9/27/2025

VISITA Á RIBEIRA SACRA

 

Tralo parón estival, Mariña Patrimonio retomou o pasado sábado 20 de setembro as excursións para coñecer o patrimonio das distintas comarcas do país. Nesta ocasión achegámonos á Ribeira Sacra, guiados polo arqueólogo e guía de montaña, Iván Álvarez Merayo.

A xornada empezou coa visita a dous lugares pouco coñecidos pero de grande interese na Ribeira Sacra do Miño, no Saviñao. No medio dun bosque de carballos que permite un paseo marabilloso ata este lugar, próximo ao castro de Leira Rapada, visitamos o dolme do mesmo nome, un espectacular monumento megalítico de forma pouco ortodoxa, pero claramente construído polo home aínda que utilizando parcialmente como base o rochedo natural. A enorme rocha de granito que cobre a cámara funeraria presenta un conxunto de petróglifos que, lamentablemente, ese día non eran visibles.

A continuacion, pasando polo monumental menhir de Buxán, duns tres metros de altura, trasplantado nunha finca privada desa aldea logo de ser rescatado ribeira abaixo do Miño, desprazámonos pola ruta da Ribeira Sacra ata os restos da capela de San Pedro de Cela, onde a pesar da néboa se pode adiviñar a fermosa vista sobre o Miño. A capela, románica, perdeu a cuberta e conserva os seus muros en bo estado, aínda que está moi necesitada dunha consolidación que evite a súa destrución total.

Logo destes lugares, desprazámonos ata a Ribeira Sacra do Sil para visitar as adegas de Vilachá, no concello de Brollón, unha aldea singular na que se concentran un total de 32 bodegas tradicionais. Alí, celébrase unha feira do viño anual e está a converterse nun espazo de grande valor etnográfico e cultural vinculado ao viño desde unha perspectiva tradicional. Neste espazo, a viticultora Pura Díaz Ferreiro, propietaria da bodega Val do Frade, ofreceunos un marabilloso xantar e explicounos ese espazo e o seu proxecto persoal que está conseguindo, non sen esforzo, manter e achegar ao público a viticultura tradicional, á marxe das grandes bodegas desta denominación de orixe que tanta proxección ten hoxendía.
Pola tarde, o noso guía, que exerce como arqueólogo municipal en Monforte, levounos ver a muralla de Morforte, de orixe medieval, que foi modificada logo da revolta irmandiña e presenta unha parte renacentista. Esta muralla, a pesar de que constitúe un elemento fundamental da cidade dos poderosos Condes de Lemos, permanece escasamente visible para o visitante malia a que conserva boa parte do seu perímetro e merecería unha atención acorde coa súa importancia histórica.
O noso agradecemento a Iván A. Merayo, pola súa paixón e esforzo en amosarnos aqueles bens patrimoniais menos coñecidos pero de grande interese, nun territorio, o da Ribeira Sacra, que está inzado de lugares e elementos patrimoniais únicos.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/6JqJUZ1eCqTh8XLd7



Sem comentários: