11/17/2016

Convenio de colaboración

 O Centro de Actividades Subacuáticas Costa Lugo e Mariña Patrimonio asinamos o pasado mes de outubro un convenio de colaboración para compartir e participar en actividades conxuntas relacionadas co mar, que teñan que ver coa defensa e coa divulgación do noso patrimonio natural e cultural.




11/15/2016

A XUNTA OBRIGADA A INDEMNIZAR UN CONSTRUTOR QUE DESTRUÍU PARTE DUN CASTRO EN SAN CIBRAO

ADEGA e Mariña Patrimonio responsabilizan ao Servizo de Patrimonio de Lugo e ao concello de Cervo do fallo que obriga a indemnizar o responsable da destrución parcial do castro da Atalaia

Diante da recente sentenza do Tribunal Supremo que obriga á Xunta a indemnizar a empresa construtora, responsable da destrución en 2007 de parte do castro da Atalaia, tanto ADEGA, que dende o comezo estivo ao lado dos veciños na defensa do castro, como Mariña Patrimonio, asociación que naceu a partir deste conflito, non temos ningunha dúbida de quen son os responsables no sucedido no caso do xacemento da Atalaia.
Para situármonos, cómpre lembrar o momento histórico no que tiveron lugar os feitos, un momento no que o boom urbanístico facía correr os cartos e permitía medrar a corrupción por todas partes.
Coincidindo con este boom urbanístico, Promociones San Ciprián comezou a comprar fincas para edificar na Atalaia, lugar no que se atopa un xacemento arqueolóxico. Por este motivo e co fin de evitar unha desfeita arqueolóxica, informouse persoalmente ao promotor sobre a existencia deste ben patrimonial; alén disto, o 29 de setembro de 2005, entregáronse no Servizo de Patrimonio de Lugo uns restos arqueolóxicos atopados no castro da Atalaia ao tempo que se rexistraba un escrito advertindo sobre a compra de terreos para edificar nesta zona, polo que se solicitaba a protección do xacemento.
Por outro lado, como consecuencia das obras que o Concello de Cervo estaba a realizar na Atalaia para a construción dun observatorio de aves, os arqueólogos do Servizo de Lugo constatan o 9 de agosto de 2006 a existencia na zona dun xacemento galaico-romano.
Con todos estes datos, os arqueólogos de Patrimonio de Lugo tiñan a obriga de inventariar e de protexer este ben patrimonial, o que impediría que o Concello de Cervo concedese as licenzas para edificar sobre o xacemento da Atalaia. Pola contra, o Servizo de Patrimonio de Lugo tardou nada menos que vinte meses en incluílo no Inventario; concretamente o castro da Atalaia foi inventariado o 19 de abril de 2007. Curiosamente, a véspera, o 18 de abril de 2007, o Concello de Cervo concedéralle a Promociones San Ciprián a última das licenzas.
Por tanto, dado que o concello de Cervo sabía da existencia do xacemento e, malia todo, non dubidou en conceder as mencionadas licenzas, o ex-alcalde José Insua e o seu equipo de goberno son tamén responsables da destrución no castro da Atalaia e de que Patrimonio teña que indemnizar agora ao construtor.
Cómpre non esquecer, ademais, que a sentenza abre a posibilidade de que o promotor lle reclame ao Concello outra indemnización por ter concedido unhas licenzas para edificar nun lugar no que sabían que existía un xacemento. Esta posible indemnización suporía que todos os veciños de Cervo teriamos que pagar polas actuacións irresponsables de José Insua e mais do seu equipo de goberno.
Por outra banda, ADEGA e Mariña Patrimonio queremos felicitar a empresa construtora porque, malia ter destruído 1600m2 de xacemento arqueolóxico, conseguiu librarse das denuncias e porque, a pesar de ter na Atalaia un edificio ilegal que non cumpre as Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, o seu edificio, de momento, segue en pé para vergoña de todos os cervenses. Tamén o felicitamos polos cartos que vai recibir da Xunta de Galicia, xa que non todos os construtores teñen a posibilidade de facer caixa dende que estourou a burbulla inmobiliaria.
Porén, cando uns ganan outros perden e, lamentablemente, as neglixencias e mais o desleixo do Servizo de Patrimonio de Lugo, xunto coa actuación irresponsable do concello de Cervo, van provocar inesperados efectos colaterais, dado que os cartos que recibirá o construtor saen do presuposto que ten Patrimonio para intervir e para protexer sitios arqueolóxicos en toda Galiza. En consecuencia, esta sentenza non só afectará a moitos xacementos senón que tamén prexudicará as empresas de arqueoloxía, que verán reducida a súa carga de traballo.
Por todo isto, ADEGA e Mariña Patrimonio demandamos que a Dirección Xeral de Patrimonio actúe depurando as posibles responsabilidades do Servizo de Patrimonio de Lugo. Tamén lles solicitamos á Xunta e mailo Concello a demolición da edificación ilegal xunto coa expropiación dos terreos que o construtor ten no xacemento e , por suposto, demandamos a posta en valor dos restos arqueolóxicos xa escavados así como a construción dun museo arqueolóxico na Atalaia.

FOTOS:





11/10/2016

O SERVIZO DE PATRIMONIO DE LUGO NON ACTÚA ADECUADAMENTE PARA PROTEXER UN XACEMENTO ARQUEOLÓXICO EN CERVO, CONSIDERADO ÚNICO EN GALIZA

Patrimonio puido ter evitado os graves danos sufridos recentemente polo xacemento 
ADEGA e Mariña Patrimonio vimos de denunciar perante o Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo os graves danos que sufriu unha das estruturas circulares no sitio arqueolóxico de A Mourisca, localizado no concello de Cervo. Os danos foron ocasionados no transcurso dos labores de corta e replantación de eucalipto que afectaron a toda a superficie do recinto circular e máis do parapeto que o define. As remocións de terra, xunto coa utilización de pas mecánicas no recinto, danaron gravemente a estrutura arqueolóxica de A Mourisca.
A Mourisca é un sitio arqueolóxico que se atopa nunha chaira do monte Motín, situado entre Castelo, Viladesuso e A Senra. Está formado por dúas estruturas circulares duns 30 m de diámetro, posibles henges, e máis dúas mámoas. Como non se teñen feito prospeccións nin estudos na zona, non se pode desbotar a existencia doutros elementos arqueolóxicos.
Antes de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio a inclusión no Inventario de calquera posible xacemento, Mariña Patrimonio e ADEGA poñémonos en contacto con arqueólogos para que visiten o lugar e valoren a autenticidade do xacemento. No caso de A Mourisca tivemos a oportunidade de ensinarllo a un total de sete arqueólogos e todos eles coincidiron en que A Mourisca é un sitio arqueolóxico único en Galiza e todos coincidiron, ademais, na necesidade de inventariar e protexer este singular ben patrimonial.
En consecuencia, o 27 de xaneiro de 2014 solicitamos no Servizo de Patrimonio de Lugo a inclusión no Inventario destas dúas estruturas circulares. Despois de vinte e un meses de demora, o 14 de outubro de 2015 un técnico de Patrimonio de Lugo inspeccionou o lugar e comprobou a existencia das citadas estruturas; así mesmo, no transcurso da inspección entregáronselle pequenos anacos de cerámica que foran atopados nun dos recintos circulares. Posteriormente, os técnicos de Lugo incluíron no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos estas estruturas como Referencias coas claves GA27013REF.03 e GA27013REF.04, respectivamente. Porén, o feito de incluír no Inventario un lugar como Referencia supón que non sexa recoñecido oficialmente como xacemento e, por tanto, o lugar queda sen a debida protección.
Por este motivo, ADEGA e Mariña Patrimonio temos explicado a anómala situación de A Mourisca e, asemade, temos expresado a nosa disconformidade en reiteradas ocasións en distintos foros: con asociacións en defensa do patrimonio, con persoas do mundo da cultura, con políticos de diferentes forzas políticas, co alcalde e con concelleiros de Cervo e mesmo con Patrimonio.
Posiblemente froito destes contactos, en maio a prensa facíase eco da existencia do sitio arqueolóxico de A Mourisca, ao tempo que reproducía as declaracións da Dirección Xeral de Patrimonio nas que se anunciaba a corrección da ficha que fora elaborada polo Servizo de Patrimonio de Lugo: «Respecto dos outros dous círculos, os técnicos de Patrimonio constataron a súa autenticidade como xacementos arqueolóxicos, e por tal motivo estase a reformar a ficha para cambiar a súa situación de referencia a xacemento arqueolóxico». 
 
Lamentablemente a corrección chega tarde para evitar os danos que se produciron no xacemento, por iso pedímoslle á Dirección Xeral de Patrimonio que adopte medidas para que o Servizo de Patrimonio de Lugo non repita erros con consecuencias tan graves como as derivadas deste caso e, así mesmo, agardamos que Patrimonio sexa quen de definir onde fallou o Servizo de Patrimonio de Lugo e o grao de responsabilidade que tivo este Servizo nos danos que sufriu o sitio arqueolóxico de A Mourisca, por non contar este ben patrimonial coa necesaria protección, pese as nosas reiteradas advertencias.