realizar na fachada do edificio non contan coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura nin coa necesaria licenza municipal. Por todo isto, Mariña Patrimonio considera que cómpre unha inmediata paralización das actuacións que se están realizando na fábrica de Sargadelos e ademais entende que é necesario volver ao estado orixinal a fachada deste importante ben patrimonial.




5/27/2019

VISITA AO PATRIMONIO DO CONCELLO DE MAÑÓN

Este sábado 25 de maio presentouse espléndido para o percorrido polo concello de Mañón, no que participaron máis dunha trintena de persoas convocadas por Mariña Patrimonio,

Durante o percorrido tivemos o privilexio de contar como guía e anfitrión de luxo co profesor mañonés afincado en Cervo e Burela, Bernardo Penabade. Da súa man iniciamos a visita en Bares, onde arrinca o Camiño dos Arrieiros, vía milenaria que comunicou esta vila de situación xeográfica estratéxica co interior de Galicia desde os tempos antigos.

Trala visita ao Semáforo, convertido en fermoso e romántico hotel, onde o seu xerente Javier Pardo nos contou como se produciu esta transformación, visitamos o Coído e os vestixios romanos da necrópole do Porto de Bares. Desde este punto, e seguindo o Camiño dos Arrieiros, despois dunha breve visita á igrexa nova da Vila de Bares, subimos á Garita, atalaia que permite extasiarse cunha espectacular panorámica da comarca máis septentrional da Península.
 
Despois de achegarnos ao Barqueiro, capitalidade actual do municipio, onde o grupo gozou dun refrixerio no Bar Queiro, a visita continuou na dirección dos arrieiros cara ó interior polos altos da Serra Faladora, vendo descorrer en paralelo pola nosa esquerda o río Sor, ata a parroquía de Mañón, antiga capitalidade municipal. Aquí puidemos coñecer, ademais da antiga feira, a igrexa parroquial de Sta. María, un templo moi especial polas súas importantes pinturas murais dos séculos XV e XVI. Neste lugar a restauradora Clotilde Lemoine, coautora do único estudo realizado sobre estas pinturas, que se conservan malia as desafortunadas obras de reconstrución da cuberta do edificio, ilustrou a visita sinalando a súa calidade e relevancia, asi como a necesidade de completar unha restauración que impida o seu previsible deterioro.
 

Despois dun contundente xantar en Casa Urbano, a seguinte etapa foi o conxunto da igrexa e casa reitoral do Campo das Grañas, unha modélica restauración promovida pola comunidade de veciños. Esta espléndida actuación patrimonial foi explicada por Jesús Pardo Novás, Cefucho, home que tivo un especial protagonismo no éxito da mesma. A actuación pretende ser continuada coa restauración das instalacións da antiga feira que se celebraba neste Campo das Grañas ao carón da igrexa.

Para completar a visita, o camiño dos Arrieiros retomou a nosa atención achegándonos ao Forno dos Mouros e ao tramo de Pena Branca, onde puidemos ver algunhas das 88 mámoas que se teñen computado desde Bares ás Pontes, sempre vinculadas a este ancestral camiño.

Dende Mariña Patrimonio queremos agradecer, ademais do mencionado labor dos guías, a colaboración do párroco de Mañón e dos veciños de Bares por facilitarnos a visita ás citadas igrexas.
 +FOTOS:https://photos.app.goo.gl/p2GmCySPzo996kye9

5/13/2019

ADEGA E MARIÑA PATRIMONIO DENUNCIAN A XUNTA POR POSIBLES DANOS AO PATRIMONIO


A Xunta realiza unha queima “controlada” no Xistral sobre un petróglifo catalogado.
 
ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de denunciar perante o Servizo de Protección da Natureza , SEPRONA, posibles danos nun petróglifo situado no Xistral, concretamente no Chao de Sinás (Ourol-Lugo). Segundo puideron saber ambas asociacións, os danos foron ocasionados pola propia Xunta, ao realizar a comezos de ano unha queima controlada do mato que cubría unha zona arqueolóxica, catalogada e protexida pola Xunta de Galicia. Ao parecer, este lume tería afectado especialmente o petróglifo 13 (GA27038036).
Nesta zona arqueolóxica do Chao do Sinás, onde a Xunta de Galicia ten catalogadas trece laxes con petróglifos e dúas mámoas (das cales unha alberga o coñecido dólmen da Arca de Sinás), a queima así como o paso dun tractor con desbrozadora de cadeas para controlar o lume non contaban coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura, segundo souberon ADEGA e Mariña Patrimonio.
Estas asociacións consideran especialmente grave que sexa a propia administración quen dane o patrimonio cultural. Ademais, sosteñen que esta queima sobre un petróglifo, e nunha zona arqueolóxica protexida, é unha nova mostra do desleixo e da incompetencia da Xunta de Galicia.






Mina romana de Riotorto

O Xeolodía Lugo 2019 visitou a mina de ouro de época romana de Riotorto, descuberta por Mariña Patrimonio en 2105 e que a día de hoxe, incomprensiblemente, segue sen estar catalogada.