6/02/2011

Moutillós, enclave normando

Manuel Miranda, a carón da área que consideran foi
unha fortificación normanda. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Recollemos aquí o interesante artigo sobre o posible asentamento normando do Vicedo da xornalista Cristina L. Felipe publicado hoxe no xornal El Progreso.


02/06/2011 - Cristina L. Felipe / El Progreso (O Vicedo)

De poucos se sabe porque non están á vista, xa non existen ou se modificaron tanto que non se recoñecen, pero o litoral mariñán conta cun importante número de restos arqueolóxicos de asentamentos que non só se reducen ós castros. As invasións normandas deixaron a súa pegada na comarca en forma de fortificacións que falan dun pasado que, hoxe, mentes inquedas se afanan por estudar e sacar á luz. Unha destas localizacións é Moutillós, ó pé da praia vicedense de San Román.

A historia deste achádego comeza na indagación do profesor de Xornalismo da USC e investigador Manuel Gago, moi interesado nas invasións normandas en Galicia, das que existe documentación aínda que ata agora non estaban concretadas localizacións físicas. Trátase do mesmo estudo que o levou a descubrir aí a base dunha antiga fortificación en Foz, que aporta base real á lenda do Bispo Santo. O caso do Vicedo é diferente, pois non sería un afortalamento dos nativos contra as invasións, senón un asentamento dos invasores, nin máis nin menos o primeiro asentamento normando que se coñece en Galicia.

O historiador Manuel Miranda, da asociación Mariña Patrimonio, axudou á identificación de Moutillóns do seguinte xeito: «Gago comentaba que estes asentamentos son coñecidos como motas», así que empezou a buscar topónimos coincidentes ca palabra mota que puideran ter relación con estes afortalamentos, e así atopou Moutillós, o primeiro, aínda que asegura que existen máis. As motas «son montículos de terra levantados de forma artificial que funcionan como defensa, unha especie de protocastelo». Porén, as motas normandas teñen unha particularidade, pois «á parte do montículo tiñan un recinto onde estarían resgardadas as casas». Son as «‘motte & bailey’», engade Gago, que son habituais na Normandía francesa e nas Illas Británicas a partir da invasión de Inglaterra do ano 1066». O sitio arqueolóxico de Moutillós, di Miranda, «é unha fotocopia exacta das motas normandas».

«Sabíase que en Moutillós había un xacemento e considerábase que podía ser un castro, pero non ten nada que ver», asegura o de Mariña Patrimonio. Gago apoia esta afirmación argumentando que o lugar vicedense ten unha configuración específica dentro dos asentamentos fortificados costeiros da Mariña, pois a súa estrutura, «máis que castrexa ou propia da Idade de Ferro, revela interesantes coincidencias cos sistemas defensivos ‘motte & bailey’; é dicir, consta dun foxo, unha pequena muralla externa e unha mota artificial no centro, próxima ao cantil, que revela unha noción militar diferente á da Idade do Ferro tan abundante na costa luguesa».

O profesor cre necesaria unha investigación máis profunda para revelar a cronoloxía do asentamento. Na opinión de Miranda, «sen unha excavación é imposible saber se é unha mota normanda. A toponimia coincide e a estrutura tamén». Incluso a localización semella ideal, pois está nun alto da praia cun porto natural que conforman Os Castelos. «O sitio está escollido, non é casualidade que se asentaran alí», conclúe.


2 comentários:

El hombre más inteligente del mundo disse...

Boas, chamome Alejandro Merlán e son estudiante de 3º do Grado de Historia da USC. Dende que vin o artigo do 2 de Xuño de 2011 na Voz de Galicia, teño gran interese sobre este xacemento e a posibilidade de que se trate dun asentamento vikingo, o cal sería o único que persistíu o paso do tempo (en documentos fálase, por exemplo, doutro asentamento na Ría de Arousa do que non existen probas físicas). Gustaríame saber se xa existe algún tipo de plan de excavación ou investigación ou se existe a posibilidade de que se leven a cabo xa que, en palabras dun membro do departamento de Historia Medieval da USC, trataríase de algo excepcional.

El hombre más inteligente del mundo disse...

o meu correo electrónico é a.merlan.casal@gmail.com

perdón polo nome de usuario no recordaba ter isto posto XDD