ADEGA e Mariña Patrimonio presentamos o pasado 9 de maio unha denuncia perante o Servizo de Patrimonio Cultural, despois de termos noticia da destrución do dolmen da Casa dos Mouros de Lobeira (Budián, O Valadouro- Lugo) no transcurso duns labores forestais.
Segundo a información achegada por diferentes fontes, supostamente os responsables dos danos infrinxidos na Casa dos Mouros terían incumprido os requisitos de patrimonio para a corta e plantación dos eucaliptos no dolmen e na súa zona de protección.
Probablemente
os espoliadores aproveitaron as pas mecánicas e a maquinaria pesada,
utilizadas na realización dos labores forestais, para extraeren dous
esteos do dolmen e para trasladar un deles a un xardín situado nunha
casa no concello de Foz, onde foi localizado polo SEPRONA.
O
outro esteo deixárono abandonado á beira da mámoa porque lles
partiu cando o sacaron do túmulo.
Lamentablemente,
ademais deste espolio, o túmulo foi totalmente furado coas pas
mecánicas o que acabou provocando aínda máis danos no xacemento.
Sábese
que o dolmen da Casa dos Mouros é un xacemento sobradamente coñecido
polos veciños do lugar, pero ademais existe bibliografía sobre el
e mesmo podemos atopar información na páxina oficial do Concello de
O Valadouro, así como noutros sitios da Internet.
A
masiva destrución do patrimonio, provocada pola industria do
eucalipto, é un grave problema que a Consellería de Cultura non
quere afrontar, sexa por submisión á todopoderosa industria
forestal ou simplemente por falta de capacidade.
Dáse
a circunstancia de que hai exactamente un ano denunciamos os danos
ocasionados polos eucaliptos no outro túmulo existente na Lobeira.
A día de hoxe non temos constancia de que a Consellería de Cultura
teña actuado para esclarecer os feitos denunciados. Sexa por
incompetencia ou por submisión, a Consellería está enviando unha
mensaxe clara: a destrución do patrimonio non ten consecuencias para
quen o destrúe.
Por
último, ADEGA e Mariña Patrimonio queremos darlle os parabéns ao
Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil pola súa rápida e
eficaz actuación, xa que grazas ao seu labor localizáronse os
restos espoliados e foron identificados os posibles responsables dos
danos e do espolio da Casa dos Mouros de Lobeira.
Sem comentários:
Enviar um comentário