3/27/2023

Presentación do libro A INVENCIÓN DA GALLAECIA E A MINARÍA DO OURO

 

Este venres 24 de marzo tivo lugar no CENIMA de Foz a presentación do libro "A INVENCIÓN DA GALLAECIA E A MINARÍA DO OURO.Unha tese sobre as orixes de Galiza” do xeólogo vigués, especializado en xeo-arqueoloxía, Óscar Pazos Rodríguez.

Esta é a segunda edición revisada e ampliada da publicación, na que o autor ofrece unha visión de conxunto dos preto de mil xacementos mineiros galaico-romanos, cuxa explotación foi determinante na creación da Gallaecia, o único territorio administrativo do Imperio Romano que mantivo a súa continuidade ao longo da historia posterior.

Segundo Pazos, a forma de participación da poboación galaica na explotación mineira foi resultado dun pacto imposto por Roma e aceptado pola poboación local. A diferenza doutras partes do Imperio, non se utilizou traballo escravo, senón que os romanos ofreceron unha compensación aos traballadores. Sen dúbida, os resultados do ciclo mineiro galaico-romano foron altamente exitosos, tanto polo volume de ouro extraído como pola cantidade da actividade mineira no territorio. De feito, a minaría moderna non foi capaz de superar a eficiencia da minaría galaico-romana e segue os patróns establecidos pola mesma.

Dende Mariña Patrimonio queremos expresar o noso agradecemento ao Concello de Foz pola súa colaboración e ao autor Óscar Pazos por compartir connosco os resultados das súas investigacións.



 

 

3/22/2023

Vsita polo patrimonio de Trabada

 

Mariña Patrimonio estamos organizando para o próximo sábado día 1 de abril unha visita polo patrimonio de Trabada. Está previsto visitarmos, en xornada de mañá, o marco da Pena Verde, as mámoas das Pallaregas, a Igrexa de Vilapena e o museo etnográfico de Rocha en Trabada;  en xornada de tarde, a igrexa de Sante e a área recreativa de Abres..

A data límite para apuntarse remata o martes 28 de marzo. O itinerario do autobús vai ser, probablemente, desde Viveiro, pasando por Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Trabada, debido á imposibilidade de cubrir toda a Mariña. Porén, podería ser modificado en función da procedencia das persoas participantes. En calquera caso, o prezo será de 15 € por persoa.

O xantar realizarase no mesón Camiño Norte de Trabada e terá un custo de 15 €. 

As persoas non socias asumirán un custo adicional de 5 €, como vén sendo habitual.

Cómpre, por tanto, apuntarse enviando un correo electrónico a mr.patrimonio@gmail.com, indicando o número e nomes das persoas participantes, a súa procedencia, nº de teléfono de contacto, se teñen interese en facer uso do bus e se van participar no xantar.

Unha vez teñamos a lista de participantes, concretaremos o antes posible o itinerario, paradas e horario do bus así como o número de conta no que será preciso ingresar o custo da actividade. Prégase realizar a comunicación de participación o antes posible para facilitar a organización da actividade, tendo en conta que hai un límite de participantes e terán prioridade aqueles que antes o comuniquen.

3/16/2023

 

A asociación sociocultural Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro 24 de marzo a presentación do libro “A INVENCIÓN DA GALLAECIA E A MINARÍA ROMANA. Unha tese sobre as orixes de Galiza” de Óscar Pazos Rodríguez, xeólogo e estudoso da minaría de ouro en época romana. A actividade terá lugar no CENIMA de Foz e comezará ás 20.00h. Mariña Patrimonio elixe para esta ocasión o concello de Foz debido a que precisamente este concello conta con numerosas mostras de minaría antiga, entre as que destaca polas súas dimensións e bo estado de conservación a mina romana da Espiñeira, na desembocadura do Masma.

Segundo Óscar Rodríguez “o gran ciclo mineiro do ouro galaicorromano amorea unha chea de interrogantes arqueolóxicos, mineiros e xeolóxicos por resolver, mais sobre todo constitúe un problema histórico de seu que ten moitísima relevancia para os galegos...” Para dar resposta a algúns destes interrogantes, o autor sostén a tese de que na minaría do ouro está a razón histórica da invención e supervivencia da Gallaecia.


 

3/12/2023

PRESENTACIÓN RESULTADOS DA INTERVENCIÓN ARQUEOLÓXICA DE MÍNIMA INVASIÓN NO CASTRO DE RUETA

Como xa se puido ver no outono, cando se realizaron estas intervencións, o interese que esperta o castro de Rueta é máximo. Para coñecer os resultados das mesmas, da man dos arqueólogos David González-Álvarez, do INCIPIT-CSIC (Santiago) e Jesús García Sánchez do IAM-CSIC (Mérida), congregáronse este sábado 11 de marzo 70 persoas na Casa da Administración de Sargadelos. 

Logo dunha completa contextualización histórica e xeográfica do xacemento, os arqueólogos explicaron que esta intervención tiña un carácter experimental, dado que se está nunha fase inicial en Galicia na aplicación desta metodoloxía e destas ferramentas. Os resultados da intervención son moi satisfactorios, tanto pola colaboración e implicación dos distintos axentes sociais e institucionais (veciñanza, Concello, Deputación e Mariña Patrimonio) como polos resultados obtidos. 

A intervención en Rueta é a máis ampla realizada en Galicia con esta tecnoloxía ata o momento, pola extensa superficie que abarca, ao tempo que  ofrece unha información bastante ampla respecto á conformación do castro. Confirma a existencia de estruturas construtivas, tanto dentro como fóra da muralla, e sinala mesmo algúns puntos de interese particular, como unha sauna ou fornos, cara a posibles intervencións máis invasivas que puideran realizarse no futuro.

Cómpre entender que estas intervencións non pretenden obter resultados definitivos sobre datación, funcionalidade das estruturas ou materiais, mais si que permite realizar un mapeo do subsolo do xacemento que facilite a selección dos puntos de maior interese á hora de programar excavacións ou outro tipo de intervencións. 

Resaltaron tamén o excelente estado de conservación deste castro, debido a que, pola súa ubicación, non sufriu transformacións importantes derivadas da acción antrópica ao longo dos séculos. Ademais, pola súa monumentalidade, posúe unha presenza na paisaxe e unha visibilidade que o fan moi idóneo para a súa utilización como recurso didáctico e turístico, a pouco que se manteña limpo de vexetación.

As expectativas futuras son, por tanto, moi amplas e, de entrada, o equipo do CSIC ten pensado completar o estudo con ferramentas de prospección xeofísica non utilizadas ata agora, tanto na muralla como na zona exterior do castro. O equipo aínda vai completar o seu informe de resultados definitivo no que se incluirán propostas de actuación posibles ou recomendables que permitan obter maior información científica e valorización social deste magnífico xacemento.

 Ver vídeo da presentación: https://youtu.be/OSIti16scEA



3/01/2023

CONFERENCIA SOBRE OS RESULTADOS DAS INVESTIGACIÓNS ARQUEOLÓXICAS NO CASTRO DE RUETA

Mariña Patrimonio organiza para o sábado 11 de marzo a conferencia O castro de Rueta. Resultados das investigacións arqueolóxicas de mínima invasión, na que o arqueólogo David González Álvarez, investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), CSIC, dará a coñecer os resultados das investigacións arqueolóxicas iniciadas o pasado mes de novembro no castro de Rueta (Cervo, Lugo).

A conferencia, que dará comezo ás 12.00H, terá lugar na Casa da Administración de Sargadelos e a súa entrada será libre e gratuíta.

A intervención arqueolóxica en Rueta, que contou co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Cervo, estivo a cargo dun equipo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC),coordinado por David González Álvarez (Instituto de Ciencias do Patrimonio) e por Jesús García Sánchez (Instituto de Arqueoloxía de Mérida). Nas actuacións levadas a cabo por este equipo do CSIC, aplicáronse métodos de traballo non invasivos, sen mover nin un gran de terra, empregando magnetómetros e xeorradares. Sobre os resultados deste traballo teremos cumprida información na charla do próximo 11 de marzo na Casa da Administración de Sargadelos.

2/01/2023

ADEGA E MARIÑA PATRIMONIO DENUNCIAMOS AO ICOMOS (UNESCO) A AFECTACIÓN DUNHA CANTEIRA AO CAMIÑO DE SANTIAGO NORTE

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) conxuntamente coa Asociación Socio Cultural Mariña Patrimonio vimos de solicitar no Comité Español do ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios da UNESCO) que abra unha investigación e se pronuncie sobre como afecta ao Camiño de Santiago do Norte os labores que a empresa Canteras Santa Cecilia ten realizado dentro do Territorio histórico do Camiño de Santiago e como lle vai afectar a este ben, Patrimonio da Humanidade, a futura ampliación da canteira do Monte da Trinidade. O Monte da Trinidade atópase entre a parroquia de Vilamor, no concello de Mondoñedo, e o lugar de Arroxo, no concello de Lourenzá (Lugo), onde están catalogados e, teoricamente, protexidos o Castro de Flores, o Castro da Trinidade e o Camiño de Santiago.

No ano 2008 un veciño de Mondoñedo denunciou perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (DXPC) danos no castro da Trinidade por mor dos labores mineiros que se estaban realizando ilegalmente nesta zona protexida. Trala inspección apareceron restos arqueolóxicos, entre os que destaca un machado votivo de bronce que ten representado un torques. Malia a que a DXPC comprobou a veracidade dos feitos denunciados, non actuou contra a canteira nin protexeu o citado ben patrimonial.

En 2016, a Asociación de Fabricantes de Hormigón Preparado (ANEFHP) denunciou posibles danos ocasionados pola canteira noutro xacemento catalogado, o Castro de Flores. Poranto, os danos afectaban tamén ao Territorio histórico do Camiño de Santiago do Norte, xa que en 2014, por Decreto 158/do 27 de novembro delimítase este Camiño histórico, que inclúe o Monte da Trinidade, o Castro da Trinidade e o Castro de Flores, ambos inventariados dende 1991.

A DXPC comproba novamente os feitos denunciados e, no canto de actuar contra os responsables das posibles infraccións, comeza un proceso para descatalogar os bens patrimoniais do Monte da Trinidade argumentando a inexistencia destes bens. 

E no mesmo o 2016 Canteras Santa Cecilia presenta un proxecto de expansión da canteira que afecta directamente os castros da Tinidade e Flores así como o Territorio histórico do Camiño de Santiago.

Foi en febreiro de 2017 cando ADEGA e Mariña Patrimonio denunciamos perante a DXPC os posibles danos da canteira no Castro da Trinidade e levamos á Fiscalía o intento de descatalogación dos bens patrimoniais no Monte da Trinidade. Cómpre sinalar que, en relación coas denuncias de ANEFHP de ADEGA e de Mariña Patrimonio, nun documento remitido pola Subdirectora Xeral do Patrimonio Cultural á Alcaldesa de Mondoñedo afírmase:“a entidade mercantil” (…) “ocupa terreos do ámbito protexido do xacemento Castro da Trinidade, GA270030022, alterando substancialmente o terreo e subsolo, sen que a dita intervención teña o amparo dunha autorización desta Administración de protección do patrimonio cultural (…) Ocupou tamén a dita explotación superficie do territorio historico do Camiño de Santiago do Norte (ruta da Costa), segundo a delimitación declarada polo Decreto 158/2014 do 27 de novembro, polo que se aproba a delimitación do Camiño de Santiago do Norte, Ruta da Costa”.


 
Malia á contundencia do documento, non hai constancia de que a DXPC abrise expediente sancionador por estes feitos nin que adoptase medidas para protexer os bens patrimoniais afectados.

En febreiro de 2019, ADEGA e Mariña Patrimonio presentamos novas denuncias perante a DXPC por movementos de terras, explanacións, entullos e acumulación de estériles mineiros no Territorio Histórico do Camiño de Santiago do Norte ao entendermos que estes labores mineiros non contaban coas preceptivas autorizacións de Patrimonoio, nin de Minas, nin do Concello de Mondoñedo. Tampouco nesta ocasión hai constancia de que a DXPC abrise expediente sancionador polos feitos denunciados. 

E xa en maio de 2020 ADEGA presentou outra denuncia perante a Consellería de Cultura pola construción dun muro de contención por parte da empresaque explota a canteira, sen a autorización preceptiva para actuar en territorio histórico do Camiño de Santiago do Norte e na zona de protección do Castro de Trinidade. A Consellería de Cultura comunícalle a ADEGA que abre un procedemento sancionador pola “construción de muro de contención exterior sobre diversas parcelas no ámbito de diversos bens protexidos“. A día de hoxe, febreiro de 2023, non se coñece a resolución deste procedemento sancionador. 

 Canteras Santa Cecilia ten na actualidade un proxecto de ampliación da canteira que afectaría directamente os castros da Tinidade e Flores, así como o Territorio histórico do Camiño de Santiago.

Por estes motivos, e á vista da reiterada pasividade e o inaceitábel desleixo da DXPC da Xunta na protección do Territorio histórico do Camiño de Santiago, ADEGA e Mariña Patrimonio acudimos ao ICOMOS para que abran unha investigación e determinar como afectará a este ben, o Camiño de Santiago Norte, Patrimonio da Humanidade, a proxectada ampliación da explotación mineira. 


 
ENLACE FOTOS:
https://photos.app.goo.gl/DYq3SGHuZ3ZxKryk9