8/12/2009

MariñaPatrimonio denuncia o traslado de restos arqueolóxicos do Castro da Atalaia


MariñaPatrimonio denunciou perante SEPRONA e da Dirección Xeral do Patrimonio o traslado, presuntamente ilegal, de materiais arqueolóxicos mesturados con area procedentes da destrución que Promociones San Ciprián provocou en decembro de 2007 no xacemento arqueolóxico inventariado do castro de San Cibrao. Estes materiais, que permanecían nunha finca fronte á gasolineira de Cervo, están sendo trasladados ao polígono industrial de Foz, incumprindo o que determina a lei para a remoción de terras con restos arqueolóxicos.

Trátase da acumulación duns 50 camións de restos que posteriormente foron tapados con terra doutra procedencia. ADEGA rescatou deste depósito, nunha simple inspeción superficial, dous muíños e restos de cerámica, denunciando estes feitos a 16 de xaneiro de 2008.

A pesar de que estes feitos foron denunciados hai case dous anos e que a D.X. do Patrimonio coñecía a existencia deste depósito con materiais arqueolóxicos, non se fixo ningunha intervención nel nin se procedeu á súa protección.
A Lei 8/1995 do 30 de outubro do Patrimonio Cultural de Galicia, no seu artigo 56.3 determina o control por un arqueólogo das remocións de terras que afecten ou poidan afectar un espazo onde se presuma a existencia de restos arqueolóxicos. Neste caso non se trata dunha presunción, senón que a aparición de dous muíños e de cerámica confirman a existencia de restos arqueolóxicos.
Este traslado crea un novo xacemento arqueolóxico no polígono industrial de Foz, falseando a historia e provocando, deste xeito, problemas no estudo arqueolóxico da Mariña.

MariñaPatrimonio solicita nas súas denuncias a inmediata paralización do traslado dos materiais e a paralización das obras no polígono industrial de Foz mentras non se comprobe se nos materiais acumulados procedentes de Cervo hai restos arqueolóxicos. Tamén solicita a intervención arqueolóxica nestes restos co obxecto de recuperar os materiais arqueolóxicos procedentes do xacemento inventariado do castro da Atalaia.