3/22/2010

Novo xacemento arqueolóxico do paleolítico inferior en Cervo


MariñaPatrimonio informa ao Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura do lugar no que se atopa un novo xacemento arqueolóxico do Paleolítico inferior.

A semana pasada MariñaPatrimonio púxose en contacto con Patrimonio para informar sobre o achado casual duns útiles líticos nunha terraza fluvial do río Covo, río que desemboca en San Cibrao (Cervo).
Na xornada de hoxe o arqueólogo da Consellería de Cultura, acompañado por membros de MariñaPatrimonio, achegouse ao lugar para recadar información sobre a zona e recolleu 12 útiles líticos, entre os que se atopan raedeiras, fendedores e bifaces. Este tipo de útiles líticos, que poden ter unha antigüidade de 300.000 anos, son o testemuño máis antigo de presenza humana na Mariña.
Co achado deste novo xacemento, confírmase unha vez máis a enorme riqueza arqueolóxica e patrimonial do concello de Cervo.

Pincha aquí para ver as imaxes dos achados:


Presentación Modelo Burela


Mariñapatrimonio
convídao
á presentación do vídeo
Modelo Burela
*
Intervirán:
Matías Nicieza ( director do documental )
Bernardo Penabade ( Profesor )
Dores Santos ( Protagonista )
*
Xoves día 25 de marzo
20:30 horas
Salón de Actos de CaixaGalicia
Viveiro

3/13/2010

MariñaPatrimonio apoia que o legado de Álvaro Gil siga no Museo Provincial de Lugo



O legado de Álvaro Gil Varela conta cun considerable número de pezas de ourivería castrexa procedentes da Mariña:
Brazalete ou torques de Riotorto.
Torques do Cu de Castro. Marzán. Foz
Fragmentos de dous torques de Viveiro.
Dúas arracadas e fragmentos de dous torques do castro do Masma. Mondoñedo
Dous Torques de ouro e un Torques de prata do Coto da Recadieira. Mondoñedo
Torques e a arracada de Burela
Con independencia de que a súa titularidade sexa pública ou privada, entendemos que o legado de Álvaro Gil Varela é un ben público que forma parte do patrimonio de todos e todas as galegas.
Este legado debe quedar subordinado á posibilidade do gozo público e debe pasar a xeracións posteriores nas mellores condicións de conservación e sen disgregacións que poidan perturbar a súa contextualización histórica.
MariñaPatrimonio entende que isto só se pode garantir permanecendo nunha institución pública, como é o caso do Museo Provincial de Lugo.