O
pasado domingo, acompañados dun tempo excelente para camiñar,
iniciabamos a tempada de actividades de outono en colaboración coa
Asociación cervense, A Fervenza de Sargadelos, cunha tranquila e
cómoda ruta pola beira do río Xunco desde a súa desembocadura en
Rueta ata o seu paso polo conxunto histórico de Sargadelos.
A
andaina foi precedida dunha visita á punta de Rueta, onde se ubica
un dos castros costeiros máis interesantes da comarca, pola súa
atípica forma e as súas imponentes defensas. A limpeza do seu
acceso, realizada polos operarios municipais, permitiu entrar neste
xacemento, que permanece moi ben conservado debido á súa ubicación.
Puidemos ver tamén os petróglifos que se atopan na proximidade do
castro, en particular, o único con círculos concéntricos atopado
na comarca.
Río
arriba percorremos o abundante conxunto de muíños que o Xunco
alimentaba en tempos pasados, dos que desgrazadamente só se
conservan a metade, algúns deles certamente espectaculares pola súa
dimensión e que merecerían unha intervención a prol da súa
conservación.
A
xornada rematou cara ó mediodía no entorno do Conxunto Histórico
de Sargadelos, onde o nutrido grupo de 60 participantes fixo a
pertinente foto e amosou a súa satisfacción pola fermosa mañá que
pasamos xuntos.
Debemos
agradecerlle ao Concello de Cervo a súa importante colaboración,
aportando o autobús para o traslado dos participantes ao inicio da
ruta, pola preparación do sendeiro e pola difusión deste evento.
Tamén agradecerlle a Alberto Viamonte, que nos permitiu entrar na
súa propiedade para visitar os petróglifos de Rueta e á Asociación
amiga da Fervenza, pola súa boa disposición e traballo.
A
segunda parte desta colaboración vai ser convocada proximamente para
realizar o día 27 de outubro unha ruta diferente, pero non menos
interesante, que percorre o concello de Cervo pola súa zona central,
cresteando os montes Cabaleiros para rematar na Senra.
Sem comentários:
Enviar um comentário