O petroglifo de Monte, o primeiro inventariado no
concello de Xove, atópase nunha rocha da
finca denominada “Casa do Cura”, en Penas Agudas (parroquia de Monte).
Este petroglifo foi incluído polo Servizo de Patrimonio
da Consellería de Cultura no Inventario de xacementos arqueolóxicos coa
denominación “petroglifo do Monte” coa clave GA27025030.
Os petroglifos son gravuras feitas nas rochas.Trátase da
manifestación artística máis xenuína da prehistoria de Galicia. A maioría
destes xacementos datan da Idade do Bronce e, aínda que se atopan en todo o
territorio galego, abundan especialmente nas Rías Baixas.
A rocha da “Casa do Cura” ten gravados 18 buratiños
semiesféricos, coñecidos como coviñas ou cazoletas, e varias liñas
serpentiformes. Este é o primeiro petroglifo descuberto en Xove que ven a
sumarse aos xa dados a coñecer por Mariñapatrimonio: O
do castro da Atalaia (San Cibrao); o do castro do Coído, os do castro de Rueta
e o reticulado de Langoira (Cervo); os do castro de Burela e os podomorfos nas
Anzas (Ribadeo)
O petroglifo de Monte, ao incluíreno no
Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia, goza da máxima protección por
tratarse dun Ben de Interese Cultural (BIC)
Este achádego, que confirma a riqueza
arqueolóxica da nosa comarca, aporta novos datos para o estudo desta
interesante manifestación cultural da prehistoria na Mariña.