Este
sábado 29 de xuño o grupo de case trinta persoas madrugou un pouco
para poder aproveitar a xornada programada na Pontenova, un concello
que posúe lugares e tesouros pouco coñecidos, pero non por iso
menos interesantes. Arredor das 10 da mañá chegamos a Vilarxubín,
unha aldea do sur do concello, ubicada nunha das ladeiras do río e
da fraga das Reigadas. A súa fermosa arquitectura popular,
deteriorada mais escasamente alterada, aínda mantén unha riqueza
excepcional: hórreos de montaña e hórreos mariñáns complementan
o conxunto de casas e calellas nas que a pedra de lousa e a madeira
se combinan para dar lugar a formas singulares, conformando un
harmónico conxunto. Ademais da arquitectura, Vilarxubín alberga
outros tesouros de grande interese, que nos axudou a entender Miguel
Losada, o antropólogo que nos acompañou nesta visita, aportando un
valor engadido coas súas explicacións sobre os amuletos ou
elementos simbólicos das sociedades tradicionais, coma a galega, e
que son chamativamente abundantes nesta aldea.
Sobre as 12 o grupo desprazouse a outro dos lugares sinalados da Pontenova, o santuario de Conforto, un dos centros relixiosos máis emblemáticos na comarca pola devoción que esperta a pequena e fermosa talla da Virxe, aparecida no século XVII. Para coñecer este Santuario contamos coa guía inestimable do sacerdote Carlos Miranda, natural deste concello e párroco de Ribadeo, vinculado a este lugar de xeito moi especial desde a súa infancia. O templo ten un grande interese pola profusión de retablos e pequenos tesouros que foi acumulando ao longo da súa historia, e que se atopan expostos tanto no interior da igrexa coma no pequeno museo de arte sacra, creado a carón do cemiterio.
Pasadas
as sete do serán, satisfeitos e sorprendidos diante da grande
riqueza patrimonial destas terras, rematamos a xornada.
Dende
Mariña Patrimonio queremos expresar a nosa admiración e gratitude a
Miguel Losada e a Carlos Miranda, que nos aportaron dúas miradas
distintas pero igual de interesantes sobre o patrimonio espiritual
destas terras. Así mesmo, agradecemos a excelente atención prestada
polo Concello da Pontenova e do seu guía de turismo, Juan Carlos
Pardo.