10/13/2011

Cultura só recoñece os danos efectuados por particulares en varios castros da Mariña

Castro Coto da Vela (XOVE) 1956

Patrimonio obriga a retirar os eucaliptos plantados sobre as defensas do castro da Vela (Xove), pero non se pronuncia sobre a agresión do concello de Xove sobre o castro de Sumoas

O Servizo de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia recoñece, a través de varias comunicacións remitidas a ADEGA e Mariñapatrimonio, os danos provocados por particulares en tres xacementos da Mariña: Castelo de Celeiro (Viveiro), Castro da Vela e xacemento de Pereiraboa (Xove); pero non se pronuncia sobre os prexuízos exercidos polo concello de Xove sobre o Castro de Sumoas.

Tras as denuncias presentadas por Mariñapatrimonio e ADEGA o pasado mes de xuño, o servizo de Patrimonio da Xunta admite que os danos denunciados nos tres xacementos castrexos son verídicos e, mesmo, obriga a retirar os eucaliptos plantados nun deles, en concreto, no castro da Vela (Xove): “ as remocións de terras da tala e posterior repoboación afectan a área de protección integral do castro. Se non fosen arrincados os eucaliptos que cobren o terraplén da croa, o futuro crecemento das raíces ocasionaría maiores danos estas estruturas defensivas”.

Nos outros dous casos recoñece que se realizaron remocións de terra e repoboacións forestais con eucaliptos que afectaron parte do patrimonio, tal e como afirmaran Mariñapatrimonio e ADEGA. En canto ao xacemento do Castelo de Celeiro (Viveiro), Patrimonio di que “as remocións de terra da plantación deixaron ao descuberto tramos dun muro de pedras pertencentes ás estruturas defensivas do xacemento”. Con respecto ao xacemento de Pereiraboa (Xove) asegura que “no transcurso das inspeccións constátase que neste monte se fixera unha repoboación recente de eucaliptos con maquinaria pesada que puxo ao descuberto varios anacos de cerámica”.

Con estes informes de Cultura queda claro que nos tres xacementos houbo remocións de terra que danaron o Patrimonio. Agardamos que os citados informes disipen as dúbidas daqueles que no seu día nos descualificaron acusándonos de mentir e de non estar capacitados para falarmos de Patrimonio.

Porén, Patrimonio só contestou ás denuncias presentadas que teñen que ver coa actuación de particulares, xa que non se manifestou con respecto á actuación do concello de Xove sobre o Castro de Sumoas, incluído no Inventario Xeral do Patrimonio cultural de Galicia. O Concello despositara varias toneladas de terra sobre o xacemento sen a preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.

A única información que recibimos ao respecto é a través da prensa, na que se recolle a suposta vontade do alcalde de Xove, Xosé Demetrio Salgueiro, de legalizar o depósito de terras. Confiamos en que a Dirección Xeral de Patrimonio faga cumprir a lei e non utilice un dobre raseiro para medir as infraccións ao patrimonio cultural, dependendo de se o infractor é un particular ou un alcalde. Se en Morás Patrimonio obriga a un particular a retirar as árbores que foron plantadas sen autorización, terá tamén que obrigar ao alcalde de Xove a retirar a terra depositada no castro, tamén sen autorización.

Mariñapatrimonio e ADEGA reiteramos a nosa preocupación polas continuas agresións que se están a producir nos xacementos arqueolóxicos e pola falta dunha política axeitada de protección do patrimonio que, como vemos, acaba revertendo no prexuízo dos propietarios dos terreos afectados.

Dende ADEGA e Mariñapatrimonio seguiremos denunciando aquelas agresións ao patrimonio sobre as que teñamos coñecemento e animando á cidadanía a informar sobre outros casos de maltrato aos bens patrimoniais que son de todas e todos, de xeito que se evite o seu deterioro e desaparición.