Sorpresa agradable ao comprobar o interese en coñecer o redescuberto
henge de Lavandeira, en Xove. Arredor de 20 persoas responderon á
convocatoria-quedada realizada nas últimas horas polo Concello de Xove e
Mariña Patrimonio para comprobar in situ o aspecto que ofrece este
interesante xacemento, tras a intervención do departamento de estradas
da Xunta de Galicia.
Santiago Nogueira, arqueólogo que supervisou os traballos efectuados, realizou
unha sinxela descrición deste henge, estrutura circular de 50 metros de
diámetro que posuía un muro de pedra pola súa cara interior, mentres o
perímetro exterior estaba rematado por unha acumulación de terra e xabre
e rodeado por un foxo. Avanzou tamén que se atoparon indicios no seu
interior doutra estrutura circular, concéntrica coa exterior, de pedras
que poderían constituír un cromlech, algo habitual nos henges coñecidos.
Considera o arqueólogo que o henge está en bo estado de conservación,
aínda que danado nalgúns puntos e alterado por camiños posteriores que o
atravesan, así como polos tocóns de eucalipto. Resaltou tamén a
importancia deste xacemento dado que se trata dunha construción que en
España resulta unha rareza arqueolóxica, se ben é moi abundante na
Europa do norte, particularmente nas Illas Británicas. A súa datación
corresponde coa Idade do Bronce, uns 4.000 anos de antigüidade e a súa
función podería ser de carácter relixioso, cerimonial e funerario, dado
que se atoparon foxas de enterramento en distintos puntos do seu
interior.
Agora, xa liberada toda a superficie do henge é o momento de tomar decisións sobre a súa posta en valor. Opina Nogueira que, para cumprir unha función divulgativa que puidese despertar interese turístico, non sería preciso realizar unha escavación. Serían suficientes as actuacións necesarias para facelo recoñecible, recuperando o seu perímetro orixinal naqueles puntos nos que está alterado, así como o correspondente foxo; liberalo dos restos de eucaliptos, instalar paneis informativos axeitados e manter o seu entorno limpo e coidado.
Mariña Patrimonio subscribe totalmente esta visión e anima as administracións competentes a completar o esforzo xa realizado para a recuperación deste valioso xacemento, a fin de que poida reverter á sociedade, e que esta poida percibir que o importante gasto xerado estivo plenamente xustificado.
Agradecemos ao Concello de Xove a súa implicación na realización deste acto divulgativo e ao arqueólogo Santiago Nogueira a súa dispoñibilidade e bo labor didáctico.

Sem comentários:
Enviar um comentário