O
pasado mes de setembro MariñaPatrimonio solicitou á Xunta a
inclusión no Inventario de xacementos arqueolóxicos a antiga capela
de Santo Estevo, o antigo cemiterio e as antigas construcións e
abrigos naturais nos que habitaban as ermitás do Santo Estevo. Trala
inspeción de campo e a localización destes vestixios
arqueolóxicos, os técnicos de Patrimonio incluíron este sitio
arqueolóxico no Inventario coa clave GA 27005014.
Santo
Estevo do Ermo ou de Augas Santas é un oasis no inmenso eucaliptal
da Mariña. Esta pequena fraga, asfixiada polos eucaliptos, conserva
no seu interior un rico patimonio natural, paisaxístico, cultural,
relixioso e arqueolóxico. Facendo un percorrido por esta xoia
natural e cultural atopamos unha vizosa vexetación autóctona, que
agocha a actual capela, construída no 1765 e en cuxa contorna se
ven celebrando dende tempos inmemoriables a romaría do Santo Estevo.
Preto da capela podemos contemplar a fermosa fervenza, coñecida como
o revertedoiro. Outros
lugares de gran interese son a Fonte de Santa Rosa, arredor da cal
centos de panos penduran das pólas das abeleiras e as súas augas
curan as doenzas da pel; a Fonte de Augas Santas con augas
ferruxinosas, boas para combater a anemia, e a Pena da Ferradura na
que o cabalo de Santiago deixou a súa pegada.
Menos
coñecida, aínda que viva na memoria colectiva dos veciños da
contorna, é a existencia das ruínas da antiga capela, do antigo
cemiterio e dos lugares habitados polas ermitás.
A
Irmandade de Santo Estevo publicou en maio do ano pasado o
interesante libro O
santo Estevo do Ermo
e a súa fraga no
que recollen probas documentais da existencia destes bens
patrimoniais.
Co
recoñecemento da Xunta deste sitio arqueolóxico e a súa inclusión
no Inventario, este ben patrimonial goza da protección que debería
evitar a destrución e a desaparición deste interesantísimo lugar
arqueolóxico. Desgrazadamente, igual que ocorre na maioría dos
restos arqueolóxicos da Mariña, este de Santo Estevo non se libra
da súa plantación de eucalipto. A industria forestal,
irresponsable e destrutora do patrimonio, non respecta nin os antigos
cemiterios.
Dende
a Irmandade de Santo Estevo e a asociación MariñaPatrimonio
consideramos que sería bo que a Xunta, o Concello, a industria
forestal do eucalipto, as asociacións e os veciños unisen vontades
e esforzos para protexer dun xeito integral o Santo Estevo do Ermo. O
primeiro paso sería retirar os eucaliptos dos restos arqueolóxicos
da antiga capela e do cemiterio.
Unha
vez máis cómpre lembrar que protexer o noso patrimonio é
responsabilidade de todos e supón un ben rendible para toda a
sociedade.
Ligazón
para as fotos.
http://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157639687224914/with/11909329535/