A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, e Mariña Patrimonio denuncian publicamente a alarmante degradación do xacemento arqueolóxico da Roda, situado na parroquia de Santiago de Reinante, no concello de Barreiros (Lugo).
O estado de deterioración no que se atopa este sitio arqueolóxico é motivo de preocupación para ambas asociacións, que reclaman a acción inmediata das administracións responsables da conservación deste ben patrimonial, teoricamente protexido.
O xacemento arqueolóxico está abandonado e as súas estruturas arqueolóxicas gravemente degradadas. A vexetación medra no foxo, nos muros de pedra e nos estratos arqueolóxicos. Tamén se aprecian desprendementos de pedras no xacemento e nos cortes arqueolóxicos das sondaxes.
O incumprimento de custodiar e conservar o xacemento arqueolóxico da Roda é inaceptable, tendo en conta que a lexislación sobre o patrimonio cultural obriga aos propietarios dos xacementos a velar pola súa conservación. Neste sentido, ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron en decembro de 2022 unha denuncia perante a Dirección Xeral do Patrimonio contra o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana como titular dos terreos nos que se atopa o xacemento e, en consecuencia, responsable da súa conservación.
Un ano despois da presentación desta denuncia, ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron unha queixa formal perante a Valedora do Pobo, ao teren constancia de que a DXPC non tramitou dita denuncia e continúa a desentenderse do seu deber de custodiar e conservar este ben patrimonial.
As asociacións lembran que o xacemento da Roda foi escavado no ano 2006 durante a construción da Autovía do Cantábrico (A8) no tramo de Barreiros – Reinante. Inicialmente catalogado en 1989, atopábase nunhas coordenadas inexactas, erro de ubicación que foi detectado cando comezaron os movementos de terras na contorna da Roda para as obras da autovía.
Estas circunstancias obrigaron ao Ministerio de Transportes a realizar sondaxes valorativas e unha escavación posterior de todo o xacemento. Os resultados revelaron que o sitio, inicialmente considerado un castro, era posiblemente un recinto prehistórico anterior á época castrexa.
A relevancia arqueolóxica dos restos atopados levou á modificación do tramo da autovía para preservar a estrutura circular da Roda.
Xa no ano 2013, ADEGA, xunto con Mariña Patrimonio e Cultura do País, presentaran unha primeira denuncia polo abandono e deterioración do xacemento.
Posteriormente a esta denuncia, as distintas administracións responsables do xacemento da Roda de Barreiros anunciaron en repetidas ocasións a inminente consolidación e valorización deste ben patrimonial.
Será no 2015 cando a Xunta de Galicia promova e financie traballos arqueolóxicos para ampliar datos sobre o xacemento da Roda. Estes traballos consistiron nunha limpeza da vexetación que invadía o sitio arqueolóxico, así como a realización de sondaxes arqueolóxicas. Grazas a estas intervencións, logrouse un avance significativo na información sobre o xacemento, permitindo determinar con precisión que A Roda pertence ao período do Bronce Medio.
Dita intervención arqueolóxica situou o xacemento da Roda nun lugar de relevancia singular, tanto no panorama galego coma no Estado Español. Non obstante, a pesar dos importantes datos obtidos e das promesas en relación coa consolidación e valorización do xacemento, lamentablemente estas promesas nunca chegaron a materializarse.
O xacemento da Roda, malia a ser un xacemento escavado, carece dun plan de mantemento e conservación que protexa as súas estruturas arqueolóxicas dos fenómenos medioambientais nin dos factores biolóxicos.
Malia a que anualmente se realiza unha roza no xacemento, práctica insuficiente e posiblemente prexudicial, na actualidade é notorio e visible o estado de abandono no que se atopa este ben patrimonial, especialmente vulnerable por estar escavado e non contar cunha cuberta natural de solo que protexa os seus estratos arqueolóxicos. Nestes casos a deterioración é máis acusada que nun xacemento arqueolóxico non escavado, onde as arquitecturas e estratos arqueolóxicos estarían protexidos por un manto de terra.
A lexislación que protexe o patrimonio cultural é clara en canto á obriga dos propietarios de custodiar e conservar os bens protexidos, tal e como se recolle no artigo 36.1 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español e no artigo 32 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia. O incumprimento deste deber de conservación está sancionado como infracción administrativa en ambas normativas.
Dado que a obriga do Ministerio de Transportes é custodiar e conservar este ben patrimonial,
dende ADEGA e Mariña Patrimonio solicitan á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que tramite urxentemente a denuncia presentada por ambas asociacións en decembro de 2022 e que se fagan cumprir as normativas vixentes relacionadas coa protección do patrimonio cultural instando ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a emprender as accións necesarias para deter o proceso de deterioración e para protexer debidamente o xacemento arqueolóxico da Roda.
Cómpre non esquecer que A Roda de Barreiros leva dezaoito anos degradándose dende a súa escavacion no 2006, dezaoito anos sen que o Ministerio de Transportes cumpra as Leis de Patrimonio e dezaoito anos sen que a Dirección Xeral do Patrimonio actúe para corrixir esta anomalía.
É fundamental que o xacemento da Roda sexa preservado para que as futuras xeracións poidan coñecer e gozar do noso patrimonio histórico e cultural. A súa importancia arqueolóxica, tanto no contexto galego coma no estatal, é innegable e a súa degradación non pode seguir sen resposta.
Fotos: https://photos.app.goo.gl/LeqtMnwnR8px7hL96
Ligazón video: https://youtu.be/OjpkR_upLjk
Sem comentários:
Enviar um comentário