No
pasado mes de abril, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e
Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, en
colaboración coa Consellaría de Medio Rural e a Consellaría de
Cultura e Turismo, actualizaba o visor de aproveitamentos forestais
da Xunta. Un dos principais obxectivos desta tarefa, que implicou un
investimento de 1.100.000 euros, era o de actualizar a información
xeográfica relativa ao Patrimonio Cultural de Galiza, é dicir,
revisar e mellorar a xeolocalización e delimitación dos BIC e
doutros elementos do inventario do patrimonio cultural, como castros,
mámoas ou petróglifos, para poñela a disposición de calquera
usuario a través do visor xeográfico da Xunta na rede. A
información contida neste visor ten carácter oficial, polo que unha
correcta actualización da mesma facilitaría aos propietarios
forestais a consulta sobre a existencia de elementos patrimoniais
naqueles predios nos que se dispoña a realizar algún labor
forestal, así como os trámites de autorización.
Sen
embargo, malia que as intencións eran boas, ADEGA e Mariña
Patrimonio detectaron que os límites marcados dun considerable
número de xacementos arqueolóxicos non se corresponden cos seus
límites xeográficos reais, poñendo en risco esas zonas
arqueolóxicas que deberan estar protexidas. Os erros detectados,
malia non ser xeneralizados, afectan a unha considerable parte do
territorio galego e resulta especialmente rechamante que os límites
de xacementos situados en concellos onde está aprobado o Plan Xeral
de Ordenación Municipal non coincidan coa delimitación contemplada
no catálogo de xacementos delimitados dos PXOM. Un exemplo
ilustrativo deste feito é o caso do concello de Ribadeo onde, dos
oito castros catalogados no seu PXOM, sete están mal delimitados no
visor. Outro caso significativo é o do Castro do Coto da Vela do
concello de Xove que, segundo o visor xeográfico da Xunta, conta
cunha superficie de 0,45 hectáreas, cando en realidade ocupa unha
extensión de 6 hectáreas, deixando 5,55 hectáreas do castro sen
protección.
Por
tanto, ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de solicitar á Consellaría
de Medio Ambiente que retire de toda circulación pública, tamén do
visor de aproveitamentos forestais da Xunta, a información
xeográfica presuntamente “actualizada” do Patrimonio Cultural de
Galiza, mentres a Consellaría de Cultura non faga unha profunda e
completa revisión desa información e non repare os erros de
delimitación e xeolocalización atopados. Así mesmo, requirimos
tamén á Consellaría de Medio Rural que non outorgue autorizacións
para cortas ou plantacións forestais naqueles predios nos que non
estea garantida a protección e a correcta delimitación de
xacementos e doutros elementos patrimoniais. Doutro xeito, tanto a
Consellaría de Medio Rural como a de Cultura poderían estar
favorecendo a destrución de xacementos arqueolóxicos catalogados e
protexidos e que os propietarios forestais se enfronten a elevadas
sancións. Podería darse o paradoxo de que os propietarios de monte
que consulten o visor de aproveitamentos forestais da Xunta para
determinar a presenza dalgún xacemento arqueolóxico nas súas
fincas acaben sendo sancionados por infraccións en materia de
protección patrimonial ao afectar algún xacemento mal delimitado
pola Xunta. Mentres non se realice a revisión da actualización dos
datos dos límites xeográficos dos elementos patrimoniais do país,
deberían prevalecer os que figuran nos Plans Xerais de Ordenación
municipal ou no Plan Básico Autonómico.
Sem comentários:
Enviar um comentário