4/09/2014

A Pedra da Señorita

Outro impresionante seixo; na actualidade serve de límite entre os concellos de Lourenzá e Riotorto.
Neste texto collido de Galicia Encantada vemos que comparte a mesma lenda con outras pedras, dolmens e pedrafitas da nosa terra.

A Pedra da Señorita
Polo monte da Pena do Porco, A Muxueira, límite natural dos concellos de Riotorto e Lourenzá (Lugo), pasa o que chaman "camín real", que unía a Augaxosa coa cidade de Mondoñedo. No medio do camiño atópase un enorme penedo que, segundo nos conta a lenda, levou ata alí unha señorita (unha moura?) de Mondoñedo na cabeza, empregando como rodela a capa dun muíño, e foi todo o tempo comendo zamelos (castañas cocidas).
Outra lenda di que o nome da pedra débese a que as señoritas que viñan á feira da Augaxosa cargadas coas cestas, pousábanas na pedra para poder descansar.



4/04/2014

O Marco da Pena Verde

Outro lugar de Trabada visitado con Pancho Campos, A Pena Alta ou O Marco da Pena Verde, na parroquia de A Fórnea.
Impresionante pedrafita de seixo de dous metros de alto.


4/03/2014

As Pallaregas

 Estas son As Pallaregas (concello de Trabada), onde se atopa un campo de mámoas; nas fotos podemos ver os restos dun dólmen.
As fotos foron feitas hai uns catro anos e acompañounos e guiounos o amigo Pancho Campos Dorado.



4/01/2014

Castro de Nois

Aproveitamos esta foto aérea de Humberto Palacios Pool para amosar o castro de Nois, tamén coñecido como Fontecastra ou castro Curveiro.
Este é un dos castros costeiros menos coñecidos porque non ten un gran parapeto e, aínda que aparentemente non ten sistema defensivo, conserva un impresionante sistema de foxos.
Polo Leste vense dous foxos picados na rocha (fotos 1-2-3) e polo Este hai tres foxos (fotos 4-5-6-7-8)
Tamén observamos dous foxos e un parapeto transversal ao foxo principal (fotos 1-2)
O sistema de foxos sería aproximadamente como se amosa na última imaxe.
Este castro ten un xemelgo en Foz, o castro do Carreiro.









Útil paleolítico

 Chopping-tool, aparecido na Pampillosa (Foz) tralos temporais de 2010. Hoxe depositado no Museo Arqueolóxico de Vilalba.

3/07/2014

APARECEN DÚAS ÁNCORAS DE PEDRA E LASTRES DE SÍLEX NO SITIO ARQUEOLÓXICO DOS MOUTILLÓS (O VICEDO)

MariñaPatrimonio ven de comunicarlles ao Servizo de Patrimonio da Xunta e ao alcalde do Vicedo, a aparición dun número significativo de lastres de sílex e dúas áncoras de pedra no sitio arqueolóxico dos Moutillós, na praia de San Román, O Vicedo (Lugo).
Os lastres son os pesos que precisan as embarcacións para manter a estabilidade, cando van sen carga. Os lastres dos Moutillós son de sílex, un mineral case inexistente en Galicia e moi abundante nas costas inglesas e normandas. Probablemente estes sílex chegaron aos Moutillós en barcos ingleses ou normandos.

En varios portos da Mariña, como o de San Cibrao, aparecen lastres de sílex, froito do intenso intercambio comercial entre A Mariña e Inglaterra na antigüidade.

As áncoras de pedra atopadas nos Moutillós están feitas con pedra do lugar, chamada gneis ou “ollo de sapo”. Estas áncoras destacan polo seu tamaño e peso (66 e 127 quilos), o que nos dá unha idea das dimensións dos navíos que as utilizaron .

Segundo sinalan os expertos consultados por MariñaPatrimonio, a áncora máis pequena é un modelo moi empregado durante a Idade Media. A de maior tamaño, porén, é un modelo descoñecido até agora nas costas galegas.

Os lastres e as áncoras aparecen concentrados no mesmo lugar, o que fai sospeitar que haxa unha posible relación entre ambos elementos.

Agora cumpría facer un estudo para datar estes achados e ver que tipo de relación gardan co xacemento arqueolóxico dos Moutillós.

Dende o 2011 hai un apaixonante e enriquecedor debate sobre que tipo de xacemento arqueolóxico son os Moutillós. Patrimonio sostén que non é un castro nin un asentamento tipo motte and bailey pero baseándose nos testemuños dos veciños, que aseguran que neste lugar aparecen restos arqueolóxicos, non descartan que houbese algún tipo de asentamento.

Para MariñaPatrimonio, a quen os veciños informaron sobre a presenza de ósos humanos enterrados na zona dos moutillós, así como para algúns investigadores e arqueólogos, os Moutillós gardan un gran parecido cos motte and bailey construídos polos normandos en Inglaterra e outros puntos de Europa.

Nin a hipótese sobre a existencia dunha mota normanda nos Moutillós nin a hipótese contraria poderán ser demostradas, en tanto non se realicen catas e un estudo arqueolóxico serio e rigoroso.

MariñaPatrimonio solicita á Xunta a recollida dos restos arqueolóxicos, que os temporais sacaron á luz, e que os Moutillós figuren como xacemento no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos.
Contrariamente ao que se ten informado, os Moutillós non aparece como xacemento arqueolóxico no citado Inventario e, polo tanto, este sitio carece de protección.

MariñaPatrimonio recoñece o interese amosado polo alcalde de O Vicedo en relación co xacemento dos Moutillós e cos restos recentemente aparecidos.



2/19/2014

A explotación mineira, os Canos dos Mouros, novo xacemento arqueolóxico en San Martiño (Foz)

Este ben patrimonial pode ser destruído polo trazado da futura autoestrada A-82, Barreiros- San Cibrao .
En marzo de 2013 veciños de San Martiño, a asociación cultural Pomba do Arco e MariñaPatrimonio acordaron solicitarlle ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza a inclusión das minas próximas ao castro de Mondoñedo, parroquia de San Martiño de Mondoñedo (Foz), no inventario de xacementos arqueolóxicos.
O Servizo de Patrimonio vén de recoñecer o sitio arqueolóxico, incluído no inventario coa clave GA 27019023. Esta inclusión conleva a súa protección e obriga á Xunta a garantir a protección e conservación deste ben patrimonial.
Dende decembro de 2013 o Cano dos Mouros goza de protección, pero dende o 2011 está sentenciado, posto que o trazado definitivo da autovía A-82 pasa porriba deste ben patrimonial e, se non se modifica, acabará sendo destruído, como tamén o será o castro da Senra, outro ben patrimonial que tampouco detectaron os arqueólogos que revisaron este trazado.
Unha vez máis vemos como os estudos de impacto medioambiental non están ben feitos e os trazados definitivos apróbanse, sen que se teña en conta o noso rico patrimonio.
A explotación mineira do Cano dos Mouros está composta por un gran foxo dunha mina a ceo aberto e dúas galerías. Unha destas galerías parece medieval, mentres que a outra probablemente sexa romana, tanto pola súa boa factura como pola semellanza coas galerías romanas do castro do Carreiro.
O trazado da autovía que pasa por San Martiño de Mondoñedo (Foz), foi amplamente rexeitada por veciños, asociacións e grupos políticos, debido ao enorme impacto visual que provocaría no contorno da Basílica de San Martiño. Un motivo máis para rexeitar agora este trazado é evitar a destrución do protexido xacemento arqueolóxico do Cano dos Mouros.
Dende a Pomba do Arco e MariñaPatrimonio agardamos que se modifique este trazado e que se escolla outro alternativo que non afecte ao noso patrimonio.

2/11/2014

As cicloxéneses afectan o sitio arqueolóxico de Estabañón (Viveiro)


A escasa protección das catas realizadas en 2007 favoreceu o efecto destrutivo dos temporais.

Mariñapatrimonio vén de informar ao Servizo de Patrimonio de Lugo que por mor dos temporais viuse afectado o sitio arqueolóxico de Estabañón, na praia de Area (Viveiro), o que provocou a destrución dunha parte do xacemento, especialmente os píos de salazón, onde Costas realizara unhas catas arqueolóxicas no 2007; catas que quedaron insuficientemente protexidas cunha capa de xeotextil e unhas pas de area.

Antes das cicloxéneses
Catas insuficientemente protexidas cunha capa de xeotextil e unhas pas de area. 


 Despois das cicloxéneses
No lugar apareceron novos muros e cimentación de edificacións, destacando un muro de gran anchura, situado ao sur do lugar das catas. No lugar tamén se aprecian un bo número de restos arqueolóxicos, entre eles un posible morteiro de pedra , e centos de fragmentos cerámicos: tixolos, tégulas, cerámica común romana e ánforas.

Novos muros
Mariñapatrimonio solicítalle á Xunta a recollida dos restos arqueolóxicos, para evitar o seu espolio e/ou a desaparición por causas meteorolóxicas; a documentación dos novos muros e das cimentacións aparecidas, así como o requirimento a Costas para que protexa de forma adecuada o xacemento e evite a súa destrución.

Ligazón para as fotos.

2/09/2014

Presentación do libro “Alicornio. O Poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega” de Rafael Quintía Pereira.

O vindeiro sábado día 15 de febreiro ás 19:00h no CENIMA de Foz, terá lugar a presentación do novo libro do antropólogo Rafael Quintía Pereira, “Alicornio. O Poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega”.
Nesta presentación, o autor falaranos dun dos animais míticos máis universais: O unicornio. Ó seu corno –o alicornio- atribúenselle dende a máis remota antigüidade propiedades sandadoras contra tódolos velenos e moitos máis prodixios.
En Galiza, a crenza nos poderes curativos do alicornio callou fondo converténdose a máxica hasta no amuleto por excelencia para curar o mal de pezoña e outras doenzas da pel.
Neste traballo etnográfico Rafael Quintía Pereira fai un extenso percorrido polo mundo do alicornio e as súas virtudes e ofrécenos unha viaxe na procura dalgúns dos poderosos alicornios que aínda están activos na nosa terra.
Rafael Quintía Pereira. Nado en Vigo no ano 1971 é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural, así como licenciado en Ciencias Empresariais, escritor e músico tradicional.



1/22/2014

O Santo Estevo do Ermo - Augas Santas, novo xacemento arqueolóxico no concello de Barreiros (Lugo).

 A colaboración entre a Irmandade Santo Estevo e MariñaPatrimonio para a protección deste ben patrimonial dá os seus primeiros froitos ao recoñecer a Xunta o lugar como xacemento arqueolóxico.

O pasado mes de setembro MariñaPatrimonio solicitou á Xunta a inclusión no Inventario de xacementos arqueolóxicos a antiga capela de Santo Estevo, o antigo cemiterio e as antigas construcións e abrigos naturais nos que habitaban as ermitás do Santo Estevo. Trala inspeción de campo e a localización destes vestixios arqueolóxicos, os técnicos de Patrimonio incluíron este sitio arqueolóxico no Inventario coa clave GA 27005014.
Santo Estevo do Ermo ou de Augas Santas é un oasis no inmenso eucaliptal da Mariña. Esta pequena fraga, asfixiada polos eucaliptos, conserva no seu interior un rico patimonio natural, paisaxístico, cultural, relixioso e arqueolóxico. Facendo un percorrido por esta xoia natural e cultural atopamos unha vizosa vexetación autóctona, que agocha a actual capela, construída no 1765 e en cuxa contorna se ven celebrando dende tempos inmemoriables a romaría do Santo Estevo. Preto da capela podemos contemplar a fermosa fervenza, coñecida como o revertedoiro. Outros lugares de gran interese son a Fonte de Santa Rosa, arredor da cal centos de panos penduran das pólas das abeleiras e as súas augas curan as doenzas da pel; a Fonte de Augas Santas con augas ferruxinosas, boas para combater a anemia, e a Pena da Ferradura na que o cabalo de Santiago deixou a súa pegada.
Menos coñecida, aínda que viva na memoria colectiva dos veciños da contorna, é a existencia das ruínas da antiga capela, do antigo cemiterio e dos lugares habitados polas ermitás.
A Irmandade de Santo Estevo publicou en maio do ano pasado o interesante libro O santo Estevo do Ermo e a súa fraga no que recollen probas documentais da existencia destes bens patrimoniais.

Co recoñecemento da Xunta deste sitio arqueolóxico e a súa inclusión no Inventario, este ben patrimonial goza da protección que debería evitar a destrución e a desaparición deste interesantísimo lugar arqueolóxico. Desgrazadamente, igual que ocorre na maioría dos restos arqueolóxicos da Mariña, este de Santo Estevo non se libra da súa plantación de eucalipto. A industria forestal, irresponsable e destrutora do patrimonio, non respecta nin os antigos cemiterios.
Dende a Irmandade de Santo Estevo e a asociación MariñaPatrimonio consideramos que sería bo que a Xunta, o Concello, a industria forestal do eucalipto, as asociacións e os veciños unisen vontades e esforzos para protexer dun xeito integral o Santo Estevo do Ermo. O primeiro paso sería retirar os eucaliptos dos restos arqueolóxicos da antiga capela e do cemiterio.
Unha vez máis cómpre lembrar que protexer o noso patrimonio é responsabilidade de todos e supón un ben rendible para toda a sociedade.