Logo da
reiterada reclama de Mariñapatrimonio, ADEGA e doutras 6
organizacións culturais para poder desenvolver un plan de
recuperación do forno romano de Esteiro situado no espazo protexido
das Catedrais, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural vén de
comunicar telefonicamente que autorizará de forma urxente a
intervención solicitada polas entidades solicitantes e do grupo de
profesionais destinados a tal labor no xacemento arqueolóxico. A
comunicación foi realizada un días despois de anunciar públicamente
a realización dun roteiro pola zona que trate de poñer en valor a
importancia deste xacemento e chamar a atención sobre o risco que
ten de desaparecer se non se actúa de inmediato.
As
diferentes asociacións que respaldamos o Proxecto Arqueolóxico para
o Estudo e Protección do forno romano de Esteiro queremos expresar a
nosa satisfación pola resposta da Xunta e do Servizo de Costas, ao
tempo que valoramos moi positivamente a reacción das administracións
competentes ante as demandas da sociedade civil que, consciente da
importancia que ten este patrimonio, reclama a súa protección.
Por
outro lado, o departamento autonómico competente na protección do
Patrimonio Cultural tamén nos avanzou que vai poñer en marcha
medidas eficientes de coberta e protección do sitio arqueolóxico de
Estabañón, unha vila-factoría romana que se atopa na praia da Area
de Viveiro. A situación de deterioro que está a sufrir estoutro
xacemento da Mariña tamén foi denunciada ante a Dirección Xeral
recentemente por Mariñapatrimonio, ADEGA e o colectivo “Pensamento
e Sementeira”, polo que nos congratulamos de que finalmente neste
caso a Xunta e o Servizo de Costas tamén atendan as nosas súplicas.
A esta
lista de boas novas comunicadas de xeito oficioso pola D.X. de
Patrimonio Cultural, súmase a intención do departamento de avaliar
e comprobar o estado no que se atopan todos os xacementos
arqueolóxicos costeiros da Mariña.
Para dar
conta destes feitos que cualificamos de moi positivos para o noso
patrimonio arqueolóxico e para informar sobre o roteiro do día 22
polos xacementos arqueolóxicos da costa, mañá xoves, 19 de marzo,
Mariñapatrimoino organiza unha charla informativa na Casa das Letras
de Ribadeo ás 20.30 horas, baixo o título “As Catedrais, tamén
xacemento arqueolóxico”. Nesta cita, darase cumprida información
sobre os valores patrimoniais do forno romano de Esteiro, a canle e
as vetas auríferas das Catedrais, así como da presenza de varias
minas romanas na Mariña lucense.
Así
mesmo, lembramos que o vindeiro domingo 22 de marzo oito
organizacións realizarán un roteiro por todos os xacementos
arqueolóxicos mencionados e por outros da comarca ao que xa se
apuntaron máis dun cento de persoas. Neste roteiro tamén
informaremos sobre as últimos compromisos adquiridos pola Dirección
Xeral de Patrimonio Cultural.
Sem comentários:
Enviar um comentário