4/02/2010

Cazando elefantes en San Cibrao


Publicamos esta interesante reportaxe feita polo xornal EL PAÍS sobre os útiles do paleolítico do río Covo.

EL PAÍS

SILVIA R. PONTEVEDRA - Santiago - 28/03/2010
Cecilia paseaba hai uns días pola beira do río Covo cando descubriu entre os coios redondos unha pedra grande e afiada que se parecía aos útiles primitivos de sílex que vira nalgunha ocasión. A muller, veciña dunha urbanización que se chama como o río, en San Cibrao (Cervo), non o dubidou demasiado. Avisou axiña a un membro de MariñaPatrimonio, unha agrupación cultural que naceu para defender o castro da Atalaia, precisamente na desembocadura do Covo, dunha tropelía urbanística con licenza municipal. O colectivo localizou entón entre os pelouros outras sete pezas de similares características e informou á Xunta, que o luns pasado mandou ao lugar a un arqueólogo. Era certo. Aquelas pedras foran talladas por unha man humana, ou máis ben homínida, e non eran oito, senón 12. Unha ducia de utensilios pesados, pouco manexables pero tan prácticos para os seus donos como unha navalla suíza con motoserra, que poderían ter unha antigüidade de entre 300.000 e 100.000 anos.

As dúbidas, a partir de agora, iranse despexando no museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, onde o xoves quedaron depositados estes apeiros primitivos para a súa custodia e investigación. "Temos 12 pedras e unha chea de incógnitas", recoñece o director do museo, Eduardo Ramil. Os utensilios, raedeiras, fendedores e bifaces, atopáronse nunha das chamadas terrazas fluviais de Cervo, terreos chairos abundantes en cantos rodados e terra moi fértil grazas aos sedimentos dos ríos que ao longo de miles de anos modificaron as súas canles polo val deixando ao aire campos de cultivo.

"Os veciños, para poder traballalas, foron apartando para as beiras os cantos", explica Manuel Miranda, integrante de MariñaPatrimonio. Nunha desas moreas apareceron os útiles paleolíticos. Pero agora, segundo Ramil, haberá que tentar saber se sempre estiveron aí (porque nese lugar tan cheo de pedras atopaban a materia prima para as súas armas e alí mesmo tallábanas) ou se chegaron arrastrados pola corrente, nun período da historia no que se produciron cambios radicais na paisaxe.

O que parece que está claro é que o ser que tallou esas pedras era o Homo heidelbergensis, probable sucesor do Homo antecesor e tataratataravó do neandertal. Un homínido de face aínda moi simiesca, pero alto (1,75-1,80 metros de estatura) e robusto (uns 100 quilos, os machos adultos). Cun cerebro de capacidade semellante ao do home actual, dentes pequenos, nariz chato con grandes orificios e nada de queixelo. E intelixencia e pericia suficiente para acender un lume, para comunicarse coa voz, para sentir vínculos familiares, apiadarse do próximo e inventar formas de facer música recorrendo a instrumentos como as estalactitas. Non vivían máis aló de 40 anos, e a esta idade chegaban, xa desdentados, grazas á solidariedade dos mozos, que logo lles daban, á súa maneira, sepultura.

En Atapuerca apareceron máis ósos de heidelbergensis que en ningún outro lugar do mundo. Con todo, o primeiro dos restos deste homínido, unha mandíbula inferior, descubriuno un traballador dunha mina de Mauer, en Heidelberg (Alemaña), en 1908.

Ramil explica que se dedicaban "a colleitar, a cazar e a alimentarse da carroña". Movíanse fuxindo do frío, e buscando manadas de animais, auga e pedras coas que fabricar os seus utensilios, aínda que tamén chegaron a tallar madeira e óso. Se tiñan o que necesitaban, non cambiaban o lugar no que estaban asentados, e moitas veces recorrían á "caza de descoido". Vían un animal grande e enfermo e seguíano ata que morría. Entón abríano e esnaquizaban cos seus bifaces, unhas pedras grandes, afiadas polas dúas caras, de forma simétrica, que tiñan que agarrar coas dúas mans. "O peso da pedra axudaba a cortar tanto como a punta", e a ferramenta multiusos valía o mesmo para cortar a carne que para partir un tronco de carballo, que xa os había entón en Galicia. Con todo, entre as árbores, ademais de osos e cervos grandes movíanse os rinocerontes e os elefantes. Coas súas pedras talladas aqueles homes primitivos "sacaban os ósos" xigantes e comían a medula", o mellor dos manxares.

Sem comentários: