12/19/2024

Resultados investigación minaría aurífera

 

No auditorio do CENIMA en Foz, ante preto do medio centenar de persoas, Francisco Canosa, xeólogo e divulgador científico centrado nas ciencias da Terra, impartiu unha conferencia para dar a coñecer os resultados da investigación realizada no ano 2023 sobre a presenza de metais preciosos en minerais de diversos xacementos primarios da comarca, asociadas á minaría antiga. Esta investigación foi promovida por Mariña Patrimonio e financiada mediante convenio coa Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Na súa exposición explicou o proceso da toma de mostras e a metodoloxía seguida para realizar as análises en laboratorio, que permitiron determinar os contidos de ouro, prata e outros elementos presentes nas mostras recollidas. Obviamente, os resultados obtidos son fiables para as mostras tomadas, que se supoñen representativas dos xacementos escollidos. Porén, sería precisa unha analítica de rocha total para unha mellor precisión nos resultados.

Os resultados indican que a presenza de ouro resulta relevante no xacemento de Coira, en Barreiros, que posúe unha elevada concentración deste elemento. Así mesmo, apréciase moi ben o sistema de explotación realizado en tempos antigos, polo que constitúe un xacemento de gran interese histórico e turístico. A presenza de prata é moi relevante no xacemento de Paraños, en Riotorto. Resulta sorprendente e, ao tempo interesante, que á vista da análise realizada na mina da Muxueira, en Riotorto, que foi explotada cun sistema propio da minaría do ouro, pareza que o que realmente se explotou foi o mineral de ferro.

Cos resultados das análises realizadas, semella aparentemente contraditorio a evidencia de que nesta zona se explotara un xacemento secundario de ouro da magnitude da mina romana da Espiñeira. A explicación posible é que puido haber xacementos primarios que aínda non foron verificados e, por outra banda, Canosa explicou que os xacementos secundarios posúen gran cantidade de ouro que, ao longo de millóns de anos de erosión constante, o río transporta e acumula en toda a súa cunca fluvial. Esta pode conter cantidades importantes de ouro moi difusamente repartido, non sendo imprescindible que houbese xacementos primarios con gran concentración.

O informe de resultados desta investigación será posto a disposición de quen desexe consultalos, para o que se informará no seu momento de onde estará aloxado.

O noso agradecemento ao seu autor, Fran Canosa, e ao concello de Foz, pola súa colaboración neste acto.