O 25 de abril tivo lugar a interesante conferencia impartida polo
historiador Xosé María Leal Bóveda, que falou sobre o sistema defensivo
litoral no Cantábrico galego. Séculos XVII-XVIII, con especial atención
ás baterías defensivas de San Xoán e Celeiro. Esta actividade,
organizada polo Colectivo Pensamento e Sementeira e por Mariña Patrimonio e na que colaborou o Concello de Viveiro,
contou cun nutrido grupo de asistenntes, o que demostra o interese que
espertan estes bens patrimoniais.
4/22/2019
O COLECTIVO PENSAMENTO E SEMENTEIRA E A ASOCIACIÓN MARIÑA PATRIMONIO ORGANIZAN UNHA CONFERENCIA SOBRE AS BATERÍAS COSTEIRAS DE VIVEIRO.
O vindeiro 25 de abril, xoves, ás
20h.00 na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro
terá lugar a conferencia O sistema defensivo litoral no
Cantábrico galego. Séculos XVII-XVIII. O caso de Viveiro- Celeiro,
que impartirá o
historiador Xosé María Leal Bóveda. A actividade, que conta
coa colaboración do Concello de Viveiro ten como finalidade dar a
coñecer as baterías costeiras de San Xoán e de Celeiro. Estes
importantes bens culturais non gozan na actualidade de protección,
polo que a asociación Mariña Patrimonio solicitou a súa inclusión
no catálogo de bens patrimoniais en marzo de 2018. Malia o tempo
transcurrido, a citada asociación non recibiu aínda ningunha
resposta por parte de Patrimonio.
A batería de Celeiro, a mellor
conservada, podería verse afectada polo corredor da costa norte, de
levarse a cabo o proxecto de construción dunha ponte sobre a ría de
Viveiro.
Enlace fotografías estado actual
das baterías e documentación antiga:
4/17/2019
CONFERENCIA SOBRE AS BATERÍAS COSTEIRAS DE VIVEIRO A CARGO DO HISTORIADOR XOSÉ MARÍA LEAL
A actividade, organizada polo
colectivo Pensamento e Sementeira e maila a asociación Mariña
Patrimonio, terá lugar o xoves 25 de abril en Viveiro.
4/14/2019
MARIÑA PATRIMONIO CELEBRA A RETIRADA DOS 13.000 METROS CÚBICOS DE TERRA QUE SEPULTAN A ESTRUTURA CIRCULAR DE XOVE (LUGO)
Os
técnicos de Cultura, a pesar das dimensións do depósito de terra,
non apreciaran ningunha alteración neste xacemento arqueolóxico.
En 2015 Mariña Patrimonio
descubrira a estrutura circular de Lavandeira en Xove e solicitara a
súa inclusión no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos. Tras a
inspeccion do lugar, o Servizo de Patrimonio redactou unha ficha
normativizada do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da DXPC,
quedando este lugar unicamente como “referencia”.
Cando
Mariña Patrimonio descubriu este sitio arqueolóxico, a metade
da estrutura circular fora xa sepultada polo corredor costeiro entre
San Cibrao e Celeiro. Lamentablemente, o estudo arqueolóxico
elaborado para a realización deste corredor non detectara o
xacemento arqueolóxico.
Trala
comunicación destes feitos á Dirección Xeral de Patrimonio por
Mariña Patrimonio, en 2017 realízanse catas que
confirman
a existencia dun xacemento
arqueolóxico da Idade do Bronce.
Agora
a Xunta
ben de licitar por 212.000 euros as obras para retirar a terra
acumulada sobre este ben patrimonial.
A
asociación Mariña Patrimonio considera que conseguir que se
revirta esta agresión e que se restableza a estrutura arqueolóxica
ao seu estado anterior é, sen dúbida, unha moi boa noticia para o
patrimonio e un triunfo para todas as persoas que intentan defendelo.
Mais tamén ve unha certa derrota ao comprobar a reiterada
incapacidade institucional para artellar políticas eficaces de
protección do patrimonio.
O
feito de non ter detectado a estrutura circular de Lavandeira, que
era facilmente visible, tanto nas fotografías aéreas coma sobre o
terreo, proba que non se actúa todo o ben que se debería. Ademais
cómpre ter en conta que corrixir este erro vai custar 212.000€,
que saen dos petos de todos.
Mariña
Patrimonio aproveita para chamar a atención sobre a información que
aparece na ficha do inventario da estrutura circular, na que os
técnicos da Conselleria de Cultura sosteñen que a “mesta
vexetación que cobre a zona impide apreciar o grao de conservacion
desta estrutura”. Sorprende que
a pesar da vexetación puideran ver o recinto circular, que ten
“unha altura duns 80 a 90 cm” e, pola
contra, non se decataran de que a estrutura circular de Lavandeira
tiña a metade da súa superficie sepultada por un
terraplén de mais
10m de alto.
Para
Mariña Patrimonio é preocupante que os técnicos de Cultura de
Lugo non apreciaran alteracións na estrutura circular, tal como
recollen na ficha do inventario, e que non se decataran da gran
acumulación de terra (13.000 metros cúbicos, segundo datos da
Xunta), depositada sobre un xacemento arqueolóxico de tan só 50
metros de diámetro .
Ficha normativizada do Inventario do xacemento de Lavandeira
4/08/2019
A CONSELLERÍA DE CULTURA NON PROTEXE UN XACEMENTO DA IDADE DO BRONCE EN CERVO
Malia
a que en 2010 Cultura comprobou a existencia de restos arqueolóxicos
nesta zona, na actualidade segue sen adoptar as medidas necesarias
para protexer este ben patrimonial.
ADEGA
e Mariña Patrimonio informaron a comezos do pasado mes de febreiro
ao Servizo de Patrimonio de Lugo e ao Concello de Cervo sobre os
movementos de terra que se estaban a producir durante os labores de
limpeza dunha finca en Cuíña, situada a escasos metros dunha zona
onde se atopan restos arqueolóxicos. Estes movementos poderían ter
afectado o sitio arqueolóxico, no que se aprecian centos de
fragmentos de cerámica que, segundo varios arqueólogos consultados,
datarían da Idade do Bronce.
Este
importante e singular xacemento foi descuberto por Mariña Patrimonio
en 2010,
data na que xa se informara ao Servizo de Patrimonio de Lugo da súa
aparición ao tempo que se lle solicitara a súa catalogación e
protección. Trala inspección do lugar, no informe elaborado daquela
por Patrimonio dicíase “
O día 26/04/2010
os técnicos do Servizo de Patrimonio Cultural deste Departamento
Territorial realizaron unha inspección do lugar indicado e atoparon
unha concentración notable de cerámica
(...)”.
Curiosamente,
malia a que o
Servizo de Patrimonio de Lugo constatou a existencia desta
concentración notable de cerámica, non tramitou o procedemento de
inclusión do xacemento no catálogo, quedando desprotexido este ben
patrimonial.
A
comezos de 2018, o paso de maquinaria pesada por esta zona
arqueolóxica desprotexida provocou novamente o afloramento dunha
inxente cantidade de fragmentos cerámicos, polo que se contactou
nesta ocasión co Concello de Cervo para informar sobre a anómala
desprotección deste importante xacemento. Así mesmo, en diferentes
reunións mantidas en 2018 con membros da Dirección Xeral de
Patrimonio en Santiago, Mariña Patrimonio e ADEGA expresaron a súa
preocupación pola incomprensible
desprotección
deste e doutros bens patrimoniais da Mariña.
Ambas
asociacións valoran moi positivamente a receptividade do Concello de
Cervo e do seu alcalde para procurar que este depósito de cerámica
da Idade do Bronce se protexa adecuadamente. Ademais, destacan a
rapidez coa que o Concello paralizou os movementos de terra que se
estaban a realizar nas inmediacións deste depósito arqueolóxico
durante a limpeza dunha finca.
ADEGA
e Mariña Patrimonio agardan que a Dirección Xeral de Patrimonio
actúe coa mesma dilixencia, recolllendo canto antes os restos
arqueolóxicos diseminados polo lugar e que corrixa o posible
erro
do Servizo de Patrimonio de Lugo, que non catalogou este ben
patrimonial do que teñen constancia dende o 2010.
Subscrever:
Mensagens (Atom)