7/30/2018

BATEO DE OURO EN ALFOZ


Fronte á idea estendida de que a nosa comarca se mantivo á marxe da explotación aurífera que ao longo da historia galega protagonizaron os habitantes dos castros e, sobre todo, a colonización romana nos primeiros séculos da nosa era, sabemos hoxe da existencia dunha importante minería e industria aurífera nos tempos antigos, da que dan mostra os importantes restos da ourivaría castrexa e as minas romanas descubertas e recoñecidas nos últimos tempos, particularmente na Mariña Central e Oriental. Coa finalidade de divulgar esta idea, a Asociación Sociocultural Mariña Patrimonio en colaboración co Concello de Alfoz, organiza un obradoiro de bateo de ouro, dirixido polo xeólogo Francisco Canosa, recoñecido divulgador da xeoloxía galega.

DATAS:
6 de agosto de 10 a 13 h:
1ª quenda de 10 a 11 h
2ª quenda de 11 a 12 h
3ª quenda de 12 a 13 h

14 de agosto de 16 a 19 h:
1ª quenda de 16 a 17 h
2ª quenda de 17 a 18 h
3ª quenda de 18 a 19 h

LUGAR: Río Ouro, ao seu paso polo concello de Alfoz. O lugar exacto así como a quenda asignada,comunicarase aos participantes anotados con suficiente antelación.

INSCRICIÓN: Enviar correo a mr.patrimonio@gmail.com indicando a data e quenda de preferencia, que se respectarán ata o límite de prazas por quenda.

7/20/2018

PATRIMONIO CIVIL E RELIXIOSO DE LOURENZÁ


DIA:                 4 DE AGOSTO
HORARIO:       MAÑÁ, 10h - 14h 
                        TARDE, 16h - 19h
                  
                        
Estimados/as amigos/as:

Mariña Patrimonio organiza un desprazamento a LOURENZÁ o día 4 de AGOSTO para coñecer o patrimonio civil e relixioso máis salientable da vila e dos seus vales. Contarase cun guía especializado, e vanse xestionar as visitas guiadas ós edificios relixiosos (igrexas de Sto Adrano, Sto Tomé, S. Xurxo, mosteiro de S. Salvador, así como  ao pazo de Tovar (incluídas as entradas).

No caso de que haxa un número suficiente de persoas, pensamos facer o desprazamento en bus con traxecto Viveiro - Foz - Lourenzá (con paradas intermedias), opción máis recomendable xa que hai que moverse de visita a visita.

As persoas interesadas que nolo fagan saber canto antes, con data límite   XOVES 26 DE XULLO, indicando nome, se é socio/a ou non, e as opcións que lle interesan, para termos tempo de contratar o bus e facer a reserva para o xantar.

Se non houbese suficiente interese, desbotaríase a opción do bus, decisión que se comunicaría o venres 27 ás persoas interesadas, ademais do importe da actividade, en función das opcións elixidas, e o número de conta de Mariña Patrimonio.

7/02/2018

RUTA  POLA FRAGA DAS VIGAS

Sábado, 14 de xullo de 2018
Mariña Patrimonio organiza un roteiro pola Fraga das Vigas, unha auténtica xoia da biodiversidade.
O percorrido, de dificultade media-baixa (7 km ida e volta, desnivel 100 m), transcorrerá na súa maior parte pola Fraga das Vigas (Alfoz), na cabeceira do Río Figueiras (afluente do Masma), e rematará na Fraga Vella (Abadín- Mondoñedo) (ver mapa)
Hora e punto de encontro:  10 h. no restaurante O Frenazo (ver mapa) 
A volta prevese para media tarde (cómpre levar bocadillo e bebida para xantar en ruta). Tamén está previsto, de regreso, visitar as igrexas d'As Oiras, O Pereiro e O Cadramón.

Para inscribirse enviar un correo a mr.patrimonio@gmail.com indicando: nome, DNI, idade e teléfono de contacto de cada persoa.