11/19/2024

VISITA A SANTIAGO


O bo tempo acompañou na excursión organizada por Mariña Patrimonio a Santiago de Compostela para o sábado 16 de novembro. A visita á capital do país, sempre oportuna e apetecida, tiña como obxectivo visitar a catedral pola mañá e achegarnos pola tarde á exposición “Unha vida vikinga”, na Cidade da Cultura. 

Especialmente satisfactoria foi a visita guiada á catedral, que incluíu o Pórtico da Gloria, marabillosamente restaurado e probablemente o maior prodixio da arte románica, así como as cubertas renovadas do templo, pasando pola tribuna e completada coa subida á torre da Carraca. Guiados por Tania, á que agradecemos a súa simpatía e a facilidade para comunicar, puidemos gozar dunha perspectiva diferente do complexo catedralicio e da propia cidade, o que nos permitiu entender a transcendencia e a atracción que este lugar exerce en todo o mundo.Unha visita que un quixera prolongar indefinidamente polo placer visual e espiritual que proporciona. A visita á catedral completouse, para quen así o quixo, coa posibilidade de visitar o museo, se ben o tempo dispoñible era reducido.

Logo do xantar en Casa Manolo, o grupo trasladouse ao Gaiás para a visita da tarde. A exposición “Unha vida vikinga” reúne unha importante e ben escollida selección de pezas relacionadas co fenómeno e a civilización vikinga e a súa expansión e influencia entre América do norte, Europa do leste e Rusia e a contorna do Mediterráneo, centrando a súa presenza en todo o norte de Europa. Esta exposición permite facernos una idea de como sería a vida dos homes e mulleres nas distintas etapas vitais e sobre a súa presenza nos diferentes lugares aos que chegaban as “vikingadas”, entre os que estaba incluído o territorio galego, do que tamén hai pezas expostas.
Con esta viaxe complétase a programación de excursións do ano 2024 de Mariña Patrimonio, se ben quedan aínda algunhas actividades divulgativas que se anunciarán proximamente.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/pb1rSiyXQ5Ux8EBV9b

11/04/2024

Xornada cultural en Santiago: visita ao Pórtico da Gloria, ás cubertas da Catedral e á exposición Unha vida vikinga

Mariña Patrimonio organiza para o sábado 16 de novembro unha visita guiada ao Pórtico da Gloria e ás cubertas da Catedral de Santiago (11:15 h) e á exposición Unha vida vikinga no Gaiás (17:00 h).

Estamos a buscar un restaurante para poder xantar xuntos a un prezo axeitado. De non atopar o lugar adecuado, deixaremos tempo suficiente para que cada persoa xante pola súa conta e quedaremos ás 16:30 h para desprazarnos ao Gaiás en autobús.

O autobús sairá de Burela ás 8:00 h e irá directamente a Santiago, sen paradas intermedias. O prezo, que inclúe o autobús, as entradas e as actividades, é de 30 € para socios/as e 40 € para o resto de asistentes. A comida, por agora, non está incluída.

As prazas son limitadas, e o prazo para anotarse remata o 11 de novembro. Unha vez inscritos, indicaremos a forma de pagamento na conta da asociación.


10/23/2024

Visita ao patrimonio da vila de Sarria

Coincidindo coa feira de cada día 20, Mariña Patrimonio realizou una visita ao patrimonio da vila de Sarria, guiados polo profesor, avogado e historiador local Xaime López Arias “Arlindo”. O grupo, composto por 30 participantes, iniciou a ruta urbana na 

Ponte Ribeira, onde o Camiño de Santiago cruza o río Sarria e onde nace Vilanova de Sarria, fundada polo rei Afonso IX como vila real.

Logo dun paseo pola veiga do río Sarria, na que se sitúan actualmente boa parte dos equipamentos educativos e deportivos, así coma un fermoso muíño que merecería dunha restauración acorde coa súa importancia, iniciouse unha ruta pola vila histórica, de escasa extensión pero con gran densidade de edificios de alto valor patrimonial, seguindo o Camiño de Santiago pola escalinata e a Rúa Maior, a sede da Sociedade Cultural “La Unión”, a igrexa neorrománica de Santa Mariña e o vello casino, entre outros edificios de interese.

Logo dunha breve parada na casa Baamonde, sede do Concello, na que o grupo foi recibido polo Alcalde, continuamos o percorrido pola Rúa Maior cara á parte alta da vila onde se sitúa a Fortaleza de Sarria, restos do importante castelo derrubado polos Irmandiños, reconstruído e finalmente derrubado case na súa totalidade no século XIX. 

Nas inmediacións puidemos visitar a Igrexa de San Salvador, templo a cabalo do románico e o gótico, así coma a antiga Prisión Preventiva, hoxe oficina de turismo e espazo cultural e de exposicións.

 Logo de degustar o polbo na concurrida feira, o grupo rematou a visita no Mosteiro da Magdalena. Aínda que non puidemos visitar o seu interior por estar en obras, o noso guía ofreceunos unha ampla información sobre a súa historia, os seus usos actuais como colexio e como albergue, ademais de apreciar a diversidade de estilos arquitectónicos, románico, gótico e barroco das distintas partes que compoñen o edificio.
Agradecemos ao noso guía, Arlindo, a súa xenerosidade por adicarnos a xornada; así mesmo queremos destacar o seu enorme coñecemento da historia de Sarria e comarca, así como as súas amenas explicacións, tanto da evolución histórica de Sarria como da súa importancia actual como punto relevante dentro do Camiño Francés. Agradecemento tamén ao Concello de Sarria por facilitarnos algunhas das visitas que realizamos ao longo da xornada.

Fotos:https://photos.app.goo.gl/MU6Z3fchb2jcJLLZ7

10/05/2024

Visita ao Patrimonio de Sarria

Mariña Patrimonio está a organizar unha visita ao patrimonio de Sarria para o domingo 20 de outubro, aproveitando que é día de feira. Pola mañá, visitaremos diversos lugares dentro da propia vila de Sarria, acompañados por Xaime Félix López Arias, "Arlindo", gran coñecedor da súa historia. A visita da mañá rematará no campo da feira, onde teremos reservado un lugar para xantar. Neste caso especial, cada quen encargarase de pedir o que desexe para xantar así como de pagar directamente aos do mesón.

Pola tarde, veremos o mosteiro da Magdalena antes de regresar.

Temos pensado que o bus sairá da Cruz do Lobo ás 8h e que recollerá participantes en Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro, desde onde iremos ata Sarria. O prezo, que incluirá bus e actividade, será de 15€ para socios/as e de 25€ para o resto de asistentes.

Tendo en conta que as prazas do bus son limitadas, o prazo para anotarse remata o día 15, cando avisaremos para facer o ingreso correspondente na conta da asociación. Para apuntarse, cómpre enviar un correo electrónico a mr.patrimonio@gmail.com, indicando o número e nomes das persoas participantes, a súa procedencia, número de teléfono de contacto, se teñen interese en facer uso do bus e se van participar no xantar.


8/03/2024

Pardo de Cela e o Pazo da Rigueira de Ferrol (Xove)

No salón de actos do Centro Cívico de Xove celebrouse onte (2/08/2024), cunha boa afluencia de público, a conferencia de Antón Meilán titulada Pardo de Cela e o Pazo da Rigueira de Ferrol (Xove), organizada por Mariña Patrimonio coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo. 

O ponente, apaixoado estudoso deste persoeiro histórico fundamental da historia mariñá e galega, debuxou un retrato moi completo do mito e da persoa do Mariscal, permitindo obter una imaxe moi atinada do que debeu ser a realidade da nosa comarca da segunda metade do século XV, no contexto da creación do primeiro estado moderno europeo por parte dos Reis Católicos, que veu supoñer o debilitamento dos poderes feudais medievais que moi ben representaba o Mariscal Pardo de Cela. 

 O seu relato aportou una visión ampla do contexto que conduciu á degolación do Mariscal e do su fillo en Mondoñedo, permitindo obter as claves para comprender as verdadeiras causas destes feitos, que tiveron que ver co desafío que o Mariscal mantivo cos Reis Católicos e sobre todo co conflito de intereses co Bispado de Mondoñedo quen, quizais podendo evitala, deixou que a execución se consumase e tivera un enorme impacto social xa no seu tempo, elevando ao home á categoría de mito que permaneceu e medrou no imaxinario colectivo e na literatura posterior.

Meilán repasou tamén a presenza xeográfica do Mariscal e da súa familia mesmo despois da súa morte, e que os vincula a Burela, a Viveiro, Galdo e, por suposto, ao Pazo da Rigueira de Ferrol en Xove, adquirido polo Mariscal cando o seu conflito cos Reis o desvincula de Viveiro e necesita manterse cerca do patrimonio que conserva nesa zona occidental da comarca.  Sobre este pazo, actualmente moi deteriorado e trasformado, fixo una descrición dos seus escasos restos, centrándose na capela que contén un pequeno pero interesante retablo do século XVIII, sinalando a necesidade de conservalo pola súa relevancia artística e histórica. 

Agradecemento de Mariña Patrimonio ao Concello de Xove, á súa atenta colaboración para facer posible este acto e, especialmente, ao profesor Meilán pola súa sabedoría e paixón que permitiu coñecer una perspectiva moi ampla deste controvertido persoeiro da nosa historia.

VER VIDEO: https://youtu.be/lufEnPQ6aaA

7/23/2024

ADEGA E MARIÑA PATRIMONIO DENUNCIAN O USO DA MÁMOA DE GUÍTARA EN PANTÓN COMO RAMPLA DE SALTOS NUNHA COMPETICIÓN DE MOTOS

 A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Mariña Patrimonio veñen de presentar perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural unha denuncia pola utilización da "Mámoa de Guítara 1" como rampla de saltos en probas motociclistas de “enduro”. O xacemento arqueolóxico denominado "Mámoa de Guítara 1" (GA27041044), catalogado e protexido pola DXPC desde o ano 1990, sitúase no Monte de Sampaio, en Guítara, no concello de Pantón, provincia de Lugo, na parcela con número de referencia catastral 27041A07600392.
Nas últimas actualizacións de varios visores de ortofotografías, móstranse imaxes aéreas onde se aprecia claramente que na parcela citada existe o trazado dun circuíto para motos. Nestas imaxes vese que o trazado do circuíto pasa por riba do túmulo catalogado e protexido pola Dirección Xeral do Patrimonio. Segundo as noticias de prensa, as probas motociclistas de "enduro" do Alto de Guítara, nas que chegaron a participar 250 motos, veñen celebrándose dende o ano 2022, e a última edición tivo lugar en marzo de 2024.
Estas competicións poden verse en varios vídeos en YouTube que deixan claro que este monumento megalítico é utilizado como rampla para os saltos das motos. É importante ter en conta que esta estrutura funeraria da Mámoa de Guítara, construída no Neolítico, pode ter unha antigüidade duns 5.000 anos.
As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio denunciaron estes feitos por considerar que as carreiras de motos sobre este ben patrimonial protexido probablemente non conten coa preceptiva autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Así mesmo, solicitan que se tomen de inmediato todas as medidas necesarias para evitar que no futuro estas probas afecten o xacemento arqueolóxico ou a súa contorna de protección. Ademais, tendo en conta que no Monte de Sampaio, en Guítara, hai outras 9 mámoas catalogadas, pídese que se inste á organización do evento a cambiar a localización destas competicións.

7/11/2024

O Bispo de Mondoñedo-Ferrol Visita a Fraga de Santo Estevo do Ermo

 

O martes 9 de xullo, o Bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol , monseñor Fernando García Cadiñanos, visitou a fraga de Santo Estevo do Ermo, acompañado por membros da Fundación Eira da Xoana (ADEGA), Mariña Patrimonio e a Irmandade Santo Estevo.

Durante o percorrido pola fraga de Santo Estevo, mostráronlle ao bispo a finca recentemente adquirida por estas asociacións grazas á colaboración económica cidadá. Esta parcela alberga os restos da antiga igrexa e o cemiterio de Santo Estevo, así como as cabanas das ermitañas que antigamente atendían este lugar de culto. Na visita tamén estiveron veciños, os párrocos e membros da corporación municipal de Barreiros.

O bispo Fernando García Cadiñanos puido coñecer de primeira man o valor histórico, cultural e natural deste espazo, así como os plans de preservación e recuperación que están en marcha para asegurar a súa protección e posta en valor.

As asociacións promotoras destacaron a importancia desta adquisición non só para a conservación do patrimonio cultural e natural, senón tamén para a revitalización da historia local, a través de futuros estudos e investigacións arqueolóxicas.

Este encontro enmárcase no compromiso das asociacións de manter informados os distintos sectores da sociedade sobre os seus proxectos e iniciativas. As asociacións queren expresar o seu agradecemento ao señor bispo por aceptar a invitación para visitar a fraga de Santo Estevo do Ermo e polo apoio expresado a este proxecto.

FOTOS:
https://photos.app.goo.gl/mw6LmzBoaNNKwG8L6

6/30/2024

ACADADOS OS 6000€ NECESARIOS PARA A COMPRA DA PARCELA DE SANTO ESTEVO GRAZAS Á XENEROSIDADE CIDADÁ

 

A Fundación Eira da Xoana (ADEGA), Mariña Patrimonio e a Irmandade Santo Estevo anuncian con satisfacción que dan por rematada a campaña de doazóns tras reunir os 6000 euros necesarios, grazas á xenerosidade e colaboración cidadá, para a compra da parcela de Santo Estevo. A adquisición desta parcela permitirá preservar e recuperar un espazo de grande valor natural e arqueolóxico.

As tres entidades expresan o seu máis sincero agradecemento a todas as persoas que fixeron as súas doazóns e apoiaron esta causa. A súa colaboración fai posible que este proxecto de preservación e rexeneración da fraga de Santo Estevo se convirta en realidade. Grazas ao apoio recibido será posible traballar para devolver este eucaliptal ao seu estado orixinal de fraga autóctona.

Ademais, esta compra permitirá abrir novas oportunidades para o estudo e a investigación histórica. A parcela alberga un importante xacemento medieval, que inclúe os restos da antiga igrexa de Santo Estevo. Coa adquisición desta terra, poderanse levar a cabo investigacións arqueolóxicas que permitirán coñecer máis en profundidade a nosa historia, enriquecendo así o patrimonio histórico e cultural de Barreiros, da Mariña Lucense e de Galicia.

As entidades tamén queren facer unha mención especial e expresar o seu agradecemento aos medios de comunicación que difundiron a campaña de recadación. O seu apoio foi fundamental para chegar a un público máis amplo e conseguir os fondos necesarios para a adquisición do terreo.

5/30/2024

A Fundación Eira da Xoana (ADEGA), Mariña Patrimonio e a Irmandade Santo Estevo lanzan campaña para adquirir e preservar a parcela histórica de Santo Estevo do Ermo en Barreiros.

 

A Fundación Eira da Xoana (da asociación ecoloxista ADEGA), Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo, pretenden adquirir, recuperar, estudar e protexer unha parcela situada ao carón da Fraga de Santo Estevo do Ermo. Nesta parcela atópanse os restos da antiga igrexa de Santo Estevo, o seu antigo cemiterio e as ruínas das cabanas das eremitas que habitaron esta máxica fraga. Para poder adquirir esta parcela, actualmente plantada de eucaliptos, requírese da colaboración e axuda económica da comunidade.

Santo Estevo do Ermo é unha pequena fraga situada no medio do extenso eucaliptal no que se converteu a Mariña Lucense. Esta fraga, localizada no concello de Barreiros, está moi ben conservada, grazas ao esforzo e traballo dun grupo de veciños asociados na Irmandade Santo Estevo. Santo Estevo é un oasis de especies autóctonas cunha rica biodiversidade tanto de fauna como de flora, incluíndo fentos pouco comúns, ameazados e vulnerables.

O lugar está atravesado por un río que forma unha fermosa fervenza ou “revertedoiro”. Neste sitio, tamén coñecido como Augas Santas, hai dúas fontes milagreiras: a de Santa Rosa e a do Ferro, ás que desde tempos inmemoriais acoden centos de persoas para curar diversos males. Neste máxico lugar, atópase tamén unha rocha coas pegadas do cabalo do apóstolo Santiago e mais unha capela “nova”, arredor da cal se celebran importantes romarías.

A parcela que se pretende mercar actualmente é un eucaliptal, pero neste sitio, baixo un impresionante abrigo rochoso, consérvanse os restos da antiga igrexa de Santo Estevo do Ermo, posiblemente de cronoloxía moi antiga e que puido cristianizar un lugar previamente sagrado. Segundo a documentación conservada, nesta parcela erguíanse as cabanas onde vivían as eremitas e un antigo cemiterio de orixe medieval. Nun extremo da parcela tamén se atopa un “cuncheiro” onde, ademais de cunchas, apareceron ósos e cerámica medieval.

O obxectivo das citadas asociacións é mercar o terreo, eliminar os eucaliptos, recuperar a fraga, realizar estudos arqueolóxicos e valorar a posibilidade de levar a cabo unha escavación. Para adquirir a finca, comezar os traballos de recuperación e realizar unha primeira prospección arqueolóxica, necesitaríanse 6000 euros. A compra realizaríase a nome da Fundación Eira da Xoana, que está constituída como fundación e recoñecida como de interese galego.

As doazóns á Fundación Eira da Xoana teñen dereito a dedución na cota do IRPF (para cantidades que non superen os 250 euros, a dedución é do 80% para persoas físicas e do 40% para empresas; isto é, se a achega é de 100 euros, recupéranse 80 ao facer a declaración da renda). Para beneficiarse desta dedución, ao realizar a doazón é necesario indicar o nome do doante e no concepto poñer “DOAZÓN”. Posteriormente, débese enviar o xustificante e mais os datos fiscais (nome e apelidos, número do documento de identidade e localidade do domicilio) á Fundación, na dirección de correo electrónico: fundacion@eiradaxoana.gal. A conta da Fundación Eira é ES11 2080 5034 6130 4000 7939.

Para máis información, podes contactar connosco no teléfono 659 683 384 (Eira da Xoana)

Grazas por colaborar.

 

5/28/2024

ADEGA e Mariña Patrimonio alertan da posible desaparición da Medorra da Seara do Campelín en Navia de Suarna


ADEGA e Mariña Patrimonio alertan da posible desaparición da Medorra da Seara do Campelín e demandan a apertura de expediente sancionador, no caso de que se comproben os feitos. A Medorra da Seara do Campelín, situada na parroquia de Cabanela, en Navia de Suarna, é unha mámoa catalogada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural dende o ano 1992.

Nas últimas actualizacións dos visores de ortofotografías podemos ver imaxes de satélite e aéreas captadas no ano 2023, onde se aprecia claramente a existencia de movementos de terras nunha pequena área que coincide xusto co lugar onde a Dirección Xeral ten catalogado a Medorra da Seara do Campelín.

Neste lugar, recentemente corroboramos que se realizaron movementos de terras e que na actualidade, no canto da Medorra da Seara do Campelín, hai un buraco de aproximadamente 15 por 7 metros e uns 40 cm de fondo, que chega ata o sustrato rochoso.

Debido a que estes movementos de terras puideron ocasionar a desaparición total ou parcial da Medorra da Seara do Campelín, ADEGA e Mariña Patrimonio temos solicitado ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que se realice unha investigación para comprobar estes feitos e, no caso de que se verifique a desaparición do xacemento arqueolóxico, solicitamos a apertura do correspondente expediente sancionador.

Ligazón a fotografías: https://photos.app.goo.gl/ivjy6uyP1JRTKtbp9