Este
pasado fin de semana, sabado 7 e domingo 8, a Asociación
Sociocultural MariñaPatrimonio realizou un roteiro pola comarca da
Mariña Central nos concellos de Foz, Alfoz, O Valadouro,
Mondoñedo
e Lourenzá, en colaboración coa asociación afín Roxín Roxal, que
desenvolve o seu extenso labor de defensa do patrimonio cultural e
natural na comarca das Mariñas coruñesas.
A actividade contou cunha
participación total de 70 persoas convocadas entre as dúas
asociacións.
O
sábado o grupo visitou pola mañá a basílica de San Martiño de
Mondoñedo, o obradoiro e o paradisíaco xardín do artista Daniel
Caxigueiro, os restos do castelo da Frouxeira e a fortaleza do Castro
de Ouro; pola tarde o grupo desprazouse aos montes do Chao de
Padorno, onde se atopan o Prado das Chantas e diversos monumentos
megalíticos. O animador cultural e escritor valadourense, Lionel
Rexes, foi o encargado de guiar este roteiro.
O
domingo, a xornada comezou na praza da catedral de Mondoñedo coa
visita á sé episcopal, continuou cun interesantísimo percorrido
pola cidade e rematou na Ponte do Pasatempo. A visita foi guiada polo
concelleiro de cultura, Xusto Fernández Haro e o arqueólogo
municipal, Abel Vigo. Despois dunha comida de confraternidade na
Casa da Penela, en Masma, o grupo rematou a xornada na Fortaleza de
Tovar, un espectacular edificio do s. XVI que domina o fermoso val de
Lourenzá na parroquia de Sto. Tomé e que está aberto ao público
desde comezos deste ano, despois dun admirable traballo de
restauración e posta en valor, por parte do seu propietario, José
Ventoso.
MariñaPatrimonio
valora de xeito moi positivo estas xornadas de divulgación do
patrimonio histórico mariñán e, especialmente, o resultado desta
colaboración que abre a porta a un traballo de cooperación entre
estes dous colectivos que comparten obxectivos e intereses en torno á
defensa, divulgación e goce social do patrimonio cultural material
e inmaterial así como natural, tan valioso como ameazado e
necesitado de atención.
Nas
próximas semanas, o colectivo ten programado un roteiro curto no
concello de Cervo, para dar a coñecer e pór en valor a Fraga de
Martín Paz, na cabeceira do Rio Covo, un espazo natural de bosque
atlántico moi ben conservado e que, por iso, precisa ser protexido
fronte á expansión do eucaliptal.
Fotos:
Sem comentários:
Enviar um comentário