5/30/2017

Rede do património cultural

O vindeiro sábado 3 de xuño as asociacións e colectivos en defensa do patrimonio temos unha cita no Museo do Pobo Galego para botar a andar a Rede do Patrimonio Cultural. Mariña Patrimonio considera que esta rede é unha ferramenta moi útil para avanzar con maior eficacia na protección do noso patrimonio cultural.
Se queredes participar, podedes inscribirvos no formulario que está ao final da declaración, ou clickando aquí.

DECLARACIÓN CONXUNTA PARA UNHA COORDINACIÓN DAS ENTIDADES POLA DEFENSA DO PATRIMONIO CULTURAL GALEGO
  1. O territorio galego concentra unha inxente cantidade de bens culturais materiais e inmateriais. Son o legado da intensa ocupación e uso do territorio por comunidades humanas desde o principio dos tempos e a testemuña viva e real das bases da cultura e identidade do noso país, herdanza que queremos preservar.
  2. Este legado constitúe, na actualidade, unha enorme fonte de riqueza de moitos tipos: humana, social, cultural e económica. Xunto á súa preservación como deber por parte das xeracións que se consideran herdeiras dese legado para o futuro, a súa dinamización abre novas oportunidades á nosa sociedade en numerosos ámbitos, constituíndose como unha das fontes de riqueza do país con máis posibilidades e, ao mesmo tempo, máis sustentable no noso territorio.
  3. En Galicia existen numerosos movementos culturais cidadáns que exercen unha constante actividade, de base local ou comarcal de defensa do devandito patrimonio, tamén da súa dinamización, cunha grande eficacia no control e vixilancia da contorna inmediata. Os resultados, moi loados nas súas áreas de acción, non sempre trascenden nin son abondo visibles a nivel galego.
  4. Porén,  aínda que os danos ao patrimonio sempre son locais (a un ben concreto nun momento concreto) tanto a lexislación como as políticas de patrimonio cultural ou as grandes problemáticas (sector forestal, grandes infraestruturas públicas, marco xurídico) trascenden ese ámbito e condicionan, xa que logo, a capacidade de actuación de moitas  entidades locais. É preciso dotalas dun  instrumento que lles permita operar naqueles ámbitos administrativos (comunidade autónoma, Estado, Unión Europea) que son de difícil acceso para unha pequena entidade e na que esta pode exercer un papel pouco representativo.
  5. Na actualidade vólvese vivir un interese por parte de persoas e grupos da sociedade civil por coidar o patrimonio cultural, participar activamente na súa preservación e xestión. Non hai dúbida de que o papel de Internet, conectando a individuos antes illados en diferentes lugares e compartindo información, problemáticas e solucións, incentiva este novo activismo. Internet adáptase con facilidade ás estruturas asociativas galegas, horizontais, descentralizadas e sen unha xerarquía sólida.
  6. Os escasos orzamentos que destinan as Administracións ao patrimonio cultural, as profundas transformacións da sociedade e das economías rurais e os cambios lexislativos promovidos recentemente  pola Administración galega están a afectar de xeito crítico ao noso patrimonio cultural. É o momento de dar un paso que permita enfrontar estes novos desafíos, sempre desde o respecto á idiosincrasia das entidades locais e comarcais do país.
  7. Proponse una ferramenta conxunta de coordinación das asociacións locais/comarcais e outras de ámbito galego (que tamén asinan) , todas elas de defensa do patrimonio  para se dirixir ás autoridades, organismos ou entidades pertinentes en prol da salvagarda do noso patrimonio cultural.
  8. As entidades que asinan este documento comprométense a crear sistemas de comunicación horizontal, de libre adhesión, sen xerarquías, aos que se poidan incorporar outras organizacións co fin de adhesión aos termos nos que se redacta o presente documento.
  9. A mecánica de traballo inicial será o traballo conxunto e a elaboración de iniciativas decididas pola rede que teñan un claro fin de defensa e/ou posta en valor do patrimonio cultural e que pola súa natureza ou dimensión precisen dunha escala superior á de cada unha das entidades. Ningunha organización poderá actuar en nome da Rede e nos casos que se acade unanimidade nomearase unha representación e aclarando en toda a documentación que entidades forman parte dunha iniciativa concreta.
  10. As organizacións que asinan esta Declaración manteñen a súa independencia e autonomía e comprométense a encetar o camiño cara a creación dunha estrutura de coordinación de entidades do patrimonio.

5/26/2017

ARRASAN UN DOLMEN E LEVAN UNHA DAS SÚAS LAXES PARA ADORNAR UN XARDÍN

O espolio produciuse no transcurso dunha corta e plantación de eucaliptos no concello de O Valadouro.
 
ADEGA e Mariña Patrimonio presentamos o pasado 9 de maio unha denuncia perante o Servizo de Patrimonio Cultural, despois de termos noticia da destrución do dolmen da Casa dos Mouros de Lobeira (Budián, O Valadouro- Lugo) no transcurso duns labores forestais.
Segundo a información achegada por diferentes fontes, supostamente os responsables dos danos infrinxidos na Casa dos Mouros terían incumprido os requisitos de patrimonio para a corta e plantación dos eucaliptos no dolmen e na súa zona de protección.
Probablemente os espoliadores aproveitaron as pas mecánicas e a maquinaria pesada, utilizadas na realización dos labores forestais, para extraeren dous esteos do dolmen e para trasladar un deles a un xardín situado nunha casa no concello de Foz, onde foi localizado polo SEPRONA.
O outro esteo deixárono abandonado á beira da mámoa porque lles partiu cando o sacaron do túmulo.

Lamentablemente, ademais deste espolio, o túmulo foi totalmente furado coas pas mecánicas o que acabou provocando aínda máis danos no xacemento.
Sábese que o dolmen da Casa dos Mouros é un xacemento sobradamente coñecido polos veciños do lugar, pero ademais existe bibliografía sobre el e mesmo podemos atopar información na páxina oficial do Concello de O Valadouro, así como noutros sitios da Internet.

A masiva destrución do patrimonio, provocada pola industria do eucalipto, é un grave problema que a Consellería de Cultura non quere afrontar, sexa por submisión á todopoderosa industria forestal ou simplemente por falta de capacidade.

Dáse a circunstancia de que hai exactamente un ano denunciamos os danos ocasionados polos eucaliptos no outro túmulo existente na Lobeira. A día de hoxe non temos constancia de que a Consellería de Cultura teña actuado para esclarecer os feitos denunciados. Sexa por incompetencia ou por submisión, a Consellería está enviando unha mensaxe clara: a destrución do patrimonio non ten consecuencias para quen o destrúe.

Por último, ADEGA e Mariña Patrimonio queremos darlle os parabéns ao Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil pola súa rápida e eficaz actuación, xa que grazas ao seu labor localizáronse os restos espoliados e foron identificados os posibles responsables dos danos e do espolio da Casa dos Mouros de Lobeira.

5/21/2017

IMOS DE EXCURSIÓN A RIOTORTO, A PONTENOVA E A VILADONGA

O sábado, 27 de maio, imos de excursión, pararemos na mina de ouro romana d'A Muxueira (Riotorto) , de seguido desprazarémonos a Sanxés (A Pontenova) para andar pola ruta da Seimeira, xantaremos na Taberna de Montse, e pola tarde visitaremos o museo e o castro de Viladonga, para rematar no de Sa.

Para informarte, reservar e anotarte preme aquí.

5/13/2017

CHARLA SOBRE A TURBEIRA DE SAN MIGUEL DE REINANTE

O próximo sábado día 20 nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante (Barreiros), Aurora Grandal falaranos sobre a turbeira da praia de Arealonga así como dos restos óseos de fauna que nos últimos anos foron aparecendo nesta turbeira.




5/08/2017

NOVA DESFEITA DA INDUSTRIA DO EUCALIPTO NO CASTRO DA RILLEIRA

 
  O pasado 24 de abril ADEGA e Mariña Patrimonio presentamos unha nova denuncia por mor dos posibles danos ocasionados no xacemento arqueolóxico do castro da Rilleira (Cabarcos- Barreiros. Lugo) tras a realización duns traballos forestais. Unha vez máis vemos como a industria do eucalipto actúa con total impunidade e con absoluto desprezo polo noso patrimonio ao danar un xacemento arqueolóxico catalogado e protexido. Unha vez máis vemos a total desconexión entre Medio Rural, Patrimonio e a industria forestal e unha vez máis veremos o desleixo por parte da Xunta de Galicia que, despois desta denuncia, novamente comezará a buscar escusas para non actuar en contra da todopoderosa industria do eucalipto.

A destrución e os danos repítense. Hai exactamente un ano, denunciamos a desfeita provocada pola plantación de eucaliptos noutra parcela deste mesmo castro sen que a día de hoxe, malia o tempo transcorrido, teñamos recibido ningunha resposta por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta. Desta volta, os labores forestais afectaron gravemente a croa, os foxos, o parapeto e maila muralla pétrea, deixando á vista en toda a superficie abundantes restos arqueolóxicos. Empregouse maquinaria pesada, deuse apertura a unha pista que cortou o parapeto, arrincáronse as raíces dos vellos eucaliptos e realizáronse novos furados con pá mecánica para plantar os novos.

Para algúns investigadores, o castro da Rilleira, situado no val de Cabarcos, tería unha grande significación histórica, xa que sería o lugar onde se asentaban os cibarcos, unha tribo galaica da que nos fala o historiador romano Plinio o Vello. Este castro conta cun impresionante sistema defensivo formado por tres foxos picados na rocha e, probablemente, a croa contase cunha muralla pétrea de módulos

Dende ADEGA e Mariña Patrimonio preguntámonos cando decidirá a Dirección Xeral de Patrimonio asumir o seu deber de protexer o noso Patrimonio e cando comezará a actuar en contra dunha industria forestal irresponsable que, por uns centos de eucaliptos, é capaz de destruír un importante ben cultural.




5/07/2017

5/05/2017

MARIÑA PATRIMONIO SOLICITA A INCLUSIÓN DUN NOVO PETRÓGLIFO NO CATÁLOGO DE XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS.

As gravuras rupestres, localizadas por unha veciña do concello, atópanse a tan só cincuenta metros da casa do Concello de Cervo.
Mariña Patrimonio vén de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio a inclusión no Catálogo de Xacementos Arqueolóxicos dun petróglifo situado no lugar de Pena da Arca, apenas a cincuenta metros do Concello de Cervo.
O petróglifo está formado por varias cazoletas ou coviñas (arredor de quince) e por varios sucos, dos cales algúns rodean as coviñas formando círculos concéntricos.
Mariña Patrimonio confía en que Patrimonio non demore a inclusión deste novo achado no Catálogo de Xacementos, o que permitirá garantir a súa protección. Así mesmo, esta asociación agradécelle a Pilar, a muller que descubriu as gravuras rupestres, por terlles informado sobre a existencia deste novo xacemento que se suma ao xa importante patrimonio arqueolóxico do Concello de Cervo.