O
motivo fundamental da excursión realizada o pasado sábado 29 era
visitar a exposición Galicia,
un relato no mundo,
que permanece aberta desde o pasado mes de novembro no Museo Centro
Gaiás, da Cidade da Cultura de Compostela.
Sentímonos
privilexiados e profundamente agradecidos a Manuel Gago, Comisario da
exposición, que tivo a deferencia de guiarnos -malia as moitas
dificultades de axenda das que somos sabedores- e amosarnos un punto
de vista tan persoal ao percorrido. Unha exposición das grandes, das
que deixan pegada, tanto pola súa dimensión como, sobre todo, polo
seu novidoso enfoque, que permite achegarnos á nosa realidade
histórica con outras perspectivas ata agora moi pouco observadas,
ademais de polo seu formato innovador e atractivo. Sen dúbida, esta
visión da nosa identidade como pobo abre un camiño que merece ser
explorado porque enriquece e refresca a visión que tivemos ata agora
da nosa historia e porque contribúe a insuflar de orgullo a nosa
feble autoestima colectiva.
É
unha exposición extensa, que cómpre visitar sen présa e, se é
posible, facelo en varias veces . Se non o é, adicarlle o día
enteiro fai falla e paga a pena. No noso caso, completamos unha
primeira visita e, quen máis quen menos, manifestou a súa clara
determinación de volver achegarse á capital de Galicia para
completala antes do peche das súas portas, o próximo 12 de abril.
A
nosa excursión, tiña unha segunda parte, na que tamén Gago nos
acompañou e guiou pola periferia compostelá. Despois dun agradable
xantar de grupo no tamén periférico mesón O
Almacén,
moi recomendable para comer carne e comprar interesantes produtos
gourmet, visitamos o petróglifo
do Castriño de Conxo,
que
permanece vixiante na marxe dereita do val do Sar, unha das xoias da
arte rupestre galega, con representación de armas e outros motivos
singulares, aínda que de difícil interpretación.
Por
último, e antes de emprender a viaxe de volta, na outra ribeira do
val, puidemos achegarnos aos restos do Castelo
de Rocha Forte,
ou como o cualificou Gago, o “Sant’Angelo”
do
Arcebispado de Santiago, pola súa función como refuxio defensivo da
curia compostelá en época medieval, en tempos nos que afloraban os
conflitos entre o arcebispo e a burguesía compostelá. Asi mesmo,
serviu como punto de control fiscal da entrada principal a Compostela
desde a costa atlántica. Foi destruído no ano 1467 tras un ataque
masivo do exército irmandiño, como pode apreciarse nos numerosos
proxectís de pedra que conserva no seu recinto.
Sem comentários:
Enviar um comentário