9/27/2025

VISITA Á RIBEIRA SACRA

 

Tralo parón estival, Mariña Patrimonio retomou o pasado sábado 20 de setembro as excursións para coñecer o patrimonio das distintas comarcas do país. Nesta ocasión achegámonos á Ribeira Sacra, guiados polo arqueólogo e guía de montaña, Iván Álvarez Merayo.

A xornada empezou coa visita a dous lugares pouco coñecidos pero de grande interese na Ribeira Sacra do Miño, no Saviñao. No medio dun bosque de carballos que permite un paseo marabilloso ata este lugar, próximo ao castro de Leira Rapada, visitamos o dolme do mesmo nome, un espectacular monumento megalítico de forma pouco ortodoxa, pero claramente construído polo home aínda que utilizando parcialmente como base o rochedo natural. A enorme rocha de granito que cobre a cámara funeraria presenta un conxunto de petróglifos que, lamentablemente, ese día non eran visibles.

A continuacion, pasando polo monumental menhir de Buxán, duns tres metros de altura, trasplantado nunha finca privada desa aldea logo de ser rescatado ribeira abaixo do Miño, desprazámonos pola ruta da Ribeira Sacra ata os restos da capela de San Pedro de Cela, onde a pesar da néboa se pode adiviñar a fermosa vista sobre o Miño. A capela, románica, perdeu a cuberta e conserva os seus muros en bo estado, aínda que está moi necesitada dunha consolidación que evite a súa destrución total.

Logo destes lugares, desprazámonos ata a Ribeira Sacra do Sil para visitar as adegas de Vilachá, no concello de Brollón, unha aldea singular na que se concentran un total de 32 bodegas tradicionais. Alí, celébrase unha feira do viño anual e está a converterse nun espazo de grande valor etnográfico e cultural vinculado ao viño desde unha perspectiva tradicional. Neste espazo, a viticultora Pura Díaz Ferreiro, propietaria da bodega Val do Frade, ofreceunos un marabilloso xantar e explicounos ese espazo e o seu proxecto persoal que está conseguindo, non sen esforzo, manter e achegar ao público a viticultura tradicional, á marxe das grandes bodegas desta denominación de orixe que tanta proxección ten hoxendía.
Pola tarde, o noso guía, que exerce como arqueólogo municipal en Monforte, levounos ver a muralla de Morforte, de orixe medieval, que foi modificada logo da revolta irmandiña e presenta unha parte renacentista. Esta muralla, a pesar de que constitúe un elemento fundamental da cidade dos poderosos Condes de Lemos, permanece escasamente visible para o visitante malia a que conserva boa parte do seu perímetro e merecería unha atención acorde coa súa importancia histórica.
O noso agradecemento a Iván A. Merayo, pola súa paixón e esforzo en amosarnos aqueles bens patrimoniais menos coñecidos pero de grande interese, nun territorio, o da Ribeira Sacra, que está inzado de lugares e elementos patrimoniais únicos.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/6JqJUZ1eCqTh8XLd7



9/22/2025

Novas da escavación en Santo Estevo do Ermo

Durante unha semana levouse a cabo a segunda campaña de escavacións arqueolóxicas en Santo Estevo do Ermo. A intervención foi organizada por Mariña Patrimonio, coa dirección técnica de Tempos Arqueólogos, e contou co apoio económico da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, así como coa colaboración do Concello de Barreiros, da Eira da Xoana – ADEGA e da Irmandade de Santo Estevo do Ermo.

O traballo desenvolveuse na parcela adquirida o ano pasado grazas ás achegas solidarias de moitas persoas. O obxectivo principal era comprobar a existencia dun cuncheiro que foran detectado con anterioridade, e ao mesmo tempo obter máis información sobre o poboamento histórico do lugar.

Os resultados superaron as expectativas. Documentamos un importante depósito de cunchas (lapas, ameixas, berberechos) acompañado de restos de fauna doméstica como bóvidos e ovicápridos, e mesmo dalgunha ave. Tamén recollemos fragmentos de cerámica que permitirán precisar mellor a cronoloxía dos materiais. Todo apunta a que se trata dun conxunto datable na Alta Idade Media, o que reforza a idea de que Santo Estevo estivo ocupado de maneira continuada durante séculos.
Outro dos aspectos máis destacados foi a aparición de varios niveis de recheo, de máis de dous metros de potencia, que amosan
diferentes fases de ocupación nun mesmo espazo. Neles localizamos restos de construcións de barro con zócalos de pedra, revestimentos e abundantes elementos de cubrición, tanto en tella como en lousa de pizarra. Trátase dun tipo de edificación pouco coñecido para esta época na Mariña e que abre novas vías de estudo.
Como na escavación do ano pasado, organizamos unha
visita aberta ao público. Unhas trinta persoas achegáronse a coñecer os traballos de primeira man e a escoitar as explicacións dos arqueólogos. A boa acollida do acto confirma o interese que esperta Santo Estevo, non só polo seu atractivo natural e etnográfico, senón tamén polo crecente valor arqueolóxico que está a amosar.

Desde Mariña Patrimonio queremos agradecer unha vez máis a todas as persoas e entidades que fan posible estas intervencións. O noso obxectivo é continuar coas investigacións en vindeiras campañas, prestando especial atención á zona da antiga igrexa, que podería ser unha das máis antigas da Mariña.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/1fGJXmCyanr7EwTF9