Patrimonio
puido ter evitado os graves danos sufridos recentemente polo
xacemento
ADEGA e
Mariña Patrimonio vimos de denunciar perante o Servizo de Patrimonio
Cultural de Lugo os graves danos que sufriu unha das estruturas
circulares no sitio arqueolóxico de A Mourisca, localizado no
concello de Cervo. Os danos foron ocasionados no transcurso dos
labores de corta e replantación de eucalipto que afectaron a toda a
superficie do recinto circular e máis do parapeto que o define. As
remocións de terra, xunto coa utilización de pas mecánicas no
recinto, danaron gravemente a estrutura arqueolóxica de A Mourisca.
A Mourisca é un
sitio arqueolóxico que se atopa nunha chaira do monte Motín,
situado entre Castelo, Viladesuso e A Senra. Está formado por dúas
estruturas circulares duns 30 m de diámetro, posibles henges,
e máis dúas mámoas. Como non se teñen feito prospeccións nin
estudos na zona, non se pode desbotar a existencia doutros elementos
arqueolóxicos.
Antes de solicitar
á Dirección Xeral de Patrimonio a inclusión no Inventario de
calquera posible xacemento, Mariña Patrimonio e ADEGA poñémonos en
contacto con arqueólogos para que visiten o lugar e valoren a
autenticidade do xacemento. No caso de A Mourisca tivemos a
oportunidade de ensinarllo a un total de sete arqueólogos e todos
eles coincidiron en que A Mourisca é un sitio arqueolóxico único
en Galiza e todos coincidiron, ademais, na necesidade de inventariar
e protexer este singular ben patrimonial.
En consecuencia, o
27 de xaneiro de 2014 solicitamos no Servizo de Patrimonio de Lugo a
inclusión no Inventario destas dúas estruturas circulares. Despois
de vinte e un meses de demora, o 14 de outubro de 2015 un técnico de
Patrimonio de Lugo inspeccionou o lugar e comprobou a existencia das
citadas estruturas; así mesmo, no transcurso da inspección
entregáronselle pequenos anacos de cerámica que foran atopados nun
dos recintos circulares. Posteriormente, os técnicos de Lugo
incluíron no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos estas
estruturas como Referencias
coas claves GA27013REF.03 e GA27013REF.04, respectivamente. Porén, o
feito de incluír no Inventario un lugar como
Referencia supón
que non sexa recoñecido oficialmente como xacemento e, por tanto, o
lugar queda sen a debida protección.
Por este motivo,
ADEGA e Mariña Patrimonio temos explicado a anómala situación de A
Mourisca e, asemade, temos expresado a nosa disconformidade en
reiteradas ocasións en distintos foros: con asociacións en defensa
do patrimonio, con persoas do mundo da cultura, con políticos de
diferentes forzas políticas, co alcalde e con concelleiros de Cervo
e mesmo con Patrimonio.
Posiblemente froito
destes contactos, en maio a
prensa facíase eco
da existencia do sitio arqueolóxico de A Mourisca, ao tempo que
reproducía as declaracións da Dirección Xeral de Patrimonio nas
que se anunciaba a corrección da ficha que fora elaborada polo
Servizo de Patrimonio de Lugo: «Respecto
dos outros dous círculos, os técnicos de Patrimonio constataron a
súa autenticidade como xacementos arqueolóxicos, e por tal motivo
estase a reformar a ficha para cambiar a súa situación de
referencia a xacemento arqueolóxico».
Lamentablemente a
corrección chega tarde para evitar os danos que se produciron no
xacemento, por iso pedímoslle á Dirección Xeral de Patrimonio que
adopte medidas para que o Servizo de Patrimonio de Lugo non repita
erros con consecuencias tan graves como as derivadas deste caso e,
así mesmo, agardamos que Patrimonio sexa quen de definir onde fallou
o Servizo de Patrimonio de Lugo e o grao de responsabilidade que tivo
este Servizo nos danos que sufriu o sitio arqueolóxico de A
Mourisca, por non contar este ben patrimonial coa necesaria
protección, pese as nosas reiteradas advertencias.
Sem comentários:
Enviar um comentário