10/02/2022

Visita polo patrimonio do Valadouro

 

O Valadouro esperta grande interese. Isto é o que podemos deducir da masiva resposta á convocatoria que Mariña Patrimonio realizou para visitar o seu patrimonio, o que nos obrigou, lamentablemente, a pechar a admisión e ter que rexeitar numerosas solicitudes de participación. O programa respondía en boa parte a unha liña temática moi atractiva, proposta polo noso guía Xesús Pisón: a vinculación de moitas das igrexas e da imaxinería relixiosa a cultos precristiáns relacionados coa fertilidade, as deidades e seres mitolóxicos femininos, profundamente implantados no noso país antes da chegada do cristianismo e aínda hoxe presentes na tradición oral.

 Con este fío condutor, visitamos pola mañá a Igrexa de Santa Cruz, construída sobre un castro a partir dun antigo templo suevo do século V e vinculada posiblemente á pequena fonte das Curuxeiras ou de Santa Helena, próxima á igrexa, da que a tradición oral aínda conserva lendas referidas ás ninfas e deidades femininas que a habitaban.
 A continuación, visitamos a Igrexa de Bacoi, que tamén ten vínculos á mitoloxía asociada ás fontes e á fertilidade, e que posúe un fermosísimo retablo barroco que por si mesmo xustifica sobradamente a visita.
 Facendo unha paréntese no tema que fiaba as visitas, tivemos a ocasión de visitar o maxestuoso Pazo de Carrocide grazas á xenerosidade dos seus propietarios, Carmucha e o seu fillo Juanjo, a quen expresamos a nosa gratitude por amosarnos a súa fermosa capela e as estancias principais do pazo, en especial o marabilloso salón que posúe unhas pinturas ao fresco en moi bo estado de conservación.

A xornada de mañá rematou cun breve paseo e a correspondente caña pola vila de Ferreira, que viña de celebrar o seu mercado semanal, e un espléndido xantar no Asturias, que non nos decepcionou.

 Xa preto das cinco iniciamos as visitas da tarde, á Pena Abaladoira, na parroquia do Pereiro; un bolo granítico máis no medio desta paraxe que constitúe un auténtico festival de morfoloxía granítica ao pé do Pico do Cadramón. A este penedo, pola súa capacidade de ser abalado, atribuíuselle ao longo da historia unha serie de propiedades máxicas, entre as que destaca a de propiciar a fertilidade feminina. Non pasou a ocasión sen que o grupo conseguise abalar a pedra e, quen sabe se acabará nun feliz desenlace ao cabo dos nove meses…
 Preto deste lugar, xa na parroquia do Cadramón, rematou a xornada no templo máis antigo do Valadouro, a capela de Santa Filomena, resto dunha igrexa románica do século XI, sobre un templo anterior prerrománico, que só conserva a ábsida ou presbiterio e o arranque dos muros da que foi a nave da igrexa parroquial do Cadramón, Labrada e Silán ata o século XIX, data en que foi desmantelada e as súas pedras reutilizadas na construción da igrexa parroquial de San Xurxo, quedando en estado de semiabandono. Este templo igualmente ten a súa orixe no culto á fertilidade, cristianizada e presente tanto nos canzorros que conserva coma na súa advocación principal a Santa Filomena e outras imaxes como a Santa Ana.

Na actualidade, a capela, que alberga importantes pinturas góticas do século XVI, permanece no esquecemento por parte das institucións responsables, a pesar dos esforzos dos veciños que a manteñen a duras penas custeando eles mesmos as reparacións indispensables. Desde Mariña Patrimonio facemos un chamamento ao Bispado de Mondoñedo, responsable directo, á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e ao Concello de O Valadouro, como corresponsables da súa conservación, para que se lle preste a atención que precisa urxentemente esta xoia patrimonial, probablemente a máis importante do Valadouro.

O noso agradecemento ao párroco do Valadouro, D. José Ángel Fernández, por autorizarnos as visitas, así como ás persoas responsables de abrir e pechar os templos de Santa Cruz de Bacoi e de Santa Filomena, pola súa desinteresada colaboración. Finalmente, o noso agradecemento a Xesús Pisón, que conseguiu darlle a esta visita unha perspectiva tan fermosa como interesante.

+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/jEM8ENQmxc1XN9eP9

Sem comentários: