3/18/2015

A XUNTA AUTORIZARÁ A INTERVENCIÓN ARQUEOLÓXICA NO FORNO ROMANO DAS CATEDRAIS


 Logo da reiterada reclama de Mariñapatrimonio, ADEGA e doutras 6 organizacións culturais para poder desenvolver un plan de recuperación do forno romano de Esteiro situado no espazo protexido das Catedrais, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural vén de comunicar telefonicamente que autorizará de forma urxente a intervención solicitada polas entidades solicitantes e do grupo de profesionais destinados a tal labor no xacemento arqueolóxico. A comunicación foi realizada un días despois de anunciar públicamente a realización dun roteiro pola zona que trate de poñer en valor a importancia deste xacemento e chamar a atención sobre o risco que ten de desaparecer se non se actúa de inmediato.

As diferentes asociacións que respaldamos o Proxecto Arqueolóxico para o Estudo e Protección do forno romano de Esteiro queremos expresar a nosa satisfación pola resposta da Xunta e do Servizo de Costas, ao tempo que valoramos moi positivamente a reacción das administracións competentes ante as demandas da sociedade civil que, consciente da importancia que ten este patrimonio, reclama a súa protección.

Por outro lado, o departamento autonómico competente na protección do Patrimonio Cultural tamén nos avanzou que vai poñer en marcha medidas eficientes de coberta e protección do sitio arqueolóxico de Estabañón, unha vila-factoría romana que se atopa na praia da Area de Viveiro. A situación de deterioro que está a sufrir estoutro xacemento da Mariña tamén foi denunciada ante a Dirección Xeral recentemente por Mariñapatrimonio, ADEGA e o colectivo “Pensamento e Sementeira”, polo que nos congratulamos de que finalmente neste caso a Xunta e o Servizo de Costas tamén atendan as nosas súplicas.

A esta lista de boas novas comunicadas de xeito oficioso pola D.X. de Patrimonio Cultural, súmase a intención do departamento de avaliar e comprobar o estado no que se atopan todos os xacementos arqueolóxicos costeiros da Mariña.

Para dar conta destes feitos que cualificamos de moi positivos para o noso patrimonio arqueolóxico e para informar sobre o roteiro do día 22 polos xacementos arqueolóxicos da costa, mañá xoves, 19 de marzo, Mariñapatrimoino organiza unha charla informativa na Casa das Letras de Ribadeo ás 20.30 horas, baixo o título “As Catedrais, tamén xacemento arqueolóxico”. Nesta cita, darase cumprida información sobre os valores patrimoniais do forno romano de Esteiro, a canle e as vetas auríferas das Catedrais, así como da presenza de varias minas romanas na Mariña lucense.

Así mesmo, lembramos que o vindeiro domingo 22 de marzo oito organizacións realizarán un roteiro por todos os xacementos arqueolóxicos mencionados e por outros da comarca ao que xa se apuntaron máis dun cento de persoas. Neste roteiro tamén informaremos sobre as últimos compromisos adquiridos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

3/13/2015

OITO COLECTIVOS CULTURAIS MÓVENSE PARA SALVAR O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DA PRAIA DAS CATEDRAIS

O vindeiro domingo 22 de marzo comezará a campaña na defensa do forno romano cun roteiro por este e por outros xacementos costeiros relevantes da Mariña.
No inverno de 2014 os temporais afectaron gravemente varios xacementos costeiros da Mariña, entre os que se atopa o xacemento romano da praia de Esteiro, situado na Praia das Catedrais. Neste sitio arqueolóxico pódense ver os restos dun forno destinado á cocción de cerámica, do que se conserva parte da estrutura do que posiblemente fose un complexo romano máis amplo. Tamén se acharon numerosos fragmentos de olas de gran tamaño, denominadas dolium, e utilizadas para a almacenaxe de mercadorías. Deste tipo de cerámica, tamén atopamos restos nunha pequena península na praia das Catedrais.
No último ano, Mariñapatrimonio leva insistindo de forma reiterada e discreta, que a Xunta actúe recollendo os materiais arqueolóxicos, documentando as estruturas que se conservan e, na medida do posible, procurando medidas de protección para este xacemento. Porén, xa hai tempo que temos claro que a administración encargada de protexer este patrimonio non vai moverse nin implicarse para salvar o forno de Esteiro e que teremos que ser a sociedade civil responsable a que procure a súa recuperación.
Con este obxectivo, Mariñapatrimonio presentou un proxecto de intervención arqueolóxica perante a Dirección Xeral de Patrimonio, no que se pretende facer un estudo do xacemento e recuperar os seus restos arqueolóxicos ademais de intentar protexelo. Polo momento, non recibimos a pertinente autorización da Xunta. Será o goberno galego quen decida se actúa a D.X de Patrimonio, se nos permite actuar a nós, en representación da sociedade civil, ou se deixará que actúe o mar facendo desaparecer o xacemento.
Mentres se agarda pola autorización da Xunta, diferentes asociacións imos iniciar unha campaña para darmos a coñecer a zona das Catedrais como sitio arqueolóxico. Nesta tarefa están involucradas oito entidades asociativas de tipo cultural, ambiental e veciñal e que son Mariñapatrimonio, a asociación ecoloxista ADEGA, Cultura do País, Os Espigueiros, Agrupación cultural Francisco Lanza, Ollomao, A Galleira ou a Irmandade de Santo Estevo.
A campaña comezará o domingo, 22 de marzo, cun roteiro polos xacementos arqueolóxicos da contorna das Catedrais, que divulgará valores da zona até agora descoñecidos.
O SEGREDO AÍNDA NON REVELADO DAS CATEDRAIS
Este roteiro permitiranos desvelar un dos segredos mellor conservados das Catedrais. Practicamente ninguén sabe que nas Catedrais, a 500 m do xacemento romano de Esteiro, hai unha canle picada na rocha semellante ás empregadas polos romanos na condución de auga para as explotacións mineiras de ouro. Tamén é de recente descubrimento que as covas desta praia tan visitada e singular seguen vetas auríferas, segundo nos teñen confirmado varios xeólogos.
Esta hipótese non resulta sorprendente, se pensamos que toda a zona oriental da Mariña é rica en ouro e que abundan as explotacións auríferas da época romana. Non só atopamos minas terra adentro, senón que tamén se atopan rexistros dos labores mineiros na costa, con galerías que foron abertas dende os cantís e dende as praias, como é o caso das galerías do castro do Carreiro en Foz ou as de Salave en Tapia.
Por tanto, cumpriría estudar se existe algunha conexión entre as vetas auríferas, a canle picada na rocha e o forno romano das Catedrais para saber se desta praia os romanos tamén extraeron ouro.
ROTEIRO POLOS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS DA MARIÑA (22 MARZO)
O percorrido do roteiro será de 8 km e de dificultade baixa e durará toda a xornada, desde as 10.30 horas. Ao longo de toda a costa, visitaremos os seguintes xacementos ou puntos de interese:
MAÑÁ
·         Punta do Castro en San Miguel de Reinante.
·         Praia de Arealonga, na que veremos unha turbeira na que se conservan restos dun bosque de hai oito mil anos.
·         Percorrido polo areal ata a praia das Catedrais, aproveitando que teremos marea baixa.
·         As Covas das Catedrais, onde veremos as vetas auríferas.
·         Percorrido pola parte alta dos cantís das Catedrais para observar a canle picada na rocha.
·         Visita ao forno de cerámica romana de Esteiro.
               TARDE:
                        O percorrido da tarde farase en bus e coches particulares e visitarase:
·         Castro da Devesa.
·         Castro de Meirengos.
·         Cetárea de Rinlo e a Lagoa “Daniel Vispo”.
·         Castro de Piñeira.
·         Castro das Grobas.
+fotos: https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157650891825888/ Para reservar praza no roteiro:
-Desde A Mariña: 619553236 (Miguel).
-Desde Lugo: 982240299, 679113718 (ADEGA).





3/03/2015

VARIOS COLECTIVOS RECLAMAN MEDIDAS URXENTES PARA EVITAR A DESTRUCIÓN DO XACEMENTO DE ESTABAÑÓN

     MariñaPatrimonio, ADEGA e o Colectivo “Pensamento e Sementeira” tememos que os inmediatos temporais costeiros acaben por destruír o xacemento arqueolóxico de Estabañón e pedimos ás institucións competentes, Servizo de Costas do Ministerio de Medio Ambiente e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, que tomen medidas precisas, urxentes e eficaces para evitar o seu progresivo deterioro.
Xa en 2014, os fortes temporais evidenciaron a fraxilidade dalgúns xacementos arqueolóxicos costeiros da Mariña e, de todos eles,o que máis deterioro sufriu foi o xacemento viveirense de Estabañón, unha vila e factoría romana emprazada na praia de Area. A súa localización no mesmo areal faino especialmente vulnerable ao efecto devastador das ondas. Os temporais do ano pasado destruíron varias estruturas da factoría e provocaron a perda de abundante material arqueolóxico.
Ante esta desfeita, o Servizo de Costas, inexplicablemente, retirou as árbores situadas diante de parte do xacemento que, segundo expertos consultados polas organizacións mencionadas, representaban unha barreira natural de protección para o xacemento. Esta desafortunada actuación súmase a outras igual de desatinadas que se teñen realizado con anterioridade en Estabañón, como o intento de construción dun paseo marítimo sobre o xacemento ou a falta de protección, durante anos, nas catas arqueolóxicas levadas a cabo por Costas.
Na actualidade, sen outra medida protectora que unha insuficiente e ridícula capa de xeotéxtil e 30cm de area que cobren o xacemento, Estabañón é máis vulnerable que nunca. A falta dunha actuación axeitada evidencia o escaso interese das institucións que teñen a obriga de protexer este ben arqueolóxico; porén, evitar a súa desaparición débenos importar tamén aos viveirenses e mariñaos que debemos esixir que se tomen as medidas necesarias para que xacementos coma este non se destrúan. E teñen que tomalas xa. 
 


INFORME CRONOLÓXICO DO ABANDONO DE ESTABAÑÓN.

En 1951, tras un forte temporal, sae á luz o xacemento de Estabañón na praia viveirense
de Area. Este xacemento estivo a piques de ser destruído en 1996 por Costas coas
obras do paseo marítimo; porén, a atinada actuación de Patrimonio, paralizando as
obras, evitou a súa destrución.
En 2007 Costas realiza catas e confirma a gran importancia deste sitio arqueolóxico,
no que se atopa unha vila-factoría tardorromana e, sobre esta, unha vila medieval.
En 2008 Costas anuncia un investimento de 3,2 millóns de euros para a recuperación do
xacemento. Este investimento non se chegou a materializar e durante varios anos as
catas quedaron ao descuberto, totalmente desprotexidas.
Foto do 12-12-2010 Catas ao descuberto e xacemento totalmente desprotexidos
Cando, por fin, taparon e protexeron o xacemento anos despois, fixérono colocando un
xeotéxtil e unhas pas de area. Protección, sen dúbida, insuficiente para unha zona onde
bate o mar.
 Foto do 22-01-2014 Xacemento insuficientemente protexido con xeotéxtil e area
En 2014 o primeiro temporal do ano acabou coa feble protección do xacemento e os
sucesivos temporais danaron gravemente Estabañón. Perdéronse varias das súas
estruturas así como numeroso material arqueolóxico.
Foto do10-02-2014 A falla de protección evidénciase nos graves danos que sufriu o xacemento
Foto do 17- 03 - 2014 Costas retira as árbores
Despois dos temporais, Costas actúa retirando as árbores, que evitaran danos maiores no
xacemento, e coloca de novo xeotéxtil e mais area, aínda que desta volta soamente na
única pía de salgar que se conserva na actualidade.
Foto 21-01-2015 Xeotéxtil e area unicamente na pía de salgar.
É evidente que Estabañón segue sen a protección que necesita e que acabará sendo
destruído polos sucesivos temporais, se antes non se pon remedio