9/21/2022

VISITA AO PATRIMONIO DAS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ

O pasado domingo 18, Mariña Patrimonio organizou unha nova excursión cultural. Nesta ocasión, o grupo composto por 23 persoas de distintos puntos da comarca, e guiados en todo momento polo arqueólogo Luis Gómez Souto, viaxou ás Pontes de García Rodríguez para coñecer o seu patrimonio cultural, centrado no seu pequeno pero interesante casco medieval así como na etnografía e a arqueoloxía, tanto prehistórica como industrial contemporánea.

Iniciouse a xornada cunha visita da man do seu guía Ismael á Igrexa de Santa María, situada no mesmo centro histórico da vila; un templo que ao longo da súa historia, iniciada sobre o século XIII, foi ampliado e modificado en distintas etapas ata o peculiar aspecto actual. Garda un marabilloso retablo barroco e conserva pezas de imaxinería relixiosa de gran valor.

 A continuación, na mesma praza, o grupo puido visitar e percorrer o coidado e fermoso Museo Etnográfico Monte Caxado, guiados polo seu creador e impulsor José María López Ferro, un home que adicou gran parte da súa vida a recoller e musealizar un numerosísimo e variado fondo de materiais que nos permiten manter na memoria a vida da comarca das Pontes e mesmo doutras zonas próximas.

A mañá completouse coa visita guiada polo noso guía e arqueólogo á exposición arqueolóxica “Man a man”; unha pequena pero interesante mostra de materiais recollidos no territorio municipal e pertencentes ao período comprendido entre o Neolítico e a presenza romana. Uns restos que nos permiten obter unha visión completa do patrimonio arqueolóxico antigo do Concello de As Pontes.

 Logo dunha opípara comida no Mesón O Puxigo, o grupo acometeu a xornada de tarde cun paseo polas dúas pontes medievais que dan nome á vila e por algúns edificios e rúas singulares da vila medieval. A continuación, desprazámonos cara ás inmediacións do lago artificial das Pontes, onde o noso guía fixo unha explicación sobre o nacemento e evolución da actividade mineira e industrial da vila, que propiciou o seu crecemento urbano planificado. Así mesmo, falounos arredor do importante impacto da mina de carbón e das diferentes industrias vinculadas ao seu aproveitamento sobre un territorio que posúe unha importante presenza prehistórica, como se pode apreciar nos numerosos campos de mámoas que marcan unha rede de camiños históricos de gran relevancia que atravesan este concello.

 Por último, queremos amosar o noso agradecemento a Isma, que actuou como guía na igrexa e realizou unha exhaustiva descrición da mesma; ao profesor López Ferro, pola súa disposición para guiarnos persoalmente no museo, e ao noso guía ao longo de toda a xornada, Luís Goméz Souto, pola súa xenerosidade e dispoñibilidade o que nos permitiu marchar cun coñecemento moi completo sobre esta vila que todos asociamos á actividade mineiro-industrial, pero que posúe un interesantísimo pasado medieval que sorprendeu á maioría do grupo.

+fotos: https://photos.app.goo.gl/v3akGvgkfday4WXt6

Sem comentários: