Fermoso
día de outono con sabor a verán tardío o que permitiu gozar dun
espazo natural marabilloso, o val do rego da Furna, un val formado
por un antigo glaciar que, non sendo oficialmente cabeceira do río
Ouro, constitúe o seu ramal máis longo. O grupo de sendeiristas que
respondeu este pasado sábado á convocatoria de MariñaPatrimonio
atravesou ata vinte veces o curso pedregoso do río que serpentea
ondulante polo fondo do antigo val glaciar
As
recentes choivas da pasada semana xa permitiron o crecemento de gran
variedade de cogomelos, sobre todo boletos, cantarelus e rúsulas,
que non pasaron desapercibidos para os paseantes. Pola fraga que
forman os tres regos que confluen na cabeceira do val o grupo
recreouse na enorme variedade de especies vexetais, carballos,
bidueiros, acibros, freixos... e numerosos indicios dunha activa vida
faunística de aves rapaces, xabaríns, cabalos, lobos...Os regos, na
cabeceira do val máis pendente, son unha fermosa sucesión de
pequenas fervenzas e pozos
labrados sobre a rocha granítica.
O
paseo comezou e rematou na capela de Sta. Filomena, resto dunha
antiga igrexa do S. IX ou X, da que se conserva soamente a ábsida e
unha parte dos muros, que nos dan idea da dimensión dese templo
orixinal. Tristemente, o seu estado de conservación non está á
altura do seu valor patrimonial, e non está peor porque a vecindade
se ocupa minimamente do seu coidado.
A
actividade prorrogouse coa subida ao pico do Cadramón, o punto máis
alto da Serra do Xistral(1.056 m) desde onde se pode contemplar unha
panorámica realmente espectacular, e finalmente coa visita á Pena
Abaladoira situada á esquerda da estrada que comunica o Valadouro
con Abadín, no medio dun auténtico festival de formacións
graníticas. Unha refrescante cervexa na vila de Ferreira pechou unha
xornada redonda, que deixou un agradable sabor de boca aos
participantes.
Sem comentários:
Enviar um comentário