12/10/2020

CONVERSA ARREDOR DE SEOANE E DÍAZ PARDO, ACTIVIDADE ORGANIZADA POR MARIÑA PATRIMONIO

Seguindo co ciclo de actividades online programadas para 2020 por Mariña Patrimonio, o colectivo organiza unha conversa entre o historiador Ramón Villares e o xornalista Ernesto Sánchez Pombo arredor de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo, ao fío do epistolario que mantiveron ambos persoeiros e que recentemente dixitalizou o Consello da Cultura Galega, coincidindo co centenario do nacemento de Díaz Pardo.

A actividade, “Conversa arredor de Seoane e Díaz Pardo, que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo, terá lugar o vindeiro sábado 12 de decembro e poderá seguirse na páxina de Facebook de Mariña Patrimonio a partir das 19.00h.

12/06/2020

MARIÑA PATRIMONIO PROMOVE UNHA INVESTIGACIÓN ARQUEOLÓXICA NO XACEMENTO DE O COÍDO (CERVO)

O pasado xoves rematou a escavación arqueolóxica no xacemento de O Coído, situado no lugar de Pedrosa - Cuíña (San Cibrao – Cervo), promovida por Mariña Patrimonio e realizada pola empresa Gabinete e Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio. As sondaxes arqueolóxicas, dirixidas pola arqueóloga da Universidade de Santiago, María Martín, confirmaron a existencia dun importante xacemento, no que se achou unha inxente cantidade de restos cerámicos. A cerámica, xunto con outras mostras recollidas no sitio arqueolóxico, serán estudadas na Universidade de León e mais no Museo Arqueolóxico de Vilalba.

 
Cando Mariña Patrimonio descubriu en 2010 a existencia de abuntantes restos cerámicos en supercie no lugar de O Coído, informou do achado e solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio a súa inclusión no Catálogo de Bens Patrimoniais. Posteriormente, en 2018, o colectivo alertou á DXPC de que o uso de maquinaria pesada na corta de eucaliptos estaba a danar o xacemento e informou que nas rodeiras da maquinaria se apreciaban centos de fragmentos cerámicos, polo que novamente se solicitaba a catalogación do xacemento e a súa protección. Debido á vulnerabilidade e á falta de protección deste sitio arqueolóxico, Mariña Patrimonio promoveu a investigación arqueolóxica do xacemento do Coído, cuxa escavación se acaba de realizar, para o que contou coa axuda da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a colaboración do Concello de Cervo. Os resultados desta investigación dilucidarán se os restos cerámicos atopados no Coído se remontan á Idade do Bronce, como apuntan algúns arqueólogos, ou datan da Idade Media, como sosteñen outros. Independentemente da súa datación, os técnicos coinciden en destacar a relevancia deste interesante xacemento arqueolóxico.

https://photos.app.goo.gl/xEurgG9appMJFiQK6


 

11/23/2020

MARIÑAPATRIMONIO ORGANIZA A PRESENTACIÓN DE CONTRAHISTORIAS DEGALICIA DE ANTONIO REIGOSA

 

No marco das actividades online programadas por Mariña Patrimonio, o vindeiro 27 de novembro terá lugar a presentación do libro Contrahistorias de Galicia, do autor mindoniense Antonio Reigosa.

Contrahistorias de Galicia é un libro singular, con textos breves e fermosas ilustracións de Rita Gutiérrez, no que Reigosa recolle datos curiosos sobre diferentes personaxes, uns coñecidos e outros “esquecidos e ignorados pola historia oficial”, en palabras do propio autor.

Nestas contrahistorias, ademais do torque de Burela, atopamos tamén personaxes da Mariña como Eustorgia Acebo, Antonia Díaz Pérez ou o Merlín de Cunqueiro.

Na actividade, que se poderá seguir a partir das 19.30 a través do facebook de Mariña Patrimonio, intervirán o autor Antonio Reigosa, a ilustradora Rita Gutiérrez e mailo editor Miguel Noval.

9/22/2020

DOCUMENTAN UN NOVO CASTRO NO CONCELLO DE MAÑÓN

A asociación sociocultural Mariña Patrimonio vén de documentar un novo castro no concello de Mañón (A Coruña).

O xacemento, situado na Ría do Barqueiro, concretamente na Punta Preguntoiro, na parroquia de Mogor, ten unha forma ovalada de aproximadamente uns 110x85 metros de diámetro. Aínda que o sitio arqueolóxico se atopa plantado de eucaliptos e cuberto dunha espesa matogueira, obsérvanse claramente tanto o foxo coma o parapeto que defendían este antigo poboado.

 
Este ben patrimonial non figura nin no Catálogo do Patrimonio Culltural de Galicia nin no do PXOM de Mañón, polo que Mariña Patrimonio vén de solicitarlle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural - Conselleria de Cultura a inclusión deste novo xacemento no Catálogo do Patrimonio Culltural de Galicia. Como vén sendo habitual, e ante o temor de que a Consellería de Cultura boicotee e non atenda a solicitude presentada por Mariña Patrimonio, esta asociación achegou tamén unha solicitude ao Concello de Mañón para que inste á DXPC a catalogar e protexer este novo castro documentado no seu Concello.

 

9/16/2020

O CASTRO DA MARADONA: NOVO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DESCUBERTO EN BARREIROS

O castro conserva parcialmente desenterrada o que podería ser a sétima sauna castrexa atopada en Galicia

As Asociacións Culturais Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo veñen de descubrir un novo castro no Lugar de A Maradona, parroquia de San Xusto de Cabarcos no Concello de Barreiros (Lugo).   Este novo sitio arqueolóxico foi localizado trala corta no monte de eucaliptos, que ocultaban o xacemento. O castro, que está situado nun esporón rochoso a modo de península, formada entre o río Masma e o rego Puxigo, ten uns 110m de longo por uns 50 de ancho. No ismo desta península atópase un impresionante foxo picado na rocha que se converte en foxo dobre na metade do seu traxecto. Xa no interior do castro, xusto na entrada, apréciase unha edificación parcialmente desenterrada na que se pode ver un muro recto duns tres metros, que remata nunha cabeceira semicircular. Esta edificación semella que conserva o arranque dunha falsa bóveda construída por aproximación de fiadas. Tanto polas características desta construción como pola súa ubicación podería tratarse dunha sauna castrexa.

En Galicia só se coñecen as saunas castrexas de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), Borneiro (Bergantiños) , Espasante (Ortigueira), O Sarridal (Cedeira), Castañoso (A Fonsagrada) e a de A Atalaia (Cervo). De confirmarse como sauna a edificación do castro da Maradona, sería a sétima das atopadas en Galicia.

Trala descuberta deste novo xacemento en Barreiros, e despois de comprobar que non figuraba no Catálogo de Bens Patrimoniais, Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo informaron ao Servizo de Arqueoloxía de Santiago sobre este achado así como dos movementos de terras que se tiñan realizado no lugar para ampliar pistas forestais. Por outro lado, ante a posibilidade de que labores de repoboación puidesen afectar o xacemento, solicitáronlle á DXPC que adoptase as medidas necesarias para protexer este ben patrimonial. Aínda que dende o Servizo de Arqueoloxía se contestou que daban traslado de todos os datos ao Servizo de Vixilancia e ao Servizo de Patrimonio de Lugo, tendo en conta a posible relevancia do achado e debido a que sistematicamente a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural - Consellería de Cultura desatende as solicitudes nas que figura Mariña Patrimonio, ambas sociacións concertaron unha entrevista coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, para informala da descuberta do novo xacemento así como do boicot da Consellería de Cultura. O pasado venres 11 de setembro, grazas ás xestións realizadas por Ana Ermida, un arqueólogo do Servizo de Arqueoloxía de Santiago achegouse a Barreiros para inspeccionar o xacemento da Maradona. Trala inspección do lugar, o técnico de Patrimonio confirmou a existencia do castro e sinalou que a edificación que aparece no xacemento, pola súa morfoloxía e ubicación, podería tratarse dunha sauna, mais para poder aseguralo cumpriría facer unha escavación arqueolóxica.

Enlace Fotos:

9/10/2020

MARIÑA PATRIMONIO SOLICITA A INCLUSIÓN NO CATÁLOGO DE DÚAS NOVAS MÁMOAS DESCUBERTAS EN XOVE (LUGO)


 Mariña Patrimonio vén de solicitar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a catalogación e protección de dúas novas mámoas descubertas na parroquia da Rigueira, no Concello de Xove (Lugo).  

Grazas á información facilitada por un profesor da zona, Mariña Patrimonio puido localizar no lugar de Corveira unha das mámoas máis monumentais da Mariña, que conta cuns 20m de diámetro e uns 2m de alto.

A plantación de eucaliptos, que se realizou recentemente sobre este monumento megalitico, deixou á vista parte da coraza pétrea que cobre a mámoa. Os citados labores forestais afectaron especialmente a parte superior da mámoa onde, a pesar de todo, se aprecia claramente o cono de violación.

 A mámoa de Corveira atópase nas proximidades da coñecida e excepcional mámoa de Guilan, descuberta por Mariña Patrimonio no ano 2017.

Por outra banda, Mariña Patrimonio descubriu no lugar de Labradela o túmulo de Modia de Lamoso. Esta mámoa ten uns 14m de diámetro, apréciase o cono de violación e restos da coraza. Como acontece co túmulo de Corveira, este monumento está tamén afectado por unha plantación de eucaliptos.

Debido a que nos últimos tres anos a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural non atende as solicitudes presentadas por Mariña Patrimonio, son moitos os bens patrimoniais que quedan fóra do Catálogo e, polo tanto, desprotexidos. Por este motivo, a asociación achegou ao Concello de Xove outra solicitude para que inste á DXPC a catalogar e protexer estes dous novos monumentos megalíticos aparecidos no seu concello.

Excepcionalmente a mámoa de Guilán, descuberta por Mariña Patrimonio en 2017, figura no Catálogo de Bens Patrimoniais grazas a que nese momento a asociación decidiu presentar a solicitude a través doutra persoa. Porén, non correron a mesma sorte outros seis bens patrimoniais descubertos no mesmo ano e cuxas solicitudes asinou Mariña Patrimonio. Por iso, espera que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural remate co seu pueril boicot contra a citada asociación e cumpra coa súa obriga de catalogar e protexer o patrimonio.

Enlace fotos Mámoa Corveira: https://photos.app.goo.gl/UzPxSQMdJtGtJFj88

9/03/2020

DESCUBERTOS EN BARREIROS DOUS NOVOS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS, O DOLMEN DE PENABOR E A MÁMOA DO CRUCEIRO DA INSUA


Debido ao boicot da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ás solicitudes de Mariña Patrimonio, previsiblemente estes dous monumentos megalíticos quedarán sen catalogar e sen protección.

As Asociacións Culturais Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo veñen de descubrir no Concello de Barreiros (Lugo) dous novos xacementos arqueolóxicos. En Penabor localizaron unha mámoa duns 15m de diámetro, que presenta cono de violación e destaca a presenza de tres ortostatos do dolmen, mentres que a mámoa do Cruceiro da Insua ten uns 20m de diámetro e apréciase no lateral sureste do túmulo o que podería ser o cono de violación.

Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo veñen de solicitarlle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a inclusión destes dous monumentos megalíticos no Catálogo do Patrimonio Culltural de Galicia, aínda que temen que tanto a mámoa de Penabor coma a da Insua se sumen á longa lista de bens patrimoniais que a DXPC nin cataloga nin protexe debido ao boicot de Patrimonio ás solicitudes que presenta Mariña Patrimonio. 

Ambas asociacións mantiveron unha reunión a semana pasada coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, para informarlle sobre estas novas descubertas e para solicitarlle que o Concello de Barreiros inste á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a que cataloguen e protexan estes dous xacementos arqueolóxicos.

Enlace fotos Dolmen de Penabor: https://photos.app.goo.gl/rKjcq5JzmUDvZQeY8

Enlace fotos Mámoa da Insua: https://photos.app.goo.gl/NUn3o49bWimmhoHx8


 


8/18/2020

DENUNCIAS DE MARIÑA PATRIMONIO POR POSIBLES DANOS NO CASTELO DE PENAFLOR DE RIOTORTO

A apertura de pistas e remocións de terras puideron danar o Castelo de Penaflor, Ben de Interese Cultural.

Mariña Patrimonio vén de denunciar perante a Dirección Xeral do Patrimonio posibles danos no Castelo de Penaflor, situado no lugar de Machín, parroquia de Santa Marte de Meilán, en Riotorto (Lugo).

Segundo puideron comprobar membros de Mariña Patrimonio, na zona norte deste Ben de Interese Cultural realizáronse recentemente remocións de terras con maquinaria pesada para a apertura dunha pista. As remocións de terras e a pista chegan ao interior do foxo que defendía o castelo. Por outra banda, na zona sur do xacemento abriron tamén unha pista, que sobe ata o mesmo castelo. Estes movementos de terra con maquinaria pesada chegaron ata os muros, que forman parte deste ben patrimonial protexido, o que puido provocar o derrube dalgúns tramos dos muros. Así mesmo, na parcela onde se atopa o Castelo de Penaflor acondicionouse o terreo con maquinaria pesada para a plantación de eucaliptos. Esta acción puido deixar soterrado parte do antigo e orixinal camiño de entrada ao castelo.

 

Mariña Patrimonio sospeita que estas actividades, que probablemente non conten coa preceptiva autorización da Consellería competente en materia de patrimonio, puideron danar e alterar este ben patrimonial, polo que lle solicita á Dirección Xeral de Patrimonio que se adopten as medidas oportunas para que se proceda á restauración das zonas afectadas, así como a apertura do correspondente expediente sancionador. Ademais, dende esta asociación presentaron outra denuncia no Concello de Riotorto por posible infracción urbanística, dado que tanto as remocións de terras como a apertura das pistas previsiblemente non conten coa autorización municipal correspondente.




 

Abrigo de Pena Grande

 O Abrigo de Pena Grande (Santaballa, Vilalba - Lugo), un dos xacementos paleolíticos máis importantes de Galicia, está sendo utilizado como zona de escalada. Esta actividade, e especialmente as que se realizan na base da pena, poden provocar alteracións no xacemento e nos perfís arqueolóxicos. Así mesmo, o magnesio utilizado nas escaladas podería estar alterando a composicion quimica do nivel arqueolóxico. Ademais, a roza da vexetación na zona arqueolóxica posiblemente non conte coas preceptivas autorizacións.
Mariña Patrimonio vén de poñer en coñecemento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural estes feitos.

Foto: Turismo Vilalba

E logo ti de onde vés sendo? Galicia Nomeada: toponimia colaborativa

 Continuamos co ciclo de conferencias online, que iniciamos o pasado mes de maio, organizando con Álvaro Crego unha charla sobre a nosa toponimia.
“E logo ti de onde vés sendo? Galicia Nomeada: toponimia colaborativa” é o suxestivo título da charla que se poderá seguir na nosa canle de Facebook o vindeiro xoves 20 de agosto a partir das 19.30h.
Álvaro Crego, colaborador do proxecto Galicia Nomeada, unha iniciativa da Real Academia Galega para documentar a enorme riqueza toponímica de Galicia, adianta que o seu relatorio centrarase na importancia de preservar un patrimonio cultural único no mundo: a riqueza toponímica da nosa terra e dos nosos mares. Tamén se falará sobre os factores que motivaron esta enorme riqueza e explicarase a mecánica para a recollida dos topónimos a través da aplicación da RAG, Galicia Nomeada.

7/28/2020

O patrimonio cultural da Galiza, estado da cuestión

Mariña Patrimonio organiza na súa canle de Facebook unha charla para o vindeiro venres, 31 de xullo. A charla, “O patrimonio cultural da Galiza, estado da cuestión”, correrá a cargo do recoñecido arqueólogo Felipe-Senén López e dará comezo ás 19:30. Sobre o contido da mesma, o seu autor adiántanos o que segue:
A CULTURA é o que o ser humano cultiva pra resolver situacións, acudindo a tradicións, innovacións, ciencia e tamén a relacións con outros. Hoxe da cultura cousifícase en postureos, supermercadeos e novas liturxias.
Somos o que facemos ou desfacemos e compre unha revisión da interpretación dese legado dende a óptica humanista e baixo un principio base “nunca á explotación dun ser humano por outro ser humano”. Aprender do legado histórico como recurso identitario e atractivo turístico, aporte particular á universalidade.
Pasearemos pola interacción que supón a cultura, a simbiose das artes. Patrimonio ideolóxico ou inmaterial, inmoble e moble, o estado actual en relación con países que consideramos modélicos. Por exemplo o “celtismo” irlandés ou escocés, o “charmais” da Provenza...A potenciación dos centros de recepción de visitantes. Continentes arquitetónicos que implican canto pode necesitar o visitante antes de internarse no patrimonio: servicios, gastronomía, información, marchandaise, interpretación do monumento e museo, entrada e saída...en relación con isto véxase o estado da cuestión noo Tegra, Fisterra, na Torre de Hércules, Teixido, as catedrais...a improvisación, o chiringuitismo...ama de cría de problemas minifundistas e da aculturación, namentres as tradicións se botellonizan, véxase os caneiros, o Naseiro, o Berro Seco, a subida ao Tegra...”

6/01/2020

DEZ CASOS QUE EXIMPLIFICAN O DESLEIXO DA XUNTA CO PATRIMONIO CULTURAL NO NORTE DA PROVINCIA DE LUGO

ADEGA e Mariña Patrimonio lamentan que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural siga sen retirar do visor de aproveitamentos forestais da Xunta os datos errados da xeolocalización do patrimonio cultural, facéndoa pasar como información oficial e fiable.
A Mariña, 2 de xuño de 2020.- O pasado 15 de maio, ADEGA e Mariña Patrimonio alertaban ás Consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura que a actualización da información xeográfica do patrimonio cultural vertida no visor de aproveitamentos forestais da Xunta de Galiza, adoecía dun número considerable de erros de xeolocalización de xacementos arqueolóxicos. Vinte días despois da denuncia, a Consellaría de Cultura segue sen contestar e sen explicar de que forma vai proceder para reparar os erros detectados, e se vai facer unha revisión profunda e completa da actualización dos datos de xeolocalización do patrimonio cultural de Galiza no visor de aproveitamentos forestais, tal e como lle foi requirido por ADEGA e Mariña Patrimonio. Este organismo é o único que fica por contestar á reclama de ADEGA e Mariña Patrimonio, xa que ambos colectivos xa recibiron notificación da Consellaría de Medio Rural e da Consellaría de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, na que non desmenten a existencia de erros e descargan toda responsabilidade na Consellaría de Cultura, nomeadamente, na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Porén, malia que a Xunta é plenamente consciente dos graves erros, tanto na delimitación coma na xeolocalización de numerosos xacementos arqueolóxicos, continúa recomendando o emprego do visor telemático, como ferramenta para avaliar se cómpre ou non solicitar autorización á hora de realizar traballos forestais en zonas potencialmente protexidas. A última ocasión tivo lugar coa publicación do decreto 73/2020, do 24 de abril, da Consellaría de Medio Rural, co cal a Xunta pretende axilizar e simplificar a execución de máis de 100.000 aproveitamentos forestais ao ano en montes de xestión privada, e que entrará en vigor o vindeiro 9 de xuño.
ADEGA e Mariña Patrimonio urxen de novo á Consellaría de Cultura a corrixir canto antes os erros do visor e a retiralo cautelarmente, ou cando menos, que se advirta claramente aos usuarios que, debido ás eivas detectadas, esa ferramenta non é fiable nin recomendable como información validada. Esta información que se fai pasar como oficial, ademais de poñer en risco xacementos arqueolóxicos catalogados e protexidos, pode provocar que os propietarios forestais se enfronten a elevadas sancións por danos contra o patrimonio cultural.
10 casos destacados no Norte da provincia de Lugo
Tras unha nova revisión dos datos xeográficos contidos no visor de aproveitamentos forestais, ADEGA e Mariña Patrimonio realizaron unha escolma de 10 erros de xeolocalización do patrimonio cultural na zona Norte da provincia de Lugo, entre os múltiples detectados no visor, para mostrar a pouca fiabilidade dos datos que recolle esta publicación oficial da Xunta de Galicia:

1. Castro de Quenllas do Forno (Guitiriz): o visor só marca como zona protexida 1/3 do 
xacemento.

2. Castro O Curveiro-Nois (Foz): A maior parte do xacemento quedou fóra da delimitación deste castro costeiro.

3.  Castro de Meirengos (Ribadeo): Das 4 hectáreas que ocupa este xacemento, só se sinala como superficie protexida 0,5 Ha.

4.  Castro da Vela (Xove): A Xunta reduce a zona protexida deste castro de 6Ha a 0,45Ha no visor de aproveitamentos forestais.

5.  Castro Castelo (Xove): Neste caso, o erro consiste en darlle máis superficie ao castro da que ten. De 1Ha pasaría a sinalarse erroneamente unha superficie protexida de 8,5 Ha.

6.  Mina romana de ouro da Espiñeira (Foz): A extensión que ocupa esta antiga mina romana de 45 Ha é reducida pola Xunta a 2 Ha no visor de aproveitamentos forestais.

7.  Castro da Forca (Viveiro): Mentres que a superifice real do xacemento é de 0,36 Ha, a Xunta dá por válida unha delimitación que amplía esta superficie a 4 Ha.

8.  Mámoa de Tras As Airas (Fonsagrada): A Xunta localiza esta mámoa nunha ladeira de forte pendente, a 1 quilómetro de distancia de onde realmente está situada. Ademais nesta zona, fican 2 mámoas por catalogar e, por tanto, quedan desprotexidas.

9.  Arquela da Pruída (Fonsagrada): A Xunta despraza esta mámoa 123 m da súa localización real.

10.  Antiga capela e cemiterio de Santo Estevo do Ermo (Barreiros): A Xunta sitúa esta antiga igrexa no aparcadoiro da nova capela, a 120 m da súa correcta xeolocalización.

Asemade, ADEGA e Mariña Patrimonio fan un chamamento ás persoas e asociacións preocupadas e interesadas polo patrimonio cultural de Galiza para que revisen e denuncien calquera erro de xeolocalización ou delimitación que detecten no visor de aproveitamentos forestais para evitar, no posible, a destrución irreparable do patrimonio protexido.

5/19/2020

A XUNTA PON EN PERIGO NUMEROSOS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS AO PUBLICAR INFORMACIÓN ERRADA SOBRE A SÚA DELIMITACIÓN XEOGRÁFICA

No pasado mes de abril, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, en colaboración coa Consellaría de Medio Rural e a Consellaría de Cultura e Turismo, actualizaba o visor de aproveitamentos forestais da Xunta. Un dos principais obxectivos desta tarefa, que implicou un investimento de 1.100.000 euros, era o de actualizar a información xeográfica relativa ao Patrimonio Cultural de Galiza, é dicir, revisar e mellorar a xeolocalización e delimitación dos BIC e doutros elementos do inventario do patrimonio cultural, como castros, mámoas ou petróglifos, para poñela a disposición de calquera usuario a través do visor xeográfico da Xunta na rede. A información contida neste visor ten carácter oficial, polo que unha correcta actualización da mesma facilitaría aos propietarios forestais a consulta sobre a existencia de elementos patrimoniais naqueles predios nos que se dispoña a realizar algún labor forestal, así como os trámites de autorización.
Sen embargo, malia que as intencións eran boas, ADEGA e Mariña Patrimonio detectaron que os límites marcados dun considerable número de xacementos arqueolóxicos non se corresponden cos seus límites xeográficos reais, poñendo en risco esas zonas arqueolóxicas que deberan estar protexidas. Os erros detectados, malia non ser xeneralizados, afectan a unha considerable parte do territorio galego e resulta especialmente rechamante que os límites de xacementos situados en concellos onde está aprobado o Plan Xeral de Ordenación Municipal non coincidan coa delimitación contemplada no catálogo de xacementos delimitados dos PXOM. Un exemplo ilustrativo deste feito é o caso do concello de Ribadeo onde, dos oito castros catalogados no seu PXOM, sete están mal delimitados no visor. Outro caso significativo é o do Castro do Coto da Vela do concello de Xove que, segundo o visor xeográfico da Xunta, conta cunha superficie de 0,45 hectáreas, cando en realidade ocupa unha extensión de 6 hectáreas, deixando 5,55 hectáreas do castro sen protección.
Por tanto, ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de solicitar á Consellaría de Medio Ambiente que retire de toda circulación pública, tamén do visor de aproveitamentos forestais da Xunta, a información xeográfica presuntamente “actualizada” do Patrimonio Cultural de Galiza, mentres a Consellaría de Cultura non faga unha profunda e completa revisión desa información e non repare os erros de delimitación e xeolocalización atopados. Así mesmo, requirimos tamén á Consellaría de Medio Rural que non outorgue autorizacións para cortas ou plantacións forestais naqueles predios nos que non estea garantida a protección e a correcta delimitación de xacementos e doutros elementos patrimoniais. Doutro xeito, tanto a Consellaría de Medio Rural como a de Cultura poderían estar favorecendo a destrución de xacementos arqueolóxicos catalogados e protexidos e que os propietarios forestais se enfronten a elevadas sancións. Podería darse o paradoxo de que os propietarios de monte que consulten o visor de aproveitamentos forestais da Xunta para determinar a presenza dalgún xacemento arqueolóxico nas súas fincas acaben sendo sancionados por infraccións en materia de protección patrimonial ao afectar algún xacemento mal delimitado pola Xunta. Mentres non se realice a revisión da actualización dos datos dos límites xeográficos dos elementos patrimoniais do país, deberían prevalecer os que figuran nos Plans Xerais de Ordenación municipal ou no Plan Básico Autonómico.

3/05/2020

VISITA DE MARIÑA PATRIMONIO Á EXPOSICIÓN “GALICIA, UN RELATO NO MUNDO”.



O motivo fundamental da excursión realizada o pasado sábado 29 era visitar a exposición Galicia, un relato no mundo, que permanece aberta desde o pasado mes de novembro no Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura de Compostela. 
Sentímonos privilexiados e profundamente agradecidos a Manuel Gago, Comisario da exposición, que tivo a deferencia de guiarnos -malia as moitas dificultades de axenda das que somos sabedores- e amosarnos un punto de vista tan persoal ao percorrido. Unha exposición das grandes, das que deixan pegada, tanto pola súa dimensión como, sobre todo, polo seu novidoso enfoque, que permite achegarnos á nosa realidade histórica con outras perspectivas ata agora moi pouco observadas, ademais de polo seu formato innovador e atractivo. Sen dúbida, esta visión da nosa identidade como pobo abre un camiño que merece ser explorado porque enriquece e refresca a visión que tivemos ata agora da nosa historia e porque contribúe a insuflar de orgullo a nosa feble autoestima colectiva.
É unha exposición extensa, que cómpre visitar sen présa e, se é posible, facelo en varias veces . Se non o é, adicarlle o día enteiro fai falla e paga a pena. No noso caso, completamos unha primeira visita e, quen máis quen menos, manifestou a súa clara determinación de volver achegarse á capital de Galicia para completala antes do peche das súas portas, o próximo 12 de abril.
A nosa excursión, tiña unha segunda parte, na que tamén Gago nos acompañou e guiou pola periferia compostelá. Despois dun agradable xantar de grupo no tamén periférico mesón O Almacén, moi recomendable para comer carne e comprar interesantes produtos gourmet, visitamos o petróglifo do Castriño de Conxo, que permanece vixiante na marxe dereita do val do Sar, unha das xoias da arte rupestre galega, con representación de armas e outros motivos singulares, aínda que de difícil interpretación. 
Por último, e antes de emprender a viaxe de volta, na outra ribeira do val, puidemos achegarnos aos restos do Castelo de Rocha Forte, ou como o cualificou Gago, o “Sant’Angelodo Arcebispado de Santiago, pola súa función como refuxio defensivo da curia compostelá en época medieval, en tempos nos que afloraban os conflitos entre o arcebispo e a burguesía compostelá. Asi mesmo, serviu como punto de control fiscal da entrada principal a Compostela desde a costa atlántica. Foi destruído no ano 1467 tras un ataque masivo do exército irmandiño, como pode apreciarse nos numerosos proxectís de pedra que conserva no seu recinto.

 

2/18/2020

Santo Estevo do Ermo: unha xeografía mítica e sagrada


 O pasado 14 de febreiro, no Salón de Actos do Centro Social San Cosme de Barreiros, o antropólogo Rafa Quintía pronunciou perante un nutrido grupo de persoas unha interesante e moi amena conferencia sobre Santo Estevo do Ermo. Un lugar único, que paga a pena coñecer.
A conferencia “Santo Estevo do Ermo: unha xeografía mítica e sagrada”, organizada pola Asociación Cultural Irmandade Santo Estevo e Mariña Patrimonio, contou coa colaboración do Concello de Barreiros e maila Área de Cultura da Deputación de Lugo. 
 

2/16/2020

VISITA DE MARIÑA PATRIMONIO Á EXPOSICIÓN “GALICIA, UN RELATO NO MUNDO”.

Mariña Patrimonio organiza unha viaxe cultural a Santiago de Compostela para o próximo 29 de febreiro (sábado). A xornada comezará pola mañá cunha visita, na Cidade da Cultura, á exposición Galicia, un relato no mundo. Esta visita será guiada polo comisario de dita exposición, Manuel Gago, quen tamén fará de guía nas visitas que terán lugar pola tarde ao castelo da Rocha Forte e mais ao petróglifo de Conxo.

HORARIO: MAÑÁ: 9h - 14h
TARDE: 16h – 19h

PREZO: SOCIOS: BUS: 15€; XANTAR: 15€. Total: 30€
NON SOCIOS: 10€; BUS: 15€; XANTAR: 15€. Total: 40€

As persoas interesadas en participar nesta actividade teñen de prazo para anotarse até o día 20 de febreiro. Deberán facelo no correo electrónico mr.patrimonio@gmail.com, no que indicarán nome, se é socia/o ou non, teléfono de contacto e lugar de residencia. As prazas son limitadas.
O luns 24 de febreiro comunicarémoslles ás persoas anotadas os horarios do bus e mailo número de conta para efectuar o ingreso correspondente.

2/13/2020

Santo Estevo do Ermo. Unha xeografía mítica e sagrada

A Asociación Cultural Irmandade Santo Estevo de Barreiros e Mariña Patrimonio, en colaboración co Concello de Barreiros e a Área de Cultura da Deputación de Lugo, organizamos para o próximo 14 de febreiro a conferencia “Santo Estevo do Ermo. Unha xeografía mítica e sagrada”. A conferencia, que será impartida polo antropólogo Rafa Quintía, terá lugar ás 20.00h no Centro Social San Cosme de Barreiros.