11/19/2017

O PATRIMONIO RELIXIOSO DE CERVO NO DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO

Este sábado un nutrido grupo de persoas participamos no roteiro organizado con motivo do Día Internacional do Patrimonio, para coñecermos unha parte importante do patrimonio eclesiástico do concello de Cervo.
A xornada comezou cunha visita á igrexa de Cervo e posteriormente continuamos o percorrido polas igrexas de Sargadelos, de Rúa e de Lieiro. Así mesmo, visitamos as capelas de Santa Eufemia, en Trasbar; a de San Cibrao, no Porto de Arriba e maila de San Caetano, no Guioncho.
Dende Mariña Patrimonio queremos agradecer a colaboración do Concello de Cervo, así como a interesante achega dos guías, Antón Niñe e Carlos Miranda Trevín, e a dos propietarios das capelas visitadas, Bautista de Trasbar e Emilio Rubiños. Así mesmo, agradecemos a colaboración prestada polo párroco de Cervo e a das persoas encargadas da apertura das igrexas.
Esta interesante actividade, que nos permitiu coñecer mellor parte do rico patrimonio relixioso do concello de Cervo, desenvolveuse no marco das actividades realizadas en toda Galicia por varias asociacións integrantes da Rede do Patrimonio Cultural.

11/14/2017

Patrimonio eclesiástico do concello de Cervo

Pinturas Capela vella de Sta. Eufemia de Trasbar
 
Día Internacional do Patrimonio #DiadoPatrimonio
Roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo
Dende Mariña Patrimonio queremos lembrar a todas as persoas que poidan estar interesadas que o vindeiro sábado, 18 de novembro, temos programada unha visita, libre e gratuíta, polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo. A visita será guiada polo profesor e investigador Antón Niñe . O percorrido comezará ás 10.00h na Igrexa de Cervo e posteriormente visitaremos as Igrexas de Sargadelos, a de Rúa e maila capela vella de Sta. Eufemia de Trasbar. Despois dunha pausa para o xantar, de 14.00h a 16.00h, continuaremos co percorido coas visitas á capela de San Cibrao, no Porto, á Igrexa de Lieiro e finalmente á capela do Guioncho.
Este roteiro forma parte do conxunto de actividades programadas por diversas asociacións integrantes da Rede do Patrimonio Cultural, con motivo do Día Internacional do Patrimonio.
As persoas interesadas en participar deberán cubrir o seguinte FORMULARIO DE INSCRICIÓN

11/13/2017

Igrexa de Cervo

Día Internacional do Patrimonio #DiadoPatrimonio
18 de novembro, roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo.
A igrexa de Cervo é outra das que imos visitar.

11/10/2017

Igrexa de Rúa (Cervo)

Día Internacional do Patrimonio #DiadoPatrimonio
Roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo
A igrexa de Rúa, unha das que visitaremos no roteiro do próximo 18 de novembro


11/08/2017

Roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo


Co fin de conmemorar o Día Internacional do Patrimonio, Mariña Patrimonio está a organizar para o día 18 de novembro unha visita guiada, libre e gratuíta, polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo. O percorrido polas diferentes igrexas comezará ás 10.00h na Igrexa de Cervo e, dependendo das persoas que se inscriban, continuarase en coches particulares ou en autobús. Ás 14.00h faremos unha pausa para xantar e retomaremos a actividade ás 16.00h diante da capela de San Cibrao no Porto.

Quen o desexe poderá participar no xantar que terá lugar no restaurante O Pedregal de San Cibrao; a data límite para anotarse é o martes 14 (prezo 12€)

Este roteiro enmárcase no conxunto de actividades programadas por diversas asociacións integrantes da Rede do Patrimonio Cultural.

As persoas interesadas en participar deberán cubrir o seguinte FORMULARIO DE INSCRICIÓN