Este sábado 22 de abril, o grupo de 24 persoas que se apuntou á viaxe organizada por Mariña Patrimonio á cidade de Lugo, gozamos dunha xornada moi proveitosa. Guiados polo historiador Julio Reboredo, gran coñecedor da cidade e da súa historia, especialmente da contemporánea, visitamos a exposición Lugo no tempo, o Vello Cárcere e realizamos un percorrido comentado pola cidade histórica.
Comezamos a xornada coa visita á exposición Lugo no tempo. Malia o escaso espazo físico dispoñible, a exposición ofrece unha síntese, non moi extensa, pero si moi equilibrada da historia da cidade. A selección de contidos e pezas expostas facilita un percorrido completo pola súa evolución histórica, habitualmente centrada no pasado romano en detrimento das etapas posteriores. Como vén sendo habitual neste programa de exposicións sobre as cidades de Galicia, a presentación dos contidos posúe un alto valor didáctico e resulta moi atractivo para o visitante. A continuación, achegámonos ao Vello Cárcere, un centro de interpretación resultante da rehabilitación do antigo presidio, integrado no centro da cidade e de grande valor arquitectónico e histórico. O seu atinado esforzo en explicar a etapa do cárcere que coincide coa Guerra Civil e posguerra, momento no que chegou a albergar a 1.200 presos, moi maioritariamente políticos, resulta impresindible para educar na memoria histórica as xeracións máis novas. Moi recomendable, polo tanto, para os centros educativos e as familias en xeral.
Logo dun agradable xantar de grupo no restaurante Lubre, a xornada completouse cun subtancioso e tranquilo paseo polo corazón da cidade, guiado e comentado maxistralmente por Xulio Reboredo, seguindo un itinerario que permitiu ver a evolución e crecemento urbano desde a época romana ata o século XX. Durante o paseo o noso guía explicou innumerables detalles sobre a arquitectura urbana e mesmo sobre a microhistoria que hai detrás de cada edificio e cada rúa. Quedamos moi agradecidos pola súa acollida e por compartir connosco esa pequena parte do seu vasto coñecemento.
FOTOS:
https://photos.app.goo.gl/CNK3rmSCpzZibd896
Sem comentários:
Enviar um comentário