MariñaPatrimonio realizou este sábado unha viaxe a
varios xacementos do Parque Histórico do Navia, un interesante
modelo de xestión do patrimonio cunha ampla e ben planificada posta
en valor dos seus recursos patrimoniais e que está a xerar
importantes réditos económicos a través do turismo cultural. No
Parque Histórico do Navia fixéronse intervencións arqueolóxicas
en numerosos xacementos, entre os que destacan os castros de Coaña
e Chao Samartín que posúen sendos centros de interpretación nos
que se expoñen unha parte dos materiais atopados nas sucesivas
campañas de escavación.
O
grupo iniciou a visita polo Castro de Coaña, o xacemento que máis
tempo leva sendo estudado e con maior extensión escavada. De seguido
visitou o xacemento de Pendía, que chama a atención pola dimensión
das súas defensas e a existencia de dúas saunas, nun espazo
habitable relativamente reducido.
Durante
a tarde, realizouse unha visita ao Museo Etnográfico de Grandas de
Salime, un completísimo espazo para coñecer a vivenda tradicional,
os oficios e modos de vida da zona occidental de Asturias dos últimos
cen ou douscentos anos. Rematouse a xornada coa visita ao Museo de
Chao Samartín e ao seu castro; seguramente, o máis interesante de
toda a comarca, tanto pola enorme colección de restos atopados como
pola súa prolongada ocupación: Idade do bronce, Idade do Ferro,
Romanización e reutilización como necrópole na Idade Media. Un
terremoto na época de ocupación romana provocou o abandono do
castro. Destaca neste xacemento, dentro do propio recinto
fortificado, unha domus ou gran casa romana, asociada á presenza
dalgún alto militar que dirixiu a explotación do ouro na comarca.
Os
tres castros visitados teñen en común a existencia dun conxunto
urbano integrado por saunas, praza pública e cabanas comunitarias de
gran dimensión.
Os
participantes nesta actividade organizada por MariñaPatrimonio
volveron á Mariña gratamente sorprendidos polas visitas realizadas
e convencidos de que a nosa comarca e o seu enorme potencial
arqueolóxico merecería recibir, cando menos, a mesma atención que
lle prestan os nosos viciños asturianos ao seu patrimonio.
Sem comentários:
Enviar um comentário