4/22/2024

Visita á Fonsagrada e Negueira de Muñiz

 

Mariña Patrimonio realizou a visita programada á Fonsagrada e Negueira de Muñiz, onde se celebraba a Festa do Viño, na que participaron preto de 30 persoas. O día presentouse espléndido para poder gozar das espectaculares paisaxes de media montaña desta zona de transición entre os Ancares e a costa cantábrica.

A primeira visita da viaxe, logo dunha breve parada en Santalla de Oscos, foi na aldea da Fornaza, na ribeira galega do río Navia, na cabeceira do encoro de Grandas de Salime, unha paraxe sobrecolledora pola súa beleza natural que non se veu mermada a pesar da importante intervención humana que supuxo a construción do encoro e a intensa actividade mineira do ferro e doutros metais desde época romana. A aldea, practicamente abandonada, inclúe unha fermosa capela coa advocación da Virxe do Carme, noutrora patroa tamén dos mineiros.

O grupo continuou ruta, seguindo o curso do encoro do Navia, para asistir á concurrida XIV Festa do Viño 2024 de Negueira de Muñiz. A aldea, a rebentar de visitantes, ofrece unha crecente oferta de adegas, incluídas na Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia, con distintas variedades de uva tinta Verdello, Serodo e Mencía, así como de uva Branca Lexítima. O microclima con rasgos mediterráneos desta ribeira do Navia fai posible esta riqueza vinícola que constitúe xa un importante recurso económico para este pequeno concello.

A festa non impediu  que puidéramos visitar a xeitosa igrexa de San Salvador de Negueira. O templo ten un fermoso e acolledor atrio que rodea a nave polo fronte e os laterais e unha planta en cruz con tres fermosos retablos de barroco popular. Rematamos a festa cun xantar en Casa Sidrón, unha das adegas de maior entidade da localidade, onde puidemos gozar do menú festeiro que ofrecía aos numerosísimos comensais que alí nos xuntamos este día.

Pola tarde, xa de volta, a excursión completouse cunha visita ao Museo Comarcal da Fonsagrada. Creado e dirixido por un padroado de veciños ao que se sumou o Concello e os centros educativos, mestura de xeito moi orixinal interesantes pezas de arte contemporánea con amplas seccións de etnografía, arqueoloxía e arquitectura popular da Fonsagrada, ofrecendo unha completísima visión deste inmenso concello, hoxe afectado coma tantos outros pola despoboación, pero cunha longa e espléndida historia de gran entidade demográfica, económica e cultural. 

Agradecemos ao cura párroco da Fonsagrada,Miguel Ángel Álvarez, a súa axuda para poder visitar a capela da Fornaza e a igrexa de Negueira.

Fotos: https://photos.app.goo.gl/1HkcmXDU3AvyURCu5

Sem comentários: