4/28/2026

Ribeira Sacra - O Saviñao

Este sábado 25 de abril acolleunos cun espléndido día primaveral a Ribeira Sacra do Saviñao na nosa visita a algúns dos seus tesouros patrimoniais. Queriamos ver unha mostra do marabilloso románico da zona que a nosa guía Beatriz Pérez, da empresa de turismo cultural Máis que Románico, escolleu para ensinarnos ao longo da mañá e á que agradecemos a súa atención e felicitamos polo seu traballo.

Comezamos atravesando o Miño desde Chantada para achegarnos á primeira, Santo Estevo de Ribas do Miño, unha monumental igrexa monacal que destaca no medio do bosque atlántico da ribeira oriental do Miño. Románico de primeiro nivel por obra dos canteiros que viñan de construír a catedral compostelá aló polos comezos do século XIII; románico final e gótico incipiente co seu espectacular rosetón.

A seguinte parada foi a igrexa de San Paio de Diomondi, románico pleno nun templo que sufriu un lixeiro afundimento lateral, o que aconsellou reducir a altura inicialmente proxectada. Ten adosado un pazo episcopal e unha reitoral, hoxe restaurados con moito respecto e convertidos en albergue de peregrinos do Camiño de Inverno, o que entra en Galicia pola Ribeira Sacra.

Logo de facermos a foto de rigor no mirador do Cabo do Mundo, rematamos a mañá coa visita á fermosa igrexa parroquial de Santa María de Seteventos. Este templo, coa cuberta recén restaurada, amosa un románico máis modesto, pero conserva unhas pinturas góticas e un retablo policromado de gran beleza.

Logo dun bo xantar no restaurante Os Campeliños de Escairón, completamos a xornada visitando o Ecomuseo de Arxeriz, lugar emblemático na modernización do sector lácteo galego que veu nacer a empresa LARSA. Co tempo, baixo a dirección de Xosé Soto Rodríguez, Xosé de Arxeriz, o pazo e a explotación acabou por converterse nun gran centro etnográfico e arqueolóxico, que desde o falecemento do seu creador, a través da Fundación Xosé Soto de Fión, continúa ampliando a súa actividade divulgativa da cultura popular da Ribeira Sacra e mais do Castro de Arxeriz, ubicado dentro desta finca; un espazo moi ben preservado tanto no ámbito paisaxístico coma no arquitectónico. Os nosos parabéns e a nosa admiración a esta institución polo seu extraordinario traballo de musealización e divulgación etnográfica e arqueolóxica, modelo de preservación do patrimonio cultural galego. 

+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/tHw2At1ipdM8HFTV7 


 



4/27/2026

San Xoán Vello: unha cova única que agarda por unha nova intervención arqueolóxica


Pasados xa cinco anos desde a intervención arqueolóxica realizada na cova de San Xoan Vello, por fin se puido realizar o acto público no que os responsables da mesma explicaron os pormenores da intervención e os resultados e perspectivas que ofrece este singular xacemento.

Cunha sala de usos múltiples do concello de Viveiro practicamente chea de público, unhas cen persoas, os arqueólogos Rebeca Blanco e Francisco Alonso realizaron unha exposición clara e completa do contexto, proceso da intevención e resultados obtidos da mesma que abren tantas preguntas como respostas.

Estamos a falar dun xacemento que ten a súa orixe nunha cova mineira antiga de ferro cun manancial de augas ferruxinosas que aínda alguns veciños do lugar lembran. Cabe deducir que o lugar debeu ter xa en tempos antigos unha certa relevancia debida aos poderes curativos das augas e que debeu ser sacralizada e cristianizada neses tempos antigos que aínda descoñecemos.

Os datos obtidos nas sondaxes permiten asegurar que no século XII foi construída unha igrexa, que sufríu diversas modificacións ao longo dos séculos, como se evidencia na complexidade de muros e estruturas que se atoparon. A igrexa alberga unha necrópole con restos óseos duns dez individuos de distinta idade e xénero, así como moedas vinculadas aos enterramentos, e cerámica de época medieval e moderna. Sábemos, pola documentación previa xa coñecida que o templo foi igrexa parroquial de San Xoan de Covas ata que esta foi trasladada ao templo actual.  As sondaxes deixaron claro que baixo o nivel acadado, que nos refire ao século XII, hai niveis máis antigos que se precisa escavar para completar todos os niveis arqueolóxicos que non sabemos ata onde poden chegar.

O problema máis importante que resolver actualmente é o da seguridade. A cova está sendo afectada polo avance do mar e pola propia dinámica da rocha, que se ve afectada polas infiltracións de auga e as raíces dos eucaliptos, que xa deron lugar a desprendementos posteriores á intervención. Faise, por tanto, prioritario realizar un estudo de seguridade e realizar os traballos de consolidación necesarios para completar os traballos de escavación en área, que permitan desvelar todos os segredos que aínda garda a cova e a súa contorna e, quizais, se fose posible, a consolidación dos traballos realizados cara a posibles visitas de público.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, presente no acto, comprometeu esforzos por conseguir o financiamento necesario para acometer estes traballos que os técnicos consideran urxentes debido ao acelerado deterioro da cova. Mariña Patrimonio considera que hai suficientes argumentos, baseados na urxencia da actuación e no interese social e científico, como para realizar o esforzo económico necesario que complete os traballos realizados para recuperar este ben patrimonial que é único e singular en Galicia e mesmo en España.




4/13/2026

ADEGA E MARIÑA PATRIMONIO ALERTAN DO PERIGO INMINENTE QUE SOFREN OS PETRÓGLIFOS DE PARADA E OUTROS BENS ARQUEOLÓXICOS EN OUTEIRO DE REI

ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de comunicar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a situación de grave risco que afecta varios bens arqueolóxicos situados na zona de Parada, parroquia de Parada, no concello de Outeiro de Rei (Lugo), onde nestes momentos se están a desenvolver traballos forestais de corta de piñeiros e está prevista ademais unha nova plantación de eucaliptos.

O caso máis preocupante é o dos Petróglifos de Parada, localizados no punto de coordenadas X 609154, Y 4768054. Sobre a rocha na que se atopan hai actualmente troncos dos piñeiros xa cortados, nunha actuación que se está a realizar con maquinaria pesada e sen que se aprecien medidas de precaución ou protección respecto destes elementos patrimoniais.

Imaxes - Alex Negreira
 
 Segundo a información da que dispoñen ADEGA e Mariña Patrimonio, no ano 2020 púxose en coñecemento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a existencia destes petróglifos, confirmouse a súa autenticidade e asignóuselles un código GA, que ambas entidades descoñecen e por iso non poden achegar. A pesar diso, os petróglifos non foron incorporados nin ao visor do PBA nin ao visor de aproveitamentos forestais, unha circunstancia que incrementa notablemente o risco de afección ao non constar publicamente a súa existencia.  

ADEGA e Mariña Patrimonio advirten tamén de que na mesma zona arqueolóxica existen outros bens patrimoniais inéditos para a DXPC que poderían sufrir danos no transcurso destes labores forestais.

No punto X 609177, Y 4767991 localízase a primeira das Medorras de Parada, cunha masa tumular ben definida e conservada. Na súa contorna existe ademais un número significativo de penas con petróglifos tipo coviñas.

No punto X 609623, Y 4768360 localízase outra das Medorras de Parada, que conserva os chantos da cámara e do corredor, así como a súa masa tumular ben conservada.

No punto X 609281, Y 4768523 localízase a Medorra das Latas, que conserva chantos da cámara.

Ambas asociacións consideran que todos estes bens arqueolóxicos corren un risco inminente de sufrir danos nos próximos días por mor dos traballos forestais que se están a executar nesta zona, polo que reclamaron ás administracións competentes que actúen con carácter de urxencia.

En concreto, ADEGA e Mariña Patrimonio solicitan que se comproben de inmediato os feitos denunciados, que se inspeccione a zona afectada e que se adopten as medidas cautelares necesarias para evitar danos ou destrucións nos bens arqueolóxicos citados. Así mesmo, piden que, de ser o caso, se ordene a paralización inmediata dos traballos forestais na contorna dos elementos patrimoniais afectados mentres non se garanta de forma efectiva a súa protección.

As dúas entidades reclaman tamén que se valore a existencia e a protección do resto dos bens aquí sinalados, en particular as Medorras de Parada, a Medorra das Latas e as penas con petróglifos tipo coviñas existentes na contorna.

Ligazón de acceso a fotografías: https://photos.app.goo.gl/KtEMrMhQAk5myt8H6


 


 
 
 
 

 


 

4/05/2026

Mosteiro de San Martiño Pinario

 

Mariña Patrimonio iniciou a súa actividade anual de visitas ao patrimonio na capital de Galicia, centrándose no Mosteiro de San Martiño Pinario, o segundo edificio relixioso máis grande España, con vinte mil metros cadrados construídos. Hoxe é un edificio multifuncional no que se aloxa o Seminario Maior Diocesano, o Instituto Teolóxico Compostelano ITC, a Escola Universitaria de Traballo Social, da USC, o Arquivo Histórico Diocesano, ademais da Hospedería e Residencia universitaria, e a área visitable que alberga o Museo e a monumental Igrexa, elemento principal da nosa visita

 Foi construído entre finais do século XVI e o XVIII, sobre un edificio románico do século X vinculado ao descubrimento do apóstolo. A concentración de poder en San Martiño Pinario fixo que rivalizara coa propia catedral, o que condicionou a súa construción, deixando sen torres a súa monumental igrexa, ou ralentizando a construción do seu claustro procesional.

A igrexa de San Martiño é un espazo de grande volume e altura construída inicialmente en estilo renacentista e rematada en Barroco, destacando a súa cúpula nervada que lle aporta unha enorme luminosidade ao templo. A inclinación do terreo e a rivalidade coa catedral obrigou a realizar unha fachada que, ademais de estar orientada en sentido inverso ao habitual nos templos cristiáns, está escavada dando lugar a un espazo singular no seu exterior, que é a pequena praza de San Martiño. O templo ten unha nave única da que parten diversas capelas, entre as que destaca a da Virxe do Socorro, que foi ampliada posteriormente e convertida en igrexa parroquial. É moi destacable tamén a magnífica ampliación da sacristía, que conta cunha cúpula propia. As esculturas de José Ferreiro teñen un papel moi destacado neste templo así como toda a intervención de Fernando Casas Novoa, artífice do espectacular retablo maior, que ofrece dobre cara ao templo e ao tamén espléndido coro baixo que se ubica na ábsida, baixo os órganos. No espazo alto da nave reubicouse tamén o antigo coro da catedral.

Cómpre destacar que a visita foi guiada por Melisa, a quen agradecemos e felicitamos polo seu traballo explicativo rigoroso e ao tempo accesible e moi ameno. A visita a San Martiño Pinario completouse co privilexio de xantar, nada menos que no antigo refectorio do mosteiro, hoxe comedor da hospedería.

Pola tarde, o grupo desprazouse á Cidade da Cultura  para visitar a exposición “As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI”, una selección de 80 obras de 63 autores que ofrece unha percepción sensorial das estacións do ano mediante a cor e a luz, o son, as texturas e a temperatura ambiental das diversas salas que compoñen o percorrido. Foi posible, ademais, visitar outra exposición moi interesante, “Francisco Asorey, unha recuperación necesaria”, que ofrece una ampla mostra da obra do gran escultor galego contemporáneo, realmente, unha experiencia que merece unha visita ao Gaiás.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/veko8R8NehTsKCwcA