12/16/2009

Viaxe a Exipto con LugoPatrimonio


A nosa asociación amiga da capital provincial organiza para este inverno unha fantástica viaxe a Exipto, para a que se poden apuntar, ata o 22 de decembro, tanto asociados como non asociados.

Non esperedes a saber se vos toca o gordo de Nadal para contactar, que logo ao mellor non hai praza!

Podedes contactar no telefono 676 800 227
Remitimosvos á web de LugoPatrimonio para que vexades os detalles da viaxe, que non ten desperdicio:
http://www.lugopatrimonio.org/web/index.php?option=com_content&view=article&id=298:venteaexipto&catid=1:latest-news&Itemid=18

12/05/2009

HISTORIAS SALGADAS

POLAFÍA NO MUSEO PROVINCIAL DO MAR de SAN CIBRAO, CERVO
Sábado, 12 de decembro de 2009, ás 7 da tarde

Intervirán:
Antón Castro, Isidro Novo, Xoán Neira, Paco Rivas e veciñas e veciños de Cervo e arredores, para contar e contar, para conversar e escoitar

ENTRADA LIBRE

Organiza. AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega)
Patrocina: Área de Cultura da Deputación de Lugo.
Colaboran: Asociación MariñaPatrimonio
__________
As polafías son unha proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta coa colaboración de diversas asociacións e institucións.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG, na súa Sección de Literatura Oral. As polafías terán unha duración aproximada de arredor de 90 minutos.

12/03/2009

Conferencia de Xoan Carmona en Viveiro

Ante unha abundante concurrencia, no sede social de Caixa Galicia, o profesor universitario e especialista en arqueolóxía industrial, Xoan Carmona, realizou un ameno repaso por todos aqueles restos da industrialización na Mariña dos últimos 250 anos, desde toda a industria do ferro da comarca do Eo, de Sargadelos e Viveiro, ata a experiencia de industria mecánica desenvolvida por Barro en Chavín, e pasando polas primeiras instalacións hidroeléctricas ou da fabricación textil, resaltando a importancia que, cualitativamente, tivo a industria mariñana dentro do contexto galego e mesmo español.

Entre as interesantes ideas que transmitiu, compre destacar o feito de que non se acometera a necesaria planificación sobre os restos arqueolóxicos existentes no país, que permita optimizar os investimentos realizados, nada despreciables, pero inconexos e carentes de viabilidade e de proxección. A primeira prioridade, para Carmona, sería elaborar un inventario sistemático de bens, que permitiría rendabilizar os recursos investidos na posta en valor daqueles restos seleccionados como máis representativos e interesantes.

Finalmente, deixou tamén a máis optimista idea de constatar na sociedade galega un crecente interese pola valorización e defensa do noso patrimonio histórico-industrial, algo que nos debe animar a continuar na nosa tarefa de sinalar e por en evidencia os nosos bens patrimoniais.

Para ver máis fotos do evento:
http://picasaweb.google.es/lh/sredir?uname=mr.patrimonio&target=ALBUM&id=5407354350174908881&authkey=Gv1sRgCOTo6OPAlqjzxwE&feat=email

11/23/2009

Continúan as Xornadas de Patrimonio en Viveiro


Mércores, 2 de decembro, ás 8:30 da tarde

Salón de Actos de Caixa Galicia en Viveiro

terceira das actividades das XORNADAS DE PATRIMONIO

Conferencia a cargo do profesor da USC Xoán Carmona Badía:

O PATRIMONIO INDUSTRIAL NA MARIÑA LUGUESA

11/22/2009

Pola ruta do ferro

Na Praza dos Fornos, en A Pontenova, iniciamos o camiño que nos levou, o sábado 21 de novembro, pola rota do ferro. Miguel Abraira –o noso guía— explicounos ao pé dos fornos o percorrido que nos levaría á Ferraría de Bogo, ao mazo de Ferreiravella e á forxa de Manuel Alonso no lugar da Ermida xa no concello de Riotorto.

Pagou a pena achegarse até Bogo e baixar a pé até a Ferraría—hoxe absurdamente pechada—para ter ocasión de coñecer este complexo que xa funcionaba no 1534 e que foi mellorada no XVIII deixando de funcionar nese mesmo século por mor dun incendio. A instalación foi aberta nesta ocasión especial para Mariñapatrimonio grazas á xestión do Concello de A Pontenova que vai ser no futuro—agardamos que próximo—o responsabel do seu mantenemento.

O autobús achegounos despois ao concello de Riotorto onde o seu alcalde, Federico Gutierrez Estoa, nos facilitou a visita ao Mazo de Ferreiravella e Miguel Abraira e o ferreiro Manuel Alonso puxeron a funcionar o vello mazo.

A terceira das visitas foi un acertado remate para comprendermos todo o proceso. No obradoiro de Manuel Alonso pasamos un tempo inesquencíbel. Manuel fixo, para nós un coitelo na súa forxa. Alí lembramos o texto de Miguel Abraira cando, no seu conto que escrebiu para o Pregón da I Feira da Artesanía do Ferro, no 2007, dicía:
“E por eso—pensa meu pai—agora non deixo de preguntarme que che vou decir eu a ti, e quen vai a conservar agora toda esa beleza de xestos e palabras que temos que deixar no rego: malogreiro, ximela, tendal, gorreón, cepitillo, curvatoes,mainelo,vergallón…
E claro. Entón comprendo. Comprendo os centos de anos de memoria e de historia que perdo. Comprendo que quizais un día tamén nos toque a nós, e Riotorto quede sen ferreiros, e que igual o bonito é conservar precisamente o que os demais van deixando en desuso. Conservar e recordar, para que outros, os que veñan despois de nós, conozan, comprendan e poidan aprender a amar esta terra”.

11/10/2009

Pola rota do ferro

Excursión polos concellos de A Pontenova e Riotorto
Sábado 21 de novembro de 2009

-A visita comenzará ás 10:30 horas na Praza dos fornos de A Pontenova.

-Visitaremos: os fornos de A Pontenova, a ferraría de Bogo, o mazo da Fraga ( en Ferreiravella, Riotorto ) e unha forxa en A Ermida ( tamén en Riotorto )

-14:30 horas: Fin da actividade. Xantar organizado ( optativo )

-Para chegar até A Pontenova, Mariñapatrimonio porá a disposición das persoas que participen un transporte colectivo que saíndo de Viveiro ( ás 9 da mañá ), pararía en distintos pontos de Xove, Cervo, Burela, A Espiñeira e Vilanova de Lourenzá para recoller ás persoas que previamente se inscriban nesta actividade.

-Inscrición: enviando os nome, enderezo, número de teléfono a mr.patrimonio@gmail.com

-Cuota de inscrición:
-asociados/as: gratuita
-non asociados: 5 €
-Prazas limitadas. A inscrición farase por orde de de anotación até completar as prazas.

-Data límite de inscrición: mércores 18 de novembro


Guía: Miguel Abraira, Premio Xesús Ferro Couselo, ( investigación de antropoloxía e ciencias sociais. Autor do traballo: Ferreiro: técnica e cultura. O traballo tradicional do ferro en Riotorto, A Pontenova e Taramundi.

10/25/2009


A Casa da Cultura do concello de A Pontenova foi o lugar escollido por Mariñapatrimonio para dar comezo ás Xornadas de arqueoloxía industrial. O conferenciante, Xavier R. Lombardero, traballador de La Voz de Galicia, foi presentado polo presidente da nosa asociación que fixo un breve percorrido pola biografía deste xornalista e emprazou aos asistentes a participar na seguinte das actividades deste ciclo: a visita guiada Pola ruta do ferro da que o investigador Miguel Abraira vai ser o condutor o sábado 21 de novembro.O conferenciante iniciou o seu relatorio facendo un percorrido histórico polas orixes da industria do ferro en A Pontenova. Esta localidade—dixo—medrou coa chegada de man de obra para as minas—máis de mil mineiros tiveron ocupación nesta industria—e aquí se xestaron as primeiras mobilizacións obreiras, unha manifestación de mulleres e tamén, ao abeiro deste movimento, naceron as organizacións agrarias nesta zona.
Xavier R. Lombardero referiuse á necesidade de recuperar o patrimonio, considerando que a primeira das obrigas para conseguir este obxectivo é ter en conta a historia. Tamén criticou o xornalista a desfeita urbanística da vila e a perda de edificios que falaban do pasado. Reclamou o nome de “Avenida dos mineiros” para o vial que hoxe hoxe ten o de “Estrada Xeral” e propuxo o de “Carreiro dos almorzos” para o camiño ata onde chegaban de cotío as mulleres dos mineiros para lles levar a comida.

A conferencia, seguida por moito público, e da que o xornal “La Voz de Galicia” publicou un avanzo, contribui sen dúbida a por en valor o noso patrimonio.

10/17/2009

MariñaPatrimonio abre na Pontenova as Xornadas sobre Arqueoloxía Industrial


O xornalista Xavier R. Lombardero será o primeiro dos conferenciantes do ciclo dedicado á industria do ferro que organiza a asociación Mariñapatrimonio. As Xornadas de Patrimonio centradas na arqueoloxía industrial na Mariña Luguesa darán comenzo o vindeiro sábado 24 de outubro , ás sete e media da tarde, na Casa da Cultura do concello de A Pontenova. Repensando A Ponte será o título do relatorio do xornalista Xavier R. Lombardero.

A segunda das actividades deste ciclo será unha visita guiada por Miguel Abraira que percorrerá os concellos de A Pontenova e Riotorto. A excursión, Pola ruta do Ferro ,partirá desde o Museo do Mar de San Cibrao o día 21 de novembro, ás 10 da mañá e os participantes visitarán a Ferraría de Bogo, o Mazo de Ferreiravella, un obradoiro tradicional e distintos pontos de interese dos dous concellos. As persoas interesadas nesta actividade deben porse en contacto coa asociación organizadora para a reserva de prazas.

Xoán Carmona Badía, intervirána terceira das actividades deste ciclo, nun acto que se desenvolverá en Viveiro no mes de decembro, para falar arredor do patrimonio industrial, das pegadas materiais da actividade humana máis recente na Mariña Luguesa.

Tamén Mariñapatrimonio porá a disposición dos centros de ensino da comarca unha exposición itinerante sobre o pasado industrial da Mariña Luguesa.

Na presentación desta actividade participaron Francisco Luís Rodríguez Guerreiro e Manuel Miranda da asociación organizadora e Antonio Veiga Outeiro, deputado responsábel da Área de Cultura da Deputación de Lugo xa que estas Xornadas de Patrimonio contan co patrocinio da área de Cultura da Deputación de Lugo . Tamén colaboran os concellos de Riotorto e A Pontenova.

10/16/2009

De lingua enxalzada a lingua mortificada


Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, demostrou onte en Burela, ao traveso dun detallado percorrido histórico, como foi evolucionando a valoración do galego fóra e dentro, en paralelo coa propia evolución histórica de Galiza, que pasou de ser o centro do reinos cristiáns nos séculos centrais da Idade Media, a ser esquecida e deliberadamente excluída a medida que o Reino de Castela foi facéndose hexemónico na Península e impoñendo o seu idioma, o castelán.

Freixeiro Mato sostivo e demostrou documentalmente como, desde o s. XV en diante, os galegos e a súa lingua, noutrora usada polas elites políticas e culturais mesmo casteláns, foi sometida a un prolongado e sistemático proceso de deturpación xenófoba que aínda agroma nestes tempos actuais, pretendendo que o galego, a lingua propia dos galegos e galegas, quede reducido ao papel de lingua secundaria ou residual no seu propio ámbito natural.

Rematou a súa brillante intervención lembrando os últimos datos publicados pola Real Academia Galega sobre uso da lingua, que sofre un preocupante descenso, precisamente nos sectores sociais máis dinámicos: a poboación urbana e sobre todo a mocidade, e afirmou que só unha contundente reacción da sociedade galega reclamando os seus dereitos lingüísticos pode frear esta ofensiva contra a noso maior ben patrimonial e identitario.

10/10/2009

MariñaPatrimonio participa na Plataforma QUEREMOS GALEGO!


Dentro da campaña de mobilización en defensa do noso máis importante ben patrimonial, a lingua, MariñaPatrimonio organiza
o seguinte acto:

Conferencia a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato, titulada:

“A HISTORIA E A DIGNIDADE DO GALEGO. DE LINGUA
ENXALZADA A LINGUA MORTIFICADA”

XOVES, DÍA 15 DE OUTUBRO
Salón de Conferencias de Burela (Biblioteca vella), ás 20:30 horas

10/06/2009

Excepcional achado no Castro da Atalaia


No último número da revista GALLAECIA, publicación do Departamento de Historia Universidade de Santiago de Compostela, dáse conta do achado dunha importante peza atopada no transcurso das escavacións arqueolóxicas levadas a cabo o ano pasado no Castro da Atalaia de San Cibrao
Esta excepcional peza arqueolóxica é un machado votivo con escena de sacrificio e cabeza de carneiro.
Bronces votivos aparecen en boa parte de Europa pero son moi escasos en Galiza. Só se coñecen dous: un deles é o machado votivo con cabeza de touro de Cariño, que se atopa no museo arqueolóxico de A Coruña.
O machado votivo do Castro da Atalaia é o único de Galiza aparecido no transcurso dunha escavación arqueolóxica co que aportará datos de gran interese para o estudo destes bronces votivos.
Esta peza vén a confirmar e a aumentar a importancia e a excepcionalidade do Castro da Atalaia que, como todos sabemos, está ameazado por Residencial Faro de San Ciprian de Promociones San Ciprian que pretende destruír este xacemento para construír pisos para veraneantes.
É un dereito de todos coñecer o que se leva atopado na Atalaia, tanto en estruturas coma en materiais, e saber a importancia que teñen.
Por este motivo, pedirémoslle á Dirección Xeral de Patrimonio que faga públicos os informes arqueolóxicos do Castro da Atalaia.

10/02/2009

II Xornadas de Literatura de tradición oral da Deputación de Lugo


O MITO QUE FASCINA: DO LOBO AO LOBISHOME
PROGRAMA:

VENRES 16 DE OUTUBRO
• 17:00 h · Acto de inauguración, coa participación de Xosé Antón Bao, Vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, e Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG
• 17:10 h · “Que vén o lobo!”, por Xabier P. Docampo
• 18:10 h · “O personaxe do lobo na tradición vasca. De animal totémico a animal maldito”, por Antxon Gómez Lorente
• 19:10-20:00 h · Mesa redonda: “O lobo, o mito que fascina”

PARTICIPAN: Xabier P. Docampo e Antxon Gómez Lorente ·
MODERA: Antonio Reigosa

SÁBADO 17 DE OUTUBRO
• 10:30 h · “Espazos lupinos de Galicia. Os foxos do lobo”, por Alberte Reboreda
• 11:30 h · “Unha inquietante presenza: lobos e lobishomes no imaxinario galego e universal”, por X. Luís Garrosa Gude
• 12:30-13:30 h · Mesa redonda: “Do lobo ao lobishome”

PARTICIPAN: Alberte Reboreda e X. Luís Garrosa Gude
MODERA: Isidro Novo

COORDINADORES DAS XORNADAS
Isidro Novo e Antonio Reigosa

Entrada de balde

Diploma de asistencia. Se está interesado/a en obter diploma acreditativo da súa asistencia debe inscribirse previamente a través do e-mail oficina@aelg.org ou chamando ao tlf. 981 133 233
Exposición. “O lobo, unha carreira por sobrevivir”, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo), desde o 8 ao 25 de outubro de 2009.

Organizan: ADEGA, AAAGP, ERVA e Museo Provincial de Lugo.
Patrocina: Área de Cultura da Deputación de Lugo, Vicepresidencia primeira
Visitas guiadas para grupos escolares de E. Primario e ESO, con concertación previa no tlf. 659 683 384 / expolobo@gmail.com

8/12/2009

MariñaPatrimonio denuncia o traslado de restos arqueolóxicos do Castro da Atalaia


MariñaPatrimonio denunciou perante SEPRONA e da Dirección Xeral do Patrimonio o traslado, presuntamente ilegal, de materiais arqueolóxicos mesturados con area procedentes da destrución que Promociones San Ciprián provocou en decembro de 2007 no xacemento arqueolóxico inventariado do castro de San Cibrao. Estes materiais, que permanecían nunha finca fronte á gasolineira de Cervo, están sendo trasladados ao polígono industrial de Foz, incumprindo o que determina a lei para a remoción de terras con restos arqueolóxicos.

Trátase da acumulación duns 50 camións de restos que posteriormente foron tapados con terra doutra procedencia. ADEGA rescatou deste depósito, nunha simple inspeción superficial, dous muíños e restos de cerámica, denunciando estes feitos a 16 de xaneiro de 2008.

A pesar de que estes feitos foron denunciados hai case dous anos e que a D.X. do Patrimonio coñecía a existencia deste depósito con materiais arqueolóxicos, non se fixo ningunha intervención nel nin se procedeu á súa protección.
A Lei 8/1995 do 30 de outubro do Patrimonio Cultural de Galicia, no seu artigo 56.3 determina o control por un arqueólogo das remocións de terras que afecten ou poidan afectar un espazo onde se presuma a existencia de restos arqueolóxicos. Neste caso non se trata dunha presunción, senón que a aparición de dous muíños e de cerámica confirman a existencia de restos arqueolóxicos.
Este traslado crea un novo xacemento arqueolóxico no polígono industrial de Foz, falseando a historia e provocando, deste xeito, problemas no estudo arqueolóxico da Mariña.

MariñaPatrimonio solicita nas súas denuncias a inmediata paralización do traslado dos materiais e a paralización das obras no polígono industrial de Foz mentras non se comprobe se nos materiais acumulados procedentes de Cervo hai restos arqueolóxicos. Tamén solicita a intervención arqueolóxica nestes restos co obxecto de recuperar os materiais arqueolóxicos procedentes do xacemento inventariado do castro da Atalaia.

7/10/2009

Remata o ciclo de literatura oral no castelo de Pardo de Cela

Coa intervención de Isaac Ferreira, arredor da mitoloxía feminina presente no Valadouro -vellas, ninfas, xigantas- e de Manuel Lourenzo, que falou dos demos e santos, as sempiternas forzas do ben e do mal, que viven nesta terra.
Un fermosa e distendida exposición de dous homes que constitúen dúas das patas -non puido estar Xesús Pisón-da tríade cultural do Valadouro, patrimonio humano e intelectual de valor incalculable para a comarca.

Pódense ver fotos do evento aquí:
http://picasaweb.google.es/lh/sredir?uname=mr.patrimonio&target=ALBUM&id=5356948702624630017&authkey=Gv1sRgCMyj_urm8qWxHA&invite=CKfCx5QH&feat=email

7/07/2009

Pechamos no Valadouro o ciclo de literatura oral



O PATRIMONIO INMATERIAL: A LITERATURA ORAL
Polo País do Valadouro:xigantas, mouras, ninfas, demos e santos
a cargo dos escritores
Isaac Ferreira e Manuel Lourenzo
no Salón de Actos do
Castelo do Castro (ALFOZ)
VENRES día 10 de xullo, ás 20 horas

7/04/2009

Galego. Patrimonio da humanidade

Esta é a iniciativa cidadá que se promove desde o blog de Manolo Bragado, Brétemas, a partir dun manifesto que se pode ler e asinar se pinchades no seguinte enlace:

http://galegopatrimoniodahumanidade.blogaliza.org/2009/07/02/galego-patrimonio-da-humanidade/

7/03/2009

Enlatamos a Mini e Mero...

...para conservalos, claro. Dúas horas de verbo e música en directo que Mini e Mero nos brindaron no Conservatorio de Viveiro o pasado 12 de xuño, na primeira das xornadas sobre a tradición oral.

Dúas horas que souberon a pouco e que quedaron gravadas grazas ao amigo Nestor, de Viveiro e que dosificamos aqui en 12 clips de arredor de 10 minutos.

1/12: Presentación

2/12: A pedagoxía do aloumiño

3/12: A nosa historia

4/12: O alalá

5/12: Cantos de berce

6/12: Relixiosidade popular

7/12: A foliada

8/12: A muiñeira

9/12: Ritmos chegados de fóra

10/12: A transmisión da cultura popular

11/12: Cantos de cego

12/12: A caída de Manuel Ponte

6/27/2009

Interesante actividade de Lugo Patrimonio na Mariña

Para quen poida estar interesado/a en participar, facémonos eco da actividade que Lugo Patrimonio promove na costa de Ribadeo. Transcribimos aquí, co seu permiso o texto que anuncia na súa web esta iniciativa:

O día 4 de xullo faremos outra viaxe que nos introducirá na visión real do que está a pasar coa nosa Costa, os proxectos que a destrúen, e a riqueza que posúe e que seguramente descoñecemos. Da man da arquitecta Carlota Eiros, faremos percorridos en lancha, autobús e a pé, para visitar os seguintes lugares:

Ría de Ribadeo (en lancha, con inicio ás 10,30 h.).
Castro das Grovas.
Paseo polo núcleo de Rinlo.
Xantar (arroz caldoso con lumbrigante, como é de rigor).
Paseo deica as cetarias de Rinlo.
Castro de Meirengos.
Praia das Catedrais e arredores.
Casa-museo do pintor Celso Dourado, co seu fermoso xardín zen.
Percorrido final pola Costa (estragos urbanísticos e paseos).


Despois desta fermosa viaxe faremos as conclusións de rigor.


Notas
Saída de lugo, o 4 de xullo, sábado, ás 8,30 h. do lugar de sempre.
Regresaremos á nosa cidade arredor das 22 h.
Prazas limitadas a 35 coas condicións habituais.
Anotacións: día 29 de xuño, luns, na galería Sargadelos de Lugo, entre 18 e 20 h.


Lugo, xuño do 2009 A Xunta Directiva.


Engadimos enlace á web de MariñaPatrimonio:
http://www.lugopatrimonio.org/web/index.php?option=com_content&view=article&id=250:viaxearinlo&catid=1:latest-news&Itemid=18

3ª xornada de literatura oral, magnífica


Nun espazo acolledor é arrodeados de estímulos lúdicos -a Libraría Bahía- desenvolveuse onte en Foz o terceiro dos encontros en torno á literatura oral, coa presenza inestimable de Antonio Reigosa, que moi preocupado por non fartar ao público, deixounos un exquisito sabor de boca coa súa intervención informal e mesmo humorística, pero tremendamente rica e rigorosa. Uns bocados de memoria mítica, máxica e fresca, sabiamente adobados coa empatía necesaria para engaiolar á audiencia.

Pica aquí para ver imaxes:
http://picasaweb.google.es/lh/sredir?uname=mr.patrimonio&target=ALBUM&id=5351792993819735137&authkey=Gv1sRgCI6wnuf5mbqWcg&feat=email

6/23/2009

Este venres en Foz


Conferencia
Mitos e monstros da Mariña
a cargo do escritor
Antonio Reigosa*

Libraría Bahia de FOZ
VENRES día 26 de xuño, ás 20 horas

* AUTOBIOGRAFÍA
Nacín en Zoñán, Mondoñedo, o 15 de agosto de 1958. Alí, sendo neno, tratei cos mouros do castro veciño, aprendín a coñecer os encantos que sementaban a néboa no curuto da Pena da Roca e, anque nunca o conseguín, intentei moitas veces botar a rolos polo mundo abaixo unha grande rocha que se mantén en extraño equilibrio chamada Pena Morcán. Destas e doutras experiencias da miña infancia venme, creo eu, a miña querencia pola fantasía popular. Traballo no Departamento de Didáctica do Museo Provincial de Lugo desde 1982. Son escritor, conferenciante, investigador da mitoloxía e da literatura oral galega, colaboro con traballos de divulgación relacionados coa historia, a arte, a etnografía, a mitoloxía popular e a literatura oral en diversos medios de comunicación e revistas especializadas. Son cofundador de "Chaira", Grupo de Investigación Etnográfica (Lugo 1992), do que tamén forman parte Ofelia Carnero, Mercedes Salvador e Xoán R. Cuba, xuntos levamos adiante varias campañas de recollida en distintos concellos da provincia de Lugo. Ponente en numerosas xornadas e congresos, participo en campañas de promoción da lectura nos centros de ensino, bibliotecas e asociacións culturais. Creador e coordinador de contidos da Enciclopedia Virtual da Fantasía popular de Galicia denominada Galicia Encantada. Coordinador da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo desde 2004. Das obras que se relacionan no apartado correspondente, unha boa parte escribinas en colaboración con Xoán Ramiro Cuba e con Xosé Miranda. Recibín, entre outros, os seguintes premios: Certame Nacional de Artes e Tradicións populares do Ministerio de Cultura (1987), o Facho (1989), o Premio Merlín, (1998 ), Premio Supernova (1999), Premio Raíña Lupa,(2000), Lucense do Ano (2002), Premio Frei Martín Sarmiento (2005); e fun finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil o ano 1999 con "Memorias dun raposo", e do Premio Pura e Dora Vázquez de Creación Literaria o ano 2004 con "Pesadelos".

6/20/2009

Contos, mitos e lendas na Casa das Letras de Ribadeo

Na Casa das Letras de Ribadeo no ciclo arredor da Literatura Oral, o escritor e estudioso da narrativa popular, Xosé Miranda, ilustrounos cun didáctico relatorio no que, baixo o título “Guía da narrativa oral”, foi debullando as diferenzas nos xéneros da literatura de tradición oral: o conto, a lenda e o mito. Explicou a tendencia dos folcloristas a mesturar as lendas cos mitos e as dificultades para diferencialas.
Ao longo dunha amena exposición, salferida de exemplos ilustrativos recollidos da rica tradición oral, o autor amosou a relación da nosa literatura coa doutras culturas; a evolución dos mitos nas “Lendas urbanas” e nos actuais” Mitos científicos”; tamén reivindicou o recoñecemento da existencia dunha mitoloxía galega e, trala participación do público con interesantes preguntas e achegas, Xosé Miranda animou á conservación do enorme Patrimonio Inmaterial que temos na Mariña e do que hai moi pouco recollido.

6/15/2009

2ª xornada de literatura oral

Mariñapatrimonio
convídao
á segunda das actividades do ciclo
O PATRIMONIO INMATERIAL : A LITERATURA ORAL
*
A conferencia
Guía da narrativa oral
estará a cargo do escritor
Xosé Miranda Ruiz*
e desenvolverase na
Casa das Letras
Librería e centro de actividades culturais en
RIBADEO
O VENRES día 19 de xuño, ás 20 horas

* Naceu en Lugo, moi preto da muralla, nun chalé que xa non existe, nos últimos días de 1955. Medrou nun barrio a medias obreiro, con moitos espacios aínda sen edificar, e grandes prados, hortas e chousas. Xogou moito ó aire libre cos seus amigos e leu algúns libros e tebeos. Licenciouse en Bioloxía na Universidade de Compostela, en 1978. É profesor de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Xoán Montes da súa cidade natal. Desde neno escribiu versos. As cidades mergulladas. Poesía reunida (1973-2002). En 1988 comezou a escribir prosa, relatos e novelas para adultos. Tén dous fillos. Para eles escribiu algúns libros do que se deu en chamar literatura infantil e xuvenil. No 2002, con 44 anos, atreveuse a publicar libros para nenos, como Lúa e os nubeiros, Feitizo, Aventuras do coello Federico, Ariadna e Pel de lobo. É especialista en literatura de tradición oral. Xunto a Antonio Reigosa e Xoán R. Cuba publicou moitos libros de contos populares galegos, dirixidos a un público infantil, reunidos na colección 'Cabalo buligán', da que é codirector, así como o Diccionario dos seres míticos galegos, a Pequena mitoloxía de Galicia, os Contos colorados, narracións eróticas da tradición oral e o recente Cando os animais falaban.

6/13/2009

Para lembrar



Mini e Mero, Mero e Mini, dous homes igual de complementarios que a palabra e a música que eles saben xuntar de xeito tan maravilloso. A sensación que tivemos os que estivemos onte no Conservatorio de Viveiro foi a de asistir a un momento especial, deses que se lembran para sempre, realizando un repaso polas diferentes formas nas que se manifesta a simbiose entre a poesía e a música, o xeito máis natural e eficaz de transmitir a cultura que tivo a sociedade ao longo da historia.

Para ver imaxes do evento pincha aqui:

Mondoñedo en “pe de guerra” fronte ás centrais hidroeléctricas



A Plataforma Furapresas organiza diversos actos para reivindicar a conservación dos valores naturais, turísticos e culturais

Con motivo dos proxectos de centrais hidroeléctricas previstos nos ríos de Mondoñedo, o próximo fin de semana terán lugar diversos actos reivindicativos de cara a visualizar a oposición da sociedade a este tipo de actuacións que lesionan gravemente o medio ambiente, en espazos cualificados como Rede Natura (Europa e España) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (Galicia).

O sábado 13 temos previsto unha proxección fotográfica na Praza do Concello ás 23:00 h., na mesma poderemos contemplar a beleza dos espazos naturais que albergan os ríos Tronceda e Figueiras, centrándonos nas áreas afectadas pola construcción das centrais hidroeléctricas.

O domingo 14 xuño imos realizar varios actos na defensa dos ríos Tronceda e Figueiras, e polo tanto tamén da Área Recreativa da Fervenza:

En primeiro lugar, as 12:30 h. iniciarase unha marcha reivindicativa que sairá do barrio dos Muiños e rematará na Área Recreativa de A Fervenza, e que terá o seguinte itinerario: Muiños - Praza da Catedral – Concello - San Lazaro - Coto da Redaeira - A Fervenza. Durante a marcha, contaremos co acompañamento de música a cargo dos participantes, e nas diversas escalas do percorrido farase lectura de manifestos alusivos á defensa dos ríos, e á conservación da Fervenza como espazo de lecer.
Remataremos a marcha cun xantar popular na Área Recreativa da Fervenza ás 14:30 h., ao que se pode asistir levando o propia xantar ou anotándose á lista do xantar organizado pola plataforma Furapresas (617353140 – 696452308), entre todos faremos unha boa festa.

Marcha reivindicativa: domingo 14 ás 12:30 h, dende Os Muiños (Mondoñedo).
Xantar popular: domingo 14 ás 14:30 h, na Área Recreativa da Fervenza.


http://www.furapresas.blogspot.com/

6/12/2009

Destrución do anel lítico da Mourela

Publicamos o seguinte documento emitido hai uns días pola Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes, con motivo dos dous anos da destrución do anel lítico da mourela e o inicio da construción das gabias da autovía Ferrol-Vilalba, a día de hoxe fonte contaminante dos principais ríos do territorio.
Pincha aquí:
http://d.scribd.com/ScribdViewer.swf?document_id=16369136&access_key=key-2f1wqlln2gr23759qet1&page=1&version=1&viewMode

6/09/2009

1ª Xornada de literatura oral



O PATRIMONIO INMATERIAL: A LITERATURA ORAL

A literatura oral na canción galega
contará coa participación dos músicos
Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias ( Mini e Mero )
e desenvolveráse no
Conservatorio Profesional de Música de Viveiro
( Travesía da Mariña )
O VENRES día 12 de xuño, ás 20 horas


Mini e Mero é un dúo de cantautores chairegos, formado por Xosé Luís Rivas Cruz (Mini, nado en Begonte o 18 de xuño de 1951) e Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero, Vilalba, 27 de xuño de 1951), músicos, poetas, mestres e investigadores do folklore e a cultura tradicionais galegos, membros históricos de Fuxan os Ventos e actuais compoñentes de A Quenlla.
Ademais da súa produción discográfica cos devanditos grupos, teñen participado por separado ou conxuntamente noutros discos de música galega, como o Quiquiriqui producido no ano 2006 pola Asociación de Gaiteiros Galegos e en obras teatrais como Pan, catro propostas arredor da malla (creación e adaptación musical súa) e publicado diversos libros.
É salientable o seu labor de recompilación de contos, lendas, refráns, ditos ou poemas, principalmente na súa Terra Chá natal e nas zonas onde exercen o seu traballo de mestres: Mesía (Mero) e Boimorto (Mini).
O arquivo sonoro froito deste labor, e composto por milleiros de cintas magnetofónicas, foi cedido ao Museo do Pobo Galego para a súa dixitalización e incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, que ha estar dispoñible no web do museo.
No campo educativo son autores de diveros libros de texto de ciencias sociais, naturais e lingua galega para o ensino infantil e primario.
En abril de 2009 foilles concedido por unanimidade o Pedrón de Ouro como recoñecemento á súa traxectoria de corenta anos de investigación musical, galardón que recibiron o 24 de maio de 2009.

6/05/2009

Presentación do ciclo de literatura oral


































































MariñaPatrimonio presenta hoxe en Viveiro o ciclo adicado ao patrimonio inmaterial da literatura oral que se vai desenvolver nos venres do mes de xuño e xullo. Esta vez a actividade vai rotar pola comarca desde Viveiro a Ribadeo, Foz e O Valadouro-Alfoz. Convidamos desde aquí a toda a cidadanía da Mariña e doutros lugares a participar nestas actividades que van resultar, con toda seguridade, de grande interese.

5/30/2009

Arredor do mar, de novo en San Cibrao



A 2ª xornada do ciclo Arredor do mar, transcurriu, como estaba previsto coa visita previa á última carpintería de ribeira que nos queda, na que seu actual propietario, Francisco Fra, actuou como anfitrión.

A continuación desenvolveuse a conferencia, a cargo do historiador Dionisio Pereira, que disertou acerca do noso patrimonio marítimo, no mellor marco posible, o Museo do Mar.

Pódese ver aqui a reportaxe gráfica :

5/26/2009

Voltamos ao ciclo Arredor do Mar
























Dentro do ciclo Arredor do Mar, iniciado hai uns meses coa conferencia de X. Ramón Fernández Pacios sobre os corsarios na costa luguesa, Mariñapatrimonio organiza unha nova actividade que se desenvolverá o vindeiro sábado día 30 de maio en San Cibrao

A xornada constará de dúas partes:

Na primeira, ás 17:30 horas, faremos unha visita guiada á Carpintaría de Ribeira de Fra en San Cibrao, ubicada no paseo marítimo (preto da Casa do Mar) onde nos explicarán como se construian os pailebots , os trincados... o traballo dunha das familias que desde hai moitos anos se dedicou á construción de barcos neste porto.
E a segunda parte desta actividade é a conferencia do historiador Dionisio Pereira González* que, no Museo do Mar de San Cibrao,ás 18:30 horas, falará do noso patrimonio marítimo.
Agardamos que estas actividades, sexan do interese xeral.

*Dionisio Pereira González é un economista e historiador coruñés, nacido en 1953. Traballa como profesor de Ensino Medio.
Xunto con A. Martínez, Manuel González Probados e X. Castro formou o Colectivo de Historia Xerminal.
En 1994 foi elexido primeiro presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, nacida o ano anterior en Ribeira.
E autor de moitos traballos publicados en libros e revistas, entre as que, sinalamos:
-Actividades marítimas na Galiza contemporánea; Relatorio presentado no Congreso "O mar na Historia de Galicia"; Universidade de Vigo, 1996.
"O mar dos galegos no tempo de Manoel Antonio", en Manuel Antonio: Embarcados nun cantar. Ed. A Nosa Terra, 1996 (colección A Nosa Cultura nº 16).
"Mariñeiros do Gran Sol: os últimos da fila"; Revista Inzar Razóns nº 16, 1997.
O Asociacionismo dos pescadores na Galiza de anteguerra: unha ollada de conxunto; Ateneu Libertário Ricardo Mella, 2004.

Os cambios administrativos do s. XIX remataron o ciclo de Hª de Galiza


Da nova ordenación territorial derivada do triunfo lo liberalismo na España da primeira metade do s. XIX, falou o noso viciño mariñán de Moucide, o historiador Prudencio Vivero Mogo, ilustrando en particular os cambios que supuxo na comarca da Mariña, tanto na configuración dos partidos xudiciais como, sobre todo, dos concellos.
A disertación e posterior coloquio resultou altamente interesante para todos os asistentes.

5/21/2009

Este sábado remata o ciclo de Historia de Galiza



A Asociación Sociocultural Mariñapatrimonio remata o vindeiro sábado 23 de maio o ciclo de actividades arredor da Historia de Galiza.
O relatorio deste sábado estará a cargo do historiador Prudencio Viveiro Mogo é tratará dos cambios do século XIX na Mariña de Lugo.
Viveiro Mogo ( Valadouro, 1974) é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa no Consello da Cultura Galega.

A conferencia celébrase no Museo de Mar de San Cibrao, ás 18:30 horas.

5/16/2009

A Mariña medieval foi o tema da 3ª Xornada de Historia de Galiza


O día foi chuvioso, pero intenso. Pola mañá todos os que nos achegamos a Lourenzá para ver a Fortaleza de Tovar, na parroquia de Sto. Tomé, quedamos gratamente sorprendidos pola importancia desa edificación medieval que posuiu un caracter defensivo e tamén residencial e que merece sen ningunha dúbida da atención das administracións que poden preservar e poñer en valor este imponente edificio medieval. Non abundan na comarca elementos patrimoniais de período medieval de tal calibre.

Enlace para ver fotos da visita:


Completouse a xornada de mañá cunha rápida pero interesante visita ao Mosteiro de San Salvador, en Vilanova.

Pola tarde a conferencia resultou un éxito de público e non defraudou a ninguén. O ponente, Anselmo López Carreira presentou de forma brillante, amena e exhaustiva unha síntese do período das Guerras Irmandiñas e do papel xogado neste contexto histórico polo Mariscal Pardo de Cela, deixando moi ben definida a imaxe real deste nobre mariñán que viviu na segunda metade do s. XV.






5/11/2009

3ª Xornada de Historia de Galiza, de novo na Mariña


A etapa medieval vai centrar o contido desta xornada, que vai servir para que coñezamos un ben patrimonial que permaneceu oculto para a maioría da poboación mariñana a pesar do seu indubidable interese. Trátase dunha fortaleza situada na parroquia de Sto. Tomé de Lourenzá, os seus actuais propietarios, empeñados na súa posta en valor, van recibirnos e ensinarnos este singular edificio.

A continuación, aproveitando que estamos nese concello imos visitar o Museo de Arte Sacro do Mosteiro de Vilanova de Lourenzá.

A saída para a xornada de mañá esté prevista para as 11:00 horas desde o Museo do Mar de San Cibrao. As persoas interesadas en participar nesta visita e non queiran iniciala desde o punto de orixe, poden chamar aos telefonos 690650542 ou 616815120.

Xa pola tarde, voltaremos ao Museo de Mar, para asisitir á conferencia de Anselmo López Carreira, a partir das 18:30 horas.

4/29/2009

2ª xornada de Historia en Lugo

Tampouco este sábado a choiva nos impediu disfrutar desta xornada na que tivemos como anfitrión de luxo ao maior experto na muralla de Lugo, o historiador Adolfo de Abel Vilela, que nos guiou polo lugo romano e medieval pola maña e nos deleitou cunha proveitosa explicación, no refectorio do Museo Provincial, da historia de Lugo ao traveso da súa muralla bimilenaria.
O devandito Museo Provincial foi outro dos argumentos do día, posto que tivemos a ocasión de realizar unha visita guiada polas salas máis importantes.

Temos imaxes deste evento aquí:

4/23/2009

Achádego paleolítico en San Cibrao


Mariñapatrimonio , seguindo as instrucións da Dirección Xeral de Patrimonio, depositou no Museo do Mar de San Cibrao un útil lítico atopado na zona de Pedrosa de San Cibrao.
Segundo os expertos consultados por Mariñapatrimonio, este útil lítico data do Paleolítico Inferior e pode ter uns 300.000 anos de antigüidade.
Esta peza arqueolóxica é de grande interese porque supón o vestixio máis antigo da presenza humana no concello de Cervo.

Pódense ver máis fotos no seguinte enlace:





4/20/2009

2ª xornada de Historia de Galiza, en Lugo


O ciclo continúa o próximo sábado 25. Esta vez desprazámonos a Lugo. O motivo é que toca a Galiza romana e ¿que mellor que Lucus Augusti para ilustrar esa etapa?

Dende MariñaPatrimonio convídase e anímase aos mariñáns e non mariñáns que nos acompañen. Sairemos en autobús desde San Cibrao e visitaremos o Museo Provincial e a muralla e finalmente haberá unha conferencia -tamén no museo- de Adolfo de Abel Vilela.

Todos aqueles e aquelas que se animen deben comunicalo a MariñaPatrimonio -a máis tardar o mércores- e utilizando os medios habituais:

Tfnos: 616815120 / 690650542

1ª xornada de Historia de Galiza


O tempo non axudou moito para realizar o roteiro polos castros de Ribadeo, pero eso non impediu que cumprísemos o programa

Pola tarde a conferencia de Antonio de la Peña resultou brillante. Un auténtico privilexio poder contar cunha das máximas autoridades sobre a historia da Galiza prerromana. O seu relato resultou ameno e sorprendente, desmitificando unha boa cantidade de tópicos que aínda permanecen no imaxinario popular sobre a orixe do pobo e da cultura galegos, en particular a idea dun pasado celta, que esta desbotada totalmente pola investigación prehistórica seria.

Pincha neste enlace para ver imaxes da xornada do sábado:

4/15/2009

Este sabado arranca o Ciclo de Historia co período castrexo


Pola mañá visita aos castros costeiros de Ribadeo. Dado que se trata de actividades abertas ao público en xeral, para sumarse a ela convócase aos interesados/as ás 11:00 horas na praia das Catedrais. Desde ali iniciaremos o roteiro polo litoral con tramos en coche o outros a pé.

Pola tarde, a conferencia do arqueólogo Antonio de la Peña desenvolverase no Museo de Mar de San Cibrao ás 19:00 horas, coa mesma premisa de apertura a todo o público interesado.

Para ampliar información acerca de calquer aspecto, podese contactar con MariñaPatrimonio no enderezo electrónico ou no teléfono de contacto que se indica
mr.patrimonio@gmail.com
Tfno. 616815120

MariñaPatrimonio presenta o Ciclo de Historia de Galiza

No Museo do Mar de San Cibrao, coa presenza de Antón Veiga, responsable da Area de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, que subvenciona esta actividade, a xunta directiva de MariñaPatrimonio presentou o Ciclo de Historia de Galiza que arranca o próximo 18 de abril e desenvólvese nos sábados sucesivos.

O ciclo percorre os distintos períodos prehistórico e históricos con visitas á fitos do noso patrimonio en horario de mañán e conferencias en horario de tarde a cargo de ponentes especialistas en cada un dos períodos históricos.




3/28/2009

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística solicita información ao Concello de Cervo sobre as obras que se realizan no Castro da Atalaia

A instancia de MariñaPatrimonio, este organismo, dependente da Consellería de Ordenación do Territorio, require ao Concello mediante una comunicación escrita do pasado 25 de marzo, a presentar no prazo de 10 días toda a documentación relativa ás licenzas de obra concedidas no Castro da Atalaia a Promociones San Ciprián, que propiciaron a destrución parcial do Castro e que continúan en construción.
Achegase en documento adxunto o requerimento recibido polo Concello de Cervo ao que facemos referencia.

Preme aqui:
http://www.scribd.com/doc/13740096/Sol-Urbanismo-Inf-Licenz-Atalaia-250309

3/13/2009

MARIÑAPATRIMONIO denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural novas destrucións no xacemento arqueolóxico do Castro da Atalaia





MARIÑAPATRIMONIO denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural novas destrucións no xacemento arqueolóxico do Castro da Atalaia e esixe a inmediata paralización das obras

MARIÑAPATRIMONIO esixe a inmediata paralización das obras no castro da Atalaia,despois de comprobar que Promociones San Ciprián vén de realizar novas destrucións neste xacemento, demostrando así a súa mala fe e a intención de ir aos poucos desfacéndose dun patrimonio arqueolóxico que lle é molesto para os seus intereses inmobiliarios.
O xacemento arqueolóxico do Castro da Atalaia de San Cibrao ( Concello de Cervo), está en perigo por mor da construción do “RESIDENCIAL FARO DE SAN CIPRIAN" (3 edificios con un total de 100 vivendas, promovidos por Promociones San Ciprián, S.L). O Concello deu licencia de obra sendo plenamente consciente de que alí había un castro.
FEITOS:

O 10 de xaneiro de 2008, segundo o informe do arqueólogo Emilio Ramil, na primeira parcela destinada á construción dun edifico de 42 vivendas no castro da Atalaia de San Cibrao quedaba unha área arqueoloxica sen alterar de 200m2 máis outros 60m2 pendentes de escavación, o que fai un total de 260m2.

O 14 de abril de 2008 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autoriza movementos de terra e desmontaxe das estruturas localizadas nunha superficie escavada de 68,25 metros.
En consecuencia, quedaron 191,75m2 de área arqueolóxica sen alterar.

Destes 191,75m2 de área arqueolóxica sen alterar só quedan 15m2. Promociones San Ciprián, destruíu completamente o resto da área non afectada do xacemento arqueolóxico inventariado,

MARIÑAPATRIMONIO esixe, por tanto, a inmediata paralización das obras no castro da Atalaia e que, a maiores das sancións administrativas que poidan corresponder, se poña en coñecemento do Ministerio Fiscal a reiterada destrución do patrimonio arqueolóxico histórico co agravante de ter provocado a completa destrución dunha parcela do xacemento arqueolóxico inventariado.

XUNTAMOS ARQUIVO COA DENUNCIA:

MARIÑAPATRIMONIO Denuncia Ante a Dirección Xeral de Patrimonio 1