Todos sabiamos que estaba aí e que era moi especial, pero o desbroce realizado días atrásdeixou unha imaxe impresionante do Castro de Rueta, como se puido apreciar nas vistas panorámicas que recolleron os medios de comunicación e as redes sociais.
Para dar visibilidade aos traballos de sondaxe, realizados ao longo desta semana con medios xeofísicos por un equipo de investigadores do CSIC, os seus directores, David González e Jesús García, tiveron a deferencia de guiar o numeroso grupo de persoas que acudiron á convocatoria realizada para coñecer estes traballos, atraídos pola espectacularidade das imaxes tomadas e pola novidade das actuacións anunciadas.
A visita comezou cunha explicación xenérica, de gran valor didáctico, sobre os castros; recintos amurallados propios da Idade do Ferro de entre 2.000 e 2.800 anos de antigüidade, nos que residiu de forma permanente a poboación ao longo duns mil anos. Salientaron os investigadores a monumentalidade do castro de Rueta, así como o seu excelente estado de conservación.
A continuación, o grupo atravesou o recinto amurallado pola súa entrada orixinal dando acceso a un extenso espazo no que chaman poderosamente a atención os numerosos promontorios que se pretende identificar, grazas ás sondaxes realizadas co magnetógrafo e o xeorádar, aparatos que permiten detectar ata varios metros de profundidade as posibles estruturas construídas.
A partir deste recinto maior, logo de cruzar un profundo foxo e unha nova muralla interior, accédese á parte alta do castro, que constitúe unha plataforma elevada que alberga un promontorio rochoso coñecido como Pena do Raio, de grande visibilidade tanto desde o mar como desde terra, o que deu lugar á pervivencia de diversas lendas na memoria colectiva do lugar. Nestes penedos aparecen diversas cazoletas, un tipo de petróglifos bastante comúns nesta zona, que deberán ser estudados con maior profundidade. Destacan, ademais, dous espazos aterrazados na parte que baixa cara ao cantil, de difícil interpretación, dado que non sabemos canto espazo do castro foi derrubado pola acción destrutiva do mar ao longo dos máis de dous mil anos transcorridos.
David González rematou a visita sinalando que quedan pendentes algunhas probas, que realizarán nos próximos meses con novos medios tecnolóxicos. Será tamén durante os próximos meses cando realicen o traballo de análise dos datos recollidos, o que permitirá a elaboración dun informe cos resultados destas sondaxes, as súas posibles interpretacións e posibles actuacións que se poderían acometer no futuro. Tamén incidiu na importancia de manter limpo de maleza o xacemento e aproveitar o seu enorme valor como recurso educativo, social e mesmo turístico. Finalmente, comprometeuse a vir explicarlle á veciñanza todo o que se desprenda do estudo sobre este xacemento de Rueta que, á vista do interese suscitado, constitúe un dos elementos identitarios máis relevantes de Cervo.Ver video
Sem comentários:
Enviar um comentário