6/27/2009

Interesante actividade de Lugo Patrimonio na Mariña

Para quen poida estar interesado/a en participar, facémonos eco da actividade que Lugo Patrimonio promove na costa de Ribadeo. Transcribimos aquí, co seu permiso o texto que anuncia na súa web esta iniciativa:

O día 4 de xullo faremos outra viaxe que nos introducirá na visión real do que está a pasar coa nosa Costa, os proxectos que a destrúen, e a riqueza que posúe e que seguramente descoñecemos. Da man da arquitecta Carlota Eiros, faremos percorridos en lancha, autobús e a pé, para visitar os seguintes lugares:

Ría de Ribadeo (en lancha, con inicio ás 10,30 h.).
Castro das Grovas.
Paseo polo núcleo de Rinlo.
Xantar (arroz caldoso con lumbrigante, como é de rigor).
Paseo deica as cetarias de Rinlo.
Castro de Meirengos.
Praia das Catedrais e arredores.
Casa-museo do pintor Celso Dourado, co seu fermoso xardín zen.
Percorrido final pola Costa (estragos urbanísticos e paseos).


Despois desta fermosa viaxe faremos as conclusións de rigor.


Notas
Saída de lugo, o 4 de xullo, sábado, ás 8,30 h. do lugar de sempre.
Regresaremos á nosa cidade arredor das 22 h.
Prazas limitadas a 35 coas condicións habituais.
Anotacións: día 29 de xuño, luns, na galería Sargadelos de Lugo, entre 18 e 20 h.


Lugo, xuño do 2009 A Xunta Directiva.


Engadimos enlace á web de MariñaPatrimonio:
http://www.lugopatrimonio.org/web/index.php?option=com_content&view=article&id=250:viaxearinlo&catid=1:latest-news&Itemid=18

3ª xornada de literatura oral, magnífica


Nun espazo acolledor é arrodeados de estímulos lúdicos -a Libraría Bahía- desenvolveuse onte en Foz o terceiro dos encontros en torno á literatura oral, coa presenza inestimable de Antonio Reigosa, que moi preocupado por non fartar ao público, deixounos un exquisito sabor de boca coa súa intervención informal e mesmo humorística, pero tremendamente rica e rigorosa. Uns bocados de memoria mítica, máxica e fresca, sabiamente adobados coa empatía necesaria para engaiolar á audiencia.

Pica aquí para ver imaxes:
http://picasaweb.google.es/lh/sredir?uname=mr.patrimonio&target=ALBUM&id=5351792993819735137&authkey=Gv1sRgCI6wnuf5mbqWcg&feat=email

6/23/2009

Este venres en Foz


Conferencia
Mitos e monstros da Mariña
a cargo do escritor
Antonio Reigosa*

Libraría Bahia de FOZ
VENRES día 26 de xuño, ás 20 horas

* AUTOBIOGRAFÍA
Nacín en Zoñán, Mondoñedo, o 15 de agosto de 1958. Alí, sendo neno, tratei cos mouros do castro veciño, aprendín a coñecer os encantos que sementaban a néboa no curuto da Pena da Roca e, anque nunca o conseguín, intentei moitas veces botar a rolos polo mundo abaixo unha grande rocha que se mantén en extraño equilibrio chamada Pena Morcán. Destas e doutras experiencias da miña infancia venme, creo eu, a miña querencia pola fantasía popular. Traballo no Departamento de Didáctica do Museo Provincial de Lugo desde 1982. Son escritor, conferenciante, investigador da mitoloxía e da literatura oral galega, colaboro con traballos de divulgación relacionados coa historia, a arte, a etnografía, a mitoloxía popular e a literatura oral en diversos medios de comunicación e revistas especializadas. Son cofundador de "Chaira", Grupo de Investigación Etnográfica (Lugo 1992), do que tamén forman parte Ofelia Carnero, Mercedes Salvador e Xoán R. Cuba, xuntos levamos adiante varias campañas de recollida en distintos concellos da provincia de Lugo. Ponente en numerosas xornadas e congresos, participo en campañas de promoción da lectura nos centros de ensino, bibliotecas e asociacións culturais. Creador e coordinador de contidos da Enciclopedia Virtual da Fantasía popular de Galicia denominada Galicia Encantada. Coordinador da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo desde 2004. Das obras que se relacionan no apartado correspondente, unha boa parte escribinas en colaboración con Xoán Ramiro Cuba e con Xosé Miranda. Recibín, entre outros, os seguintes premios: Certame Nacional de Artes e Tradicións populares do Ministerio de Cultura (1987), o Facho (1989), o Premio Merlín, (1998 ), Premio Supernova (1999), Premio Raíña Lupa,(2000), Lucense do Ano (2002), Premio Frei Martín Sarmiento (2005); e fun finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil o ano 1999 con "Memorias dun raposo", e do Premio Pura e Dora Vázquez de Creación Literaria o ano 2004 con "Pesadelos".

6/20/2009

Contos, mitos e lendas na Casa das Letras de Ribadeo

Na Casa das Letras de Ribadeo no ciclo arredor da Literatura Oral, o escritor e estudioso da narrativa popular, Xosé Miranda, ilustrounos cun didáctico relatorio no que, baixo o título “Guía da narrativa oral”, foi debullando as diferenzas nos xéneros da literatura de tradición oral: o conto, a lenda e o mito. Explicou a tendencia dos folcloristas a mesturar as lendas cos mitos e as dificultades para diferencialas.
Ao longo dunha amena exposición, salferida de exemplos ilustrativos recollidos da rica tradición oral, o autor amosou a relación da nosa literatura coa doutras culturas; a evolución dos mitos nas “Lendas urbanas” e nos actuais” Mitos científicos”; tamén reivindicou o recoñecemento da existencia dunha mitoloxía galega e, trala participación do público con interesantes preguntas e achegas, Xosé Miranda animou á conservación do enorme Patrimonio Inmaterial que temos na Mariña e do que hai moi pouco recollido.

6/15/2009

2ª xornada de literatura oral

Mariñapatrimonio
convídao
á segunda das actividades do ciclo
O PATRIMONIO INMATERIAL : A LITERATURA ORAL
*
A conferencia
Guía da narrativa oral
estará a cargo do escritor
Xosé Miranda Ruiz*
e desenvolverase na
Casa das Letras
Librería e centro de actividades culturais en
RIBADEO
O VENRES día 19 de xuño, ás 20 horas

* Naceu en Lugo, moi preto da muralla, nun chalé que xa non existe, nos últimos días de 1955. Medrou nun barrio a medias obreiro, con moitos espacios aínda sen edificar, e grandes prados, hortas e chousas. Xogou moito ó aire libre cos seus amigos e leu algúns libros e tebeos. Licenciouse en Bioloxía na Universidade de Compostela, en 1978. É profesor de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Xoán Montes da súa cidade natal. Desde neno escribiu versos. As cidades mergulladas. Poesía reunida (1973-2002). En 1988 comezou a escribir prosa, relatos e novelas para adultos. Tén dous fillos. Para eles escribiu algúns libros do que se deu en chamar literatura infantil e xuvenil. No 2002, con 44 anos, atreveuse a publicar libros para nenos, como Lúa e os nubeiros, Feitizo, Aventuras do coello Federico, Ariadna e Pel de lobo. É especialista en literatura de tradición oral. Xunto a Antonio Reigosa e Xoán R. Cuba publicou moitos libros de contos populares galegos, dirixidos a un público infantil, reunidos na colección 'Cabalo buligán', da que é codirector, así como o Diccionario dos seres míticos galegos, a Pequena mitoloxía de Galicia, os Contos colorados, narracións eróticas da tradición oral e o recente Cando os animais falaban.

6/13/2009

Para lembrar



Mini e Mero, Mero e Mini, dous homes igual de complementarios que a palabra e a música que eles saben xuntar de xeito tan maravilloso. A sensación que tivemos os que estivemos onte no Conservatorio de Viveiro foi a de asistir a un momento especial, deses que se lembran para sempre, realizando un repaso polas diferentes formas nas que se manifesta a simbiose entre a poesía e a música, o xeito máis natural e eficaz de transmitir a cultura que tivo a sociedade ao longo da historia.

Para ver imaxes do evento pincha aqui:

Mondoñedo en “pe de guerra” fronte ás centrais hidroeléctricas



A Plataforma Furapresas organiza diversos actos para reivindicar a conservación dos valores naturais, turísticos e culturais

Con motivo dos proxectos de centrais hidroeléctricas previstos nos ríos de Mondoñedo, o próximo fin de semana terán lugar diversos actos reivindicativos de cara a visualizar a oposición da sociedade a este tipo de actuacións que lesionan gravemente o medio ambiente, en espazos cualificados como Rede Natura (Europa e España) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (Galicia).

O sábado 13 temos previsto unha proxección fotográfica na Praza do Concello ás 23:00 h., na mesma poderemos contemplar a beleza dos espazos naturais que albergan os ríos Tronceda e Figueiras, centrándonos nas áreas afectadas pola construcción das centrais hidroeléctricas.

O domingo 14 xuño imos realizar varios actos na defensa dos ríos Tronceda e Figueiras, e polo tanto tamén da Área Recreativa da Fervenza:

En primeiro lugar, as 12:30 h. iniciarase unha marcha reivindicativa que sairá do barrio dos Muiños e rematará na Área Recreativa de A Fervenza, e que terá o seguinte itinerario: Muiños - Praza da Catedral – Concello - San Lazaro - Coto da Redaeira - A Fervenza. Durante a marcha, contaremos co acompañamento de música a cargo dos participantes, e nas diversas escalas do percorrido farase lectura de manifestos alusivos á defensa dos ríos, e á conservación da Fervenza como espazo de lecer.
Remataremos a marcha cun xantar popular na Área Recreativa da Fervenza ás 14:30 h., ao que se pode asistir levando o propia xantar ou anotándose á lista do xantar organizado pola plataforma Furapresas (617353140 – 696452308), entre todos faremos unha boa festa.

Marcha reivindicativa: domingo 14 ás 12:30 h, dende Os Muiños (Mondoñedo).
Xantar popular: domingo 14 ás 14:30 h, na Área Recreativa da Fervenza.


http://www.furapresas.blogspot.com/

6/12/2009

Destrución do anel lítico da Mourela

Publicamos o seguinte documento emitido hai uns días pola Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes, con motivo dos dous anos da destrución do anel lítico da mourela e o inicio da construción das gabias da autovía Ferrol-Vilalba, a día de hoxe fonte contaminante dos principais ríos do territorio.
Pincha aquí:
http://d.scribd.com/ScribdViewer.swf?document_id=16369136&access_key=key-2f1wqlln2gr23759qet1&page=1&version=1&viewMode

6/09/2009

1ª Xornada de literatura oral



O PATRIMONIO INMATERIAL: A LITERATURA ORAL

A literatura oral na canción galega
contará coa participación dos músicos
Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias ( Mini e Mero )
e desenvolveráse no
Conservatorio Profesional de Música de Viveiro
( Travesía da Mariña )
O VENRES día 12 de xuño, ás 20 horas


Mini e Mero é un dúo de cantautores chairegos, formado por Xosé Luís Rivas Cruz (Mini, nado en Begonte o 18 de xuño de 1951) e Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero, Vilalba, 27 de xuño de 1951), músicos, poetas, mestres e investigadores do folklore e a cultura tradicionais galegos, membros históricos de Fuxan os Ventos e actuais compoñentes de A Quenlla.
Ademais da súa produción discográfica cos devanditos grupos, teñen participado por separado ou conxuntamente noutros discos de música galega, como o Quiquiriqui producido no ano 2006 pola Asociación de Gaiteiros Galegos e en obras teatrais como Pan, catro propostas arredor da malla (creación e adaptación musical súa) e publicado diversos libros.
É salientable o seu labor de recompilación de contos, lendas, refráns, ditos ou poemas, principalmente na súa Terra Chá natal e nas zonas onde exercen o seu traballo de mestres: Mesía (Mero) e Boimorto (Mini).
O arquivo sonoro froito deste labor, e composto por milleiros de cintas magnetofónicas, foi cedido ao Museo do Pobo Galego para a súa dixitalización e incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, que ha estar dispoñible no web do museo.
No campo educativo son autores de diveros libros de texto de ciencias sociais, naturais e lingua galega para o ensino infantil e primario.
En abril de 2009 foilles concedido por unanimidade o Pedrón de Ouro como recoñecemento á súa traxectoria de corenta anos de investigación musical, galardón que recibiron o 24 de maio de 2009.

6/05/2009

Presentación do ciclo de literatura oral


































































MariñaPatrimonio presenta hoxe en Viveiro o ciclo adicado ao patrimonio inmaterial da literatura oral que se vai desenvolver nos venres do mes de xuño e xullo. Esta vez a actividade vai rotar pola comarca desde Viveiro a Ribadeo, Foz e O Valadouro-Alfoz. Convidamos desde aquí a toda a cidadanía da Mariña e doutros lugares a participar nestas actividades que van resultar, con toda seguridade, de grande interese.