11/23/2009

Continúan as Xornadas de Patrimonio en Viveiro


Mércores, 2 de decembro, ás 8:30 da tarde

Salón de Actos de Caixa Galicia en Viveiro

terceira das actividades das XORNADAS DE PATRIMONIO

Conferencia a cargo do profesor da USC Xoán Carmona Badía:

O PATRIMONIO INDUSTRIAL NA MARIÑA LUGUESA

11/22/2009

Pola ruta do ferro

Na Praza dos Fornos, en A Pontenova, iniciamos o camiño que nos levou, o sábado 21 de novembro, pola rota do ferro. Miguel Abraira –o noso guía— explicounos ao pé dos fornos o percorrido que nos levaría á Ferraría de Bogo, ao mazo de Ferreiravella e á forxa de Manuel Alonso no lugar da Ermida xa no concello de Riotorto.

Pagou a pena achegarse até Bogo e baixar a pé até a Ferraría—hoxe absurdamente pechada—para ter ocasión de coñecer este complexo que xa funcionaba no 1534 e que foi mellorada no XVIII deixando de funcionar nese mesmo século por mor dun incendio. A instalación foi aberta nesta ocasión especial para Mariñapatrimonio grazas á xestión do Concello de A Pontenova que vai ser no futuro—agardamos que próximo—o responsabel do seu mantenemento.

O autobús achegounos despois ao concello de Riotorto onde o seu alcalde, Federico Gutierrez Estoa, nos facilitou a visita ao Mazo de Ferreiravella e Miguel Abraira e o ferreiro Manuel Alonso puxeron a funcionar o vello mazo.

A terceira das visitas foi un acertado remate para comprendermos todo o proceso. No obradoiro de Manuel Alonso pasamos un tempo inesquencíbel. Manuel fixo, para nós un coitelo na súa forxa. Alí lembramos o texto de Miguel Abraira cando, no seu conto que escrebiu para o Pregón da I Feira da Artesanía do Ferro, no 2007, dicía:
“E por eso—pensa meu pai—agora non deixo de preguntarme que che vou decir eu a ti, e quen vai a conservar agora toda esa beleza de xestos e palabras que temos que deixar no rego: malogreiro, ximela, tendal, gorreón, cepitillo, curvatoes,mainelo,vergallón…
E claro. Entón comprendo. Comprendo os centos de anos de memoria e de historia que perdo. Comprendo que quizais un día tamén nos toque a nós, e Riotorto quede sen ferreiros, e que igual o bonito é conservar precisamente o que os demais van deixando en desuso. Conservar e recordar, para que outros, os que veñan despois de nós, conozan, comprendan e poidan aprender a amar esta terra”.

11/10/2009

Pola rota do ferro

Excursión polos concellos de A Pontenova e Riotorto
Sábado 21 de novembro de 2009

-A visita comenzará ás 10:30 horas na Praza dos fornos de A Pontenova.

-Visitaremos: os fornos de A Pontenova, a ferraría de Bogo, o mazo da Fraga ( en Ferreiravella, Riotorto ) e unha forxa en A Ermida ( tamén en Riotorto )

-14:30 horas: Fin da actividade. Xantar organizado ( optativo )

-Para chegar até A Pontenova, Mariñapatrimonio porá a disposición das persoas que participen un transporte colectivo que saíndo de Viveiro ( ás 9 da mañá ), pararía en distintos pontos de Xove, Cervo, Burela, A Espiñeira e Vilanova de Lourenzá para recoller ás persoas que previamente se inscriban nesta actividade.

-Inscrición: enviando os nome, enderezo, número de teléfono a mr.patrimonio@gmail.com

-Cuota de inscrición:
-asociados/as: gratuita
-non asociados: 5 €
-Prazas limitadas. A inscrición farase por orde de de anotación até completar as prazas.

-Data límite de inscrición: mércores 18 de novembro


Guía: Miguel Abraira, Premio Xesús Ferro Couselo, ( investigación de antropoloxía e ciencias sociais. Autor do traballo: Ferreiro: técnica e cultura. O traballo tradicional do ferro en Riotorto, A Pontenova e Taramundi.