6/26/2014

AS MINAS ROMANAS DE OURO DA DESEMBOCADURA DO MASMA, INCLUÍDAS NO INVENTARIO DE XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS.

 
As explotacións mineiras das Covas (Barreiros) e da Espiñeira (Foz) veñen de ser recoñecidas como xacementos arqueolóxicos pola Dirección Xeral de Patrimonio.

 
Mariñapatrimonio dera a coñecer estes sitios arqueolóxicos en marzo de 2013 ao tempo que solicitaba a súa inclusión no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos, despois de que o arqueólogo especialista en minería romana, Santiago Ferrer, certificase a súa autenticidade.
Hai poucos días felicitabamos a Área de Cultura da Deputación de Lugo pola volta ao Museo Provincial da ourivería prerromana, que conforma a colección Álvaro Gil (12 pezas desta colección proceden da Mariña), e hoxe felicitamos ao Servizo de Patrimonio da Xunta por recoñecer esta gran explotación aurífera da Mariña.
Sen dúbida, a inclusión e o recoñecemento como xacemento arqueolóxico deste último tramo do río Masma, é unha boa nova para a nosa comarca. Pola súa extensión e a súa boa conservación, esas minas posúen un gran potencial turístico que, sen dúbida, os alcaldes de Foz e Barreiros saberán apreciar e saberán poñer en valor para beneficio de  todos os mariñaos.

6/19/2014

MariñaPatrimonio celebra o regreso a Lugo da colección de ourivería de Ávaro Gil.

 
MariñaPatrimonio recoñece e valora moi positivamente os resultados das negociacións levadas a cabo pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, que conseguiron a volta das valiosas pezas de ourivería prerromana ao Museo Provincial de Lugo. Estas pezas constitúen un símbolo moi salientable da nosa cultura e teñen unha especial relevancia para a comarca da Mariña, de onde procede unha boa parte desta colección.
O pasado decembro as asociacións Cultura do País, ADEGA, Buril e MariñaPatrimonio organizabamos un roteiro pola Mariña para reivindicarmos a volta da colección de Álvaro Gil e, asemade, reivindicabamos a defensa de varios xacementos arqueolóxicos da nosa comarca, que son outras xoais do noso patrimonio. Hoxe MariñaPatrimonio felicita a Área de Cultura polo seu magnífico labor e agardamos que algún día poidamos tamén felicitar a Consellería de Cultura da Xunta cando, por exemplo, inclúan no Inventario a mina de ouro da Espiñeira e cando consoliden e protexan Estabañón, a Roda de Barreiros ou o Hipocausto de Burela.

6/10/2014

ROTEIRO CONXUNTO DE MARIÑA PATRIMONIO E ROXIN ROXAL POLA MARIÑA CENTRAL

Este pasado fin de semana, sabado 7 e domingo 8, a Asociación Sociocultural MariñaPatrimonio realizou un roteiro pola comarca da Mariña Central nos concellos de Foz, Alfoz, O Valadouro, 
Mondoñedo e Lourenzá, en colaboración coa asociación afín Roxín Roxal, que desenvolve o seu extenso labor de defensa do patrimonio cultural e natural na comarca das Mariñas coruñesas.

 A actividade contou cunha participación total de 70 persoas convocadas entre as dúas asociacións.
O sábado o grupo visitou pola mañá a basílica de San Martiño de Mondoñedo, o obradoiro e o paradisíaco xardín do artista Daniel Caxigueiro, os restos do castelo da Frouxeira e a fortaleza do Castro de Ouro; pola tarde o grupo desprazouse aos montes do Chao de Padorno, onde se atopan o Prado das Chantas e diversos monumentos megalíticos. O animador cultural e escritor valadourense, Lionel Rexes, foi o encargado de guiar este roteiro.

O domingo, a xornada comezou na praza da catedral de Mondoñedo coa visita á sé episcopal, continuou cun interesantísimo percorrido pola cidade e rematou na Ponte do Pasatempo. A visita foi guiada polo concelleiro de cultura, Xusto Fernández Haro e o arqueólogo municipal, Abel Vigo. Despois dunha comida de confraternidade na Casa da Penela, en Masma, o grupo rematou a xornada na Fortaleza de Tovar, un espectacular edificio do s. XVI que domina o fermoso val de Lourenzá na parroquia de Sto. Tomé e que está aberto ao público desde comezos deste ano, despois dun admirable traballo de restauración e posta en valor, por parte do seu propietario, José Ventoso.
MariñaPatrimonio valora de xeito moi positivo estas xornadas de divulgación do patrimonio histórico mariñán e, especialmente, o resultado desta colaboración que abre a porta a un traballo de cooperación entre estes dous colectivos que comparten obxectivos e intereses en torno á defensa, divulgación e goce social do patrimonio cultural material e inmaterial así como natural, tan valioso como ameazado e necesitado de atención.
Nas próximas semanas, o colectivo ten programado un roteiro curto no concello de Cervo, para dar a coñecer e pór en valor a Fraga de Martín Paz, na cabeceira do Rio Covo, un espazo natural de bosque atlántico moi ben conservado e que, por iso, precisa ser protexido fronte á expansión do eucaliptal.

Fotos: